Proclamación O Día Internacional para Recordar a Trata de Escravos e a súa Abolición foi proclamado pola UNESCO na súa 29ª Conferencia Xeral, en 1997. Esta conmemoración foi proclamada no ámbito do proxecto intercultural Os camiños dos escravos. O obxectivo desta xornada é rexistrar na memoria colectiva o que supuxo a trata de escravos, reflexionar sobre as súas causas, métodos e consecuencias históricas e analizar as interaccións que provocou entre África, Europa, América e o Caribe.

Celebración Este día celébrase o 23 de agosto. A data escolleuse porque, na noite do 22 ao 23 de agosto de 1791, comezou unha revolta en Saint Domingue (actualmente República de Haití), un acontecemento crucial para a abolición do comercio transatlántico de escravos.

A primeira celebración tivo lugar en Haití o 23 de agosto de 1998, seguida de Senegal, na illa de Goreia, o 23 de agosto de 1999. Desde entón, en varios países leváronse a cabo actos organizados polos Ministerios de Cultura, coa participación de mozos, educadores, artistas e intelectuais, por invitación do Director Xeral da UNESCO.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Colonialismo Día Mundial da Cultura Africana e Afrodescendente Escravitude Imperialismo UNESCO

Categoría:Días internacionais da Organización das Nacións Unidas