A avenida de Castrelos é unha vía urbana e semiurbana de Vigo. É unha das principais avenidas da cidade, e constitúe unha das vías radiais que parten da praza América e continúase até a parroquia de Valadares, onde se fusiona coa estrada homónima. Durante o seu percorrido atravesa máis de dúas ducias de rúas, estradas, avenidas e camiños, xa que comeza sendo unha vía urbana e remate sendo unha vía semiurbana. Entre as rúas coas que converxe, destacan a avenida de Antonio Palacios, a rúa alcalde Portanet ou a estrada de Clara Campoamor. Desde a construción do novo hospital Álvaro Cunqueiro, constitúe unha das principais vías de acceso a el.

Nas inmediacións da avenida atópase o parque de Castrelos, un dos principais espazos verdes da cidade, na que se atopan xardíns, un auditorio ao aire libre, o museo Quiñones de León e mesmo outros espazos verdes. No inicio da avenida de Castrelos sitúanse tamén o pavillón das Travesas e o IES Santa Irene.

No seu tramo intermedio, coincidindo co parque de Castrelos, o río Lagares atravesa a rúa de xeito subterráneo a través dun soterramento realizado na década de 1970. Antes desta data, o río atravesaba a zona pola superficie, baixo unha ponte medieval a carón da avenida, xusto en fronte do parque.

Tamén se atopa anexo á avenida de Castrelos o cemiterio de Pereiró.

Historia A avenida de Castrelos, tal e coma se coñece arestora, xurdiu da necesidade de conectar radialmente a concentración urbana do sur de Vigo, que abarcaba a contorna de praza América, coa parroquia de Valadares e a zona sur da cidade. Xa na década de 1920, cando a estrutura embrionaria da que hoxe é a avenida non era máis ca mesmo un camiño de xabre, existía un tranvía que percorría o que agora é a actual vía urbana. Este tranvía conectaba as zonas rurais e fundamentalmente agrarias da periferia co centro urbano da cidade, onde se producían intercambios mercantís de produtos agrícolas, entre outros, en prazas céntricas como a praza da Constitución.

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén Bibliografía Miguel Ángel Martínez López. Historias sociais, urbanas e mediáticas do Casco Vello de Vigo. Castrelos 9-10 (1996-1997). 313-338

Outros artigos Pazo de Castrelos

Categoría:Avenidas de Vigo