A ofensiva de Cataluña, tamén chamada batalla, campaña ou defensa de Cataluña, foi o conxunto de operacións militares que se desenvolveron en Cataluña entre decembro de 1938 e febreiro de 1939 dentro do marco da Guerra civil española, e que rematou coa vitoria das tropas franquistas. O obxectivo das tropas sublevadas era a toma de Barcelona e do reduto republicano de Cataluña, ao tratarse dunha área que permanecera leal á República desde o comezo do conflito.
Estratexia franquista Para facerse con Cataluña, o bando sublevado decidiu primeiro dividir a zona republicana en dúas. Deixaba ao sur as provincias de Valencia, Alacant, Murcia e algunhas de Castela a Nova; e ao norte un pequeno territorio que acollía parte da provincia de Tarragona e as provincias de Barcelona e Xirona, tal como se logrou en abril de 1938 coa ruptura da fronte de Aragón. Cataluña ficou illada dende entón e con poucas expectativas de recibir axuda de reforzos, malia que entón a cidade de Barcelona era a sede do lexítimo Goberno republicano.
Tras a batalla do Ebro (25 de xullo-16 de novembro de 1938), as tropas franquistas desgastaran gravemente os exércitos republicanos acantonados en Cataluña. Estes viron reducida a súa capacidade operativa pola perda de material de guerra e polas baixas en combate de soldados veteranos. Aínda que o Estado Maior do Exército Popular Republicano conservaba o «Grupo de Exércitos da Rexión Oriental», con 300 000 efectivos ao mando dos xenerais Juan Hernández Saravia e Vicente Rojo Lluch, a maior parte destas tropas eran recrutas inexpertos e carentes de armamento abondo para estaren equipados por completo. A aviación republicana tampouco se atopaba en boas condicións, con case un terzo dos seus aparellos en mal estado e incapaces de operar en combate.
A retirada das Brigadas Internacionais en outubro de 1938 privara a República dun continxente de tropas que, malia resultaren moi pequenas en número, eran experimentadas na loita. A este factor uníase a mala situación estratéxica de Cataluña, rodeada polo Mediterráneo e pola zona baixo control franquista. Con todo, conservaba a fronteira con Francia no extremo norte, susceptíbel de ser atacada polos flancos sur e oeste e tan só cos ríos Ebro e Segre como «defensas naturais».
Desenvolvemento das operacións
Ataque franquista polo Segre Tras adiar o ataque por mal tempo, o 23 de decembro de 1938 as tropas franquistas comezaron o seu ataque ao longo do río Segre (límite entre os contendentes) e romperon a fronte republicana ese mesmo día. Para evitar a penetración masiva de atacantes, o Goberno da República enviou o V Corpo de Exército, baixo o mando do tenente coronel Enrique Líster. O V Corpo contivo a ofensiva durante 12 días á custa de serias baixas e evitou que as tropas sublevadas penetrasen masivamente polo vértice dos ríos Ebro e Segre.
A crecida do caudal do Ebro como resultado das choivas de inverno impediu que as tropas do xeneral Juan Yagüe atravesasen o río e atacasen o sector sur das defensas republicanas. Así, a ofensiva sublevada tomou como base a beira oeste do Segre.
O ataque das tropas sublevadas estancouse. Debido ao clima nubrado e chuvioso, a aviación franquista non logrou facer valer o seu maior poderío, mentres as tropas republicanas lograron defenderse ben parapetadas en desfiladeiros e bosques. Porén, o 3 de xaneiro de 1939 un ataque de carros de combate forzou unha retirada republicana. Ese mesmo día as unidades franquistas de Yagüe lograron cruzar o Ebro e atacaron as tropas republicanas polo flanco sur cun gran cerco. Ademais, a mellora no clima permitiulle á aviación sublevada operar con maior liberdade. Así, cortou as fráxiles liñas de abastecemento republicanas e dificultou os movementos das súas tropas.
