Peter Brian Medawar (), nado o 28 de febreiro de 1915 e finado o 2 de outubro de 1987, foi un biólogo e escritor británico, cuxos traballos sobre o rexeitamento de transplantes e o descubrimento da tolerancia inmunitaria adquirida foron fundamentais para a práctica médica do transplante de órganos e tecidos. Por estes traballos científicos, considérase o "pai dos transplantes". É lembrado polo seu enxeño tanto en persoa coma nos seus escritos. Richard Dawkins denominouno "o máis enxeñoso de todos os escritores científicos"; Stephen Jay Gould considerouno "o home máis intelixente que coñecín".
Medawar foi o fillo máis novo dun pai libanés e unha nai británica, e tiña de nacemento tanto a cidadanía brasileira coma a británica. Estudou no Marlborough College e no Magdalen College, Oxford, e foi profesor de zooloxía na Universidade de Birmingham e no University College London. Ata que quedou parcialmente discapacitado por un infarto cerebral, foi director do Instituto Nacional de Investigación Médica en Mill Hill. Co seu estudante doutoral Leslie Brent e o posdoutoral Rupert E. Billingham, demostrou o principio da tolerancia inmunitaria adquirida (na cal o sistema inmunitario non responde a certas moléculas antixénicas), que foi predito teoricamente por Frank Macfarlane Burnet. Isto converteuse no fundamento do transplante de tecidos e órganos. El e Burnet compartiron o Premio Nobel de Fisioloxía ou Medicina de 1960 "polo descubrimento da tolerancia inmunitaria adquirida".
Primeiros anos e educación
Medawar naceu en Petrópolis, unha cidade a 64 km ao norte de Río de Xaneiro, Brasil, onde vivían os seus pais. Era o terceiro fillo de Nicholas Agnatius Medawar, que era libanés, e de Edith Muriel (nacida Dowling), que era británica. Tivo un irmán, Philip, e unha irmá, Pamela. (Pamela casou con Sir David Hunt, que foi Secretario Privado dos primeiros ministros británicos Clement Attlee e Winston Churchill.) O seu pai, un cristián maronita, naturalizouse como cidadán británico e traballou para un fabricante británico de subministracións dentais que o enviara ao Brasil como axente. (El posteriormente describiu a profesión do seu pai como vender "dentes postizos en América do Sur".) O seu status como cidadán británico adquiriuno de nacemento, e como el dixo "o meu nacemento foi rexistrado no consulado británico a tempo para adquirir o status de 'suxeito nacido naturalmente británico'."
Medawar deixou o Brasil coa súa familia para ir a Inglaterra "contra o final da guerra", e viviu alí durante o resto da súa vida. Tamén era cidadán brasileiro por nacemento, tal como prescribía a lei de nacionalidade brasileira daquela vixente (jus soli). Aos 18 anos de idade, cando tiña idade para ser recrutado polo exército brasileiro, solicitou a exención da conscrición militar a Joaquim Pedro Salgado Filho, o seu padriño e entón Ministro de Aviación. A súa petición foi denegada polo xeneral Eurico Gaspar Dutra, e para non facer o servizo militar tivo que renunciar á súa cidadanía brasileira.
En 1928 Medawar estudou no Marlborough College en Marlborough, Wiltshire. Odiaba ese colexio porque "eran críticos e queixosos ao mesmo tempo, preguntándose que tipo de persoa era un libanés; algo estranxeiro seguro", e tamén pola súa preferencia polo deporte, no cal el era débil. Experiencias de abuso escolar e racismo fixérono sentir o resto da súa vida "resentido e indignado das maneiras e costumes da institución esencialmente tribal [de Marlborough]," e semellábase ás escolas de adestramento para as SS nazis "baseadas nas columnas xemelgas do sexo e o sadismo." Os seus momentos de maior orgullo no colexio foron co seu profesor Ashley Gordon Lowndes, a quen recoñecía que motivou o comezo da súa carreira en bioloxía. Recoñecía que Lowndes era pouco literato pero "un moi, moi bo profesor de bioloxía". Lowndes ensinara a eminentes biólogos como John Z. Young e Richard Julius Pumphrey. Porén, Medawar era pouco habilidoso en disección e era constantemente molestado polo seu dito: "o rapaz cuxos debuxos da súa disección difiren en calquera forma do diagrama do libro de texto é un completo parvo."
