Francisco Antonio Cobas Vázquez, coñecido como Cobas, nado na Coruña o 14 de xuño de 1950, é un exfutbolista galego, que xogaba como centrocampista. Tras xogar co Deportivo da Coruña en Primeira, Segunda e Terceira División, deixou o fútbol con só 25 anos para traballar como arquitecto técnico.
Traxectoria Formouse como futbolista nas canteiras dos modestos clubs coruñeses Ural e Español, e en 1968 ingresou no Fabril. Militou durante tres campañas no filial do Deportivo da Coruña, dúas delas na Terceira División e outra na Serie A, e foi capitán do equipo, ao tempo que estudaba a carreira de Arquitectura Técnica na Universidade da Coruña.
Para a tempada 1971/72 subiu ao primeiro equipo, co que debutou na Primeira División da man do adestrador Arsenio Iglesias o 10 de outubro de 1971, na sexta xornada de liga ante o Sporting de Gijón no Molinón. Saltou ao terreo de xogo preto do final do encontro, substituíndo a Cervera e formou na dianteira xunto a Cortés, Bustillo, Beci e Juanito. No seu segundo partido coa camiseta do Deportivo marcou o seu primeiro gol, nunha derrota por 1-4 ante o Sabadell na Creu Alta, onde bateu ao gardameta vasco Irazusta. Pechou a súa primeira campaña no primeiro equipo cun total de 11 partidos e un gol, pero perdeu peso no equipo na seguinte, na que sufriu unha lesión na perna dereita da que foi operado en Barcelona polo doutor Cabot. Disputou só dous encontros esa tempada, na que o equipo descendeu a Segunda.
Recuperou protagonismo na campaña 1973/74, despois de gañar a confianza de Carlos Torres, e sumou 17 encontros e un gol, pero o conxunto galego volveu descender por segundo ano consecutivo. Continuou no club na seguinte tempada, co equipo en Terceira, e co seu gol ante o Astillero converteuse no primeiro futbolista da historia do Deportivo en marcar en tres categorías diferentes, fito que só igualaron décadas máis tarde Bergantiños e Lucas. Nesa campaña proclamouse campión de Terceira, logrando así o ascenso á Segunda División para a tempada 1975/76. O seu último partido disputouno o 27 de abril de 1975, contra o Lugo no Anxo Carro. Non chegou a xogar ningún partido na seguinte tempada, retirándose do fútbol con só 25 anos para dedicarse á súa carreira como arquitecto técnico.
Notas
Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 1950 Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Racing de Ferrol