O día seguinte o bando sublevado atacou a poboación de Les Borges Blanques, co que rompeu de novo a fronte e causou unha retirada transformada en fuga. O 5 de xaneiro caeron Les Borges Blanques e Artesa de Segre en poder das tropas franquistas e a retirada republicana deixou exposto un gran sector da fronte, desprovisto de defensas.
As tropas republicanas que aínda defendían este vértice entre o Ebro e o Segre (principalmente veteranos da batalla do Ebro o verán anterior) fuxiron rapidamente ante a ameaza de quedaren cercadas polo norte e o sur. Namentres, as forzas franquistas lograron cruzar o Ebro e fixaron unha cabeza de ponte na localidade de Ascó para lanzaren ataques desde alí, grazas á súa maior forza loxística.
O mando republicano en Cataluña, dirixido polo xeneral Vicente Rojo, formou entón sucesivas liñas de defensa coas tropas aínda en condicións de loitar (chamadas L-1, L-2, L-3, e L-4). Porén, estas estaban pouco gornecidas e foron cercadas ou pasadas polas tropas franquistas en poucos días. De feito, á inferioridade numérica do bando republicano sumáraselle a inferioridade material. Tras a sangría da batalla do Ebro, a URSS parecía convencida da derrota final da República e non repuxera o armamento perdido, mentres que o bando sublevado continuaba a recibir dotacións de Alemaña e Italia.
A resistencia republicana afúndese O 9 de xaneiro o Goberno da República mobilizou os recrutas de substitución de 1922 e 1924 para superar a aguda escaseza de tropas na fronte. Porén, esta medida extrema era difícil de implementar pola falta de tempo, amais de que a grave falta de armamento facía inútil a acumulación na zona republicana de recrutas sen vituallas, fusís nin uniformes. Con todo, o 8 de xaneiro as tropas franquistas renovaron o seu ataque e tomaron Montblanc o día 12. O día 14 Valls caeu en poder do bando rebelde, co que este xa puido concentrar o máximo das forzas sobre Tarragona. Eses días as «liñas de defensa» republicanas formadas por orde de Rojo axiña foron batidas, mentres que derredor de Barcelona nin sequera había posicións defensivas en condicións de operar.
O xeneral franquista Juan Yagüe dirixiu as súas divisións do Corpo de Exército Marroquí pola costa mediterránea sen achar gran resistencia, xa que a maior parte das tropas republicanas estaban absortas na defensa do flanco occidental. O ataque franquista desde o sur non puido ser detido polos poucos batallóns republicanos adscritos a Tarragona, co que as tropas de Yagüe acabaron entrando en Tarragona e Reus o 15 de xaneiro. Meteron presión así polo sur á propia Barcelona, que sufría xa frecuentes bombardeos da aviación rebelde do mesmo xeito que Madrid en 1936.
O día 16 o Goberno da República ordenou a «mobilización xeral» de cidadáns de ambos sexos entre 17 e 55 anos de idade, así como a militarización de todas as industrias, pero a medida chegaba demasiado tarde para ser implementada de xeito eficaz. O Goberno republicano enfrontábase ademais a unha crise de abastecemento causada por miles de refuxiados republicanos que se dirixían en masa a Barcelona, agravada polos bombardeos que desde o 17 de xaneiro executaba a diario a aviación rebelde sobre a capital catalá.
Ante a crítica situación, o 18 de xaneiro Negrín e o Consello de Ministros acordaron declarar o «estado de guerra» e asignar ao Exército Popular da República a autoridade civil en retagarda, así como a subordinación das autoridades políticas ás militares. Con todo, a medida carecía de utilidade práctica. A liña da fronte xa estaba a 25 km do centro de Barcelona e os xefes militares estaban máis preocupados de evitar unha maior desmoralización das tropas que de asumir a autoridade civil. Tampouco axudaba que o Goberno da República ordenase o «estado de guerra» (e a suxeición das autoridades civís ás militares) tras trinta meses de combates, determinación que o bando sublevado tomara case dende o inicio da guerra.