En 1932 estudou no Magdalen College, Oxford, graduándose con honras de primeira clase en zooloxía en 1935. Medawar obtivo as bolsas Christopher Welch e demy do Magdalen en 1935. Tamén traballou na Escola de Patoloxía Sir William Dunn supervisado por Howard Florey (posteriormente laureado co Nobel, e que o inspirou a estudar inmunoloxía) e completou a súa tese de doutoramento en 1941. En 1938 converteuse en Membro do Magdalen por medio dun exame, posición que mantivo ata 1944. Alí empezou a traballar con J. Z. Young na rexeneración dos nervios. A súa invención dunha cola para pegar os nervios demostrou a súa utilidade en operacións cirúrxicas de nervios seccionados durante a segunda guerra mundial.
A Universidade de Oxford aprobou a súa tese de doutoramento PhD titulada "Growth promoting and growth inhibiting factors in normal and abnormal development" en 1941, pero debido ao custo prohibitivo da petición (o proceso polo cal se outorga oficialmente un grao), decidiu gastar o diñeiro na súa urxente apendicectomía en vez de na petición. A Universidade de Oxford posteriormente premiouno co grao de Doutor en Ciencia en 1947.
Traxectoria e investigación
Despois de completar o seu PhD, Medawar foi nomeado Rolleston Prizeman en 1942, membro investigador sénior do St John's College, Oxford en 1944, e demostrador universitario de zooloxía e anatomía comparada tamén en 1944. Foi reelixido Membro (Fellow) do Magdalen de 1946 a 1947. En 1947 converteuse no profesor Mason de Zooloxía da Universidade de Birmingham e traballou alí ata 1951. Trasladouse ao University College London en 1951 como profesor Jodrell de Zooloxía e Anatomía Comparada.
En 1962 foi nomeado director do Instituto Nacional pra a Investigación Médica. O seu predecesor Sir Charles Harrington era un administrador habilidoso e facerse cargo do seu posto foi, como el describiu, "Non máis extenuante que ... deslizarse sobre o asento do condutor dun Rolls-Royce". Foi xefe da sección de transplantes do centro de investigación clínica do Consello de Investigación Médica en Harrow desde 1971 a 1986. Converteuse en profesor de medicina experimental da Institución Real (1977–1983), e presidente da Real Escola Médica de Posgraduados (1981–1987).
Inmunoloxía
A primeira investigación científica de Medawar foi o efecto dun factor presente en extractos de malte no desenvolvemento das células do tecido conectivo (mesénquima) en polos.Park, H. W. (2010). The shape of the human being as a function of time: time, transplantation, and tolerance in Peter Brian Medawar's research, 1937–1956 . Endeavour, 34(3), 112‑121. https://hdl.handle.net/10356/96883 Ao ler o esbozo do manuscrito da investigación, Howard Florey comentou que era máis filosófico que científico. Publicouse no Quarterly Journal of Experimental Physiology en 1937.
A dedicación de Medawar ao que se convertería na investigación dos transplantes empezou durante a segunda guerra mundial, cando investigaba posibles melloras nos enxertos de pel. A súa primeira publicación sobre a materia foi "Sheets of Pure Epidermal Epithelium from Human Skin", que publicou en Nature en 1941. Os seus estudos tiñan especialmente que ver con buscar unha solución para a curación das feridas na pel de soldados na guerra. En 1947 trasladouse á Universidade de Birmingham, levando con el o seu estudante de doutoramento PhD Leslie Brent e o posdoutoral Rupert Billingham. As súas investigacións foron enfocándose máis en 1949, cando o biólogo australiano Frank Macfarlane Burnet, no Instituto de Investigación Médica Walter e Eliza Hall de Melbourne, presentou a hipótese de que durante a vida embrional e inmediatamente despois do nacemento, as células inmunitarias adquirían gradualmente a capacidade de distinguir entre as súas substancias tisulares propias e as células non desexadas e material alleo.
Con Billingham publicou un artigo pioneiro en 1951 sobre a técnica dos enxertos. O inmunólogo norteamericano Santa J. Ono describiu o duradeiro efecto que tivo este artigo na ciencia moderna. Baseándose nesta técnica de enxerto, o equipo de Medawar ideou un método para comprobar a hipótese de Burnet. Extraeron células de embrións de ratos xoves e inxectáronas noutro rato de diferente cepa. Cando o rato crecía ata ser adulto e se realizaba un enxerto de pel procedente da cepa orixinal, non había rexeitamento do tecido. O rato tolerara o tecido estraño, que normalmente sería rexeitado. A súa proba experimental da hipótese de Burnet foi publicada primeiramente nun breve artigo en Nature en 1953, e foi seguido dunha serie de artigos e descricións completas en Philosophical Transactions of the Royal Society B en 1956, dándolle ao proceso o nome de "tolerancia adquirida activamente".
Consecuencias das investigacións Medawar recibiu o Premio Nobel en 1960 xunto con Burnet polo seu traballo no enxerto de tecidos, que é a base do transplante de órganos, e o seu descubrimento da tolerancia inmunolóxica adquirida. Este traballo utilizouse na realización de enxertos de pel despois de queimaduras. O traballo de Medawar tivo como resultado un cambio na orientación da ciencia da inmunoloxía que pasou desde a idea inicial que intentaba tratar co mecanismo inmunitario completamente desenvolvido á estratexia posterior de intentar alterar o propio mecanismo inmunitario, como no intento de suprimir o rexeitamento dos transplantes polo corpo. Isto foi o fundamento dos primeiros transplantes de órganos realizados con éxito en humanos, especificamente o transplante de riles, levado a cabo polo doutor estadounidense Joseph Murray, quen finalmente recibiu en 1990 o Premio Nobel de Fisioloxía ou Medicina.
Teoría da senescencia A conferencia de Medawar de 1951 "An Unsolved Problem of Biology" (publicada en 1952Medawar, P. B. (1952). An Unsolved Problem of Biology. HK Lewis and Co.) trataba do envellecemento e a senescencia, e empezou definindo ambos os termos da seguinte maneira:
Despois afrontou a cuestión de por que a evolución permitiu que os organismos sufran senescencia, a pesar de que (1) a senescencia rebaixa a fitness individual, e (2) non hai unha necesidade obvia para a senescencia. Ao responder esta cuestión, Medawar proporciona dúas ideas fundamentais e interrelacionadas. Primeiro, hai un inexorable declive da probabilidade da existencia dun organismo, e, polo tanto, no que el denomina "valor reprodutivo." Suxire que, polo tanto, se segue que a forza da selección natural se debilita progresivamente coa idade avanzada na vida (porque a fecundidade dos grupos de idade máis novos é enormemente máis significativa na produción da seguinte xeración). O que lle ocorre a un organismo despois da reprodución só se reflicte debilmente na selección natural polo efecto sobre os seus parentes máis novos. Sinalou que a probabilidade de morrer en varios momentos da vida, como se pode xulgar dos datos das táboas de mortalidade, era unha medida indirecta da fitness, é dicir, a capacidade dun organismo de propagar os seus xenes. As táboas de mortalidade para os humanos mostran, por exemplo que a menor probabilidade de morte en femias humanas é aos 14 anos de idade, o cal nas sociedades primitivas probablemente sería unha idade de pico de reprodución. Isto serviu como base para as tres teorías modernas da evolución da senescencia.
Teoría sobre a evolución endócrina Medawar presentou unha charla sobre o viviparismo en animais (o fenómeno polo cal algúns animais paren crías vivas) nun encontro sobre evolución en Oxford en xullo de 1952. Posteriormente foi publicada en 1953. Nela introduciuse o aforismo:
A noción de que a evolución e a diversidade de funcións endócrinas en animais débense a diferentes usos de cada hormona en vez de a diferentes hormonas converteuse nun feito establecido. O artigo tamén se considera pioneiro no campo da inmunoloxía reprodutiva.