Militarmente, o bando republicano carecía de dotacións e munición en cantidade e calidade necesarias para defender unha cidade tan extensa e poboada como Barcelona. Amais, a desmoralización das tropas xa era extremadamente grave de acordo á información entregada polo xeneral Vicente Rojo ao xefe de Goberno, Juan Negrín. A maioría dos recrutas da República (case todos da rexión catalá) case non crían no triunfo gobernamental e a poboación civil daba a guerra por perdida.
A caída de Barcelona Ao espallarse a nova da caída de Tarragona, ficou exposta de novo a fronte republicana. A retirada converteuse nunha fuxida caótica de refuxiados republicanos de toda clase: autoridades políticas, funcionarios, poboación civil común e mesmo soldados, que marcharon ás presas cara á fronteira francesa, ás veces mesmo sen pasaren por Barcelona.
Ante a ameaza de chegaren aos Pireneos miles de refuxiados republicanos, Francia decidiu abrir os pasos fronteirizos o 20 de xaneiro para deixar entrar en España o material de guerra destinado á República. Con todo, esta medida non serviu para organizar defensa algunha. A maior parte das tropas republicanas estaban xa desmoralizadas polas sucesivas derrotas e polo desalento que transmitía a enorme masa de refuxiados. As tropas estaban formadas en gran parte por mozos do servizo obrigatorio (a chamada «Quinta do Biberón») ou por soldados moi maiores e mostraban escasos desexos de combater malia as exhortacións dos seus oficiais e a insistencia da propaganda gobernamental. Así, tras dous anos e medio de guerra, preferían a rendición rápida no canto de arriscaren a vida ante o que parecía un triunfo inminente das tropas rebeldes.
A mañá do domingo 22 de xaneiro, o xeneral Rojo informou ao presidente Negrín e ao Consello de Ministros de que a fronte de combate novamente rompera entre Manresa e Sitges, a apenas 20 km de Barcelona. As tropas do Exército Popular da República abandonaran as súas posicións de campaña para salvarse dentro da capital catalá. Tras dita exposición, Negrín ordenou a evacuación de todas as entidades gobernativas cara a Xirona e Figueres, moito máis preto da fronteira francesa. Pediu aos departamentos gobernamentais o máximo sixilo na evacuación e dispuxo unha requisa masiva de vehículos civís para o 23 de xaneiro. Con todo, tal sixilo era imposíbel de manter ao implicar a evacuación de centos de funcionarios e de case todos os organismos gobernamentais, co cal o propio Goberno da República consideraba Barcelona como «indefendíbel» na práctica.
A noticia da saída do Goberno Republicano foi coñecida a mesma noite do 22 de xaneiro polos civís e refuxiados que aínda ficaban en Barcelona. A noticia da evacuación do Goberno, similar ao vivido en Madrid en outubro de 1936, foi o sinal para unha nova fuxida caótica de civís republicanos, agora desde Barcelona cara á fronteira francesa.
A partir do 23 de xaneiro miles de simpatizantes republicanos de toda clase fuxiron de Barcelona. Levaron consigo as súas familias e pertenzas e asaltaron os almacéns de alimentos para teren con que sobreviviren durante a marcha cara a Francia. Abandonaron desordenadamente a cidade en automóbiles, camións, bicicletas ou a pé, e axiña obstruíron a estrada cara ao norte. Algúns organismos gobernamentais evacuaron precariamente, pois a maioría de vehículos xa foran postos a disposición do Exército e facíase cada vez máis difícil dispor de medios de transporte para fuxir da cidade.
Os funcionarios da República evacuaron aceleradamente as oficinas desde o luns 23 de xaneiro e recolleron arquivos. Mentres tanto, ese mesmo día militantes dos diversos partidos políticos da zona republicana incendiaron documentación, arquivos e cartóns de identidade nas rúas. Os presos do bando sublevado aínda recluídos en Barcelona foron sacados das súas celas na tarde do 25 de xaneiro para seren tamén trasladados na masiva retirada republicana. Ese día o exército franquista atacaba Badalona e Sabadell (tomadas o 27) e Terrasa (ocupada o 26), ao tempo que cruzaban o río Llobregat.