Valga (/ˈbalɣa̝/) é un concello da provincia de Pontevedra, situado na beira esquerda do curso baixo do río Ulla. Pertence á comarca de Caldas e linda cos concellos de Dodro, Pontecesures e Padrón polo norte, co de Cuntis e o da Estrada polo leste, cos de Catoira e Caldas de Reis polo sur, e de novo co de Dodro polo noroeste. Segundo o IGE a súa poboación no ano 2014 era de 6.050 persoas. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «, valguesa».

Xeografia

Demografía Censo total 2014 6050 habitantes Menores de 15 anos 823 (13,6 %) Entre 15 e 64 anos 3996 (66,05 %) Maiores de 65 anos 1261 (20,84 %)

Localización Valga atópase na beira esquerda do curso baixo do río Ulla; está cruzado pola autoestrada AP-9, o camiño de ferro da Coruña a Vigo, a N-550 da Coruña a Pontevedra e a C-550 de Fisterra a Tui.

A parte norte ocúpaa o amplo val do Ulla, ao que verten os ríos Louro e Valga, que transcorren paralelos parte do seu percorrido. Nos lindes do suroeste atópanse o monte Fontebecha (372 m), O Mecho (365 m) e o Outeiro da Marquesa (356 m). Cara ao sueste está a ladeira do monte Xesteiras (que chega aos 716 m entre Cuntis e A Estrada). Nesta zona máis interior do concello sobresaen o Monte Gorgullón (283 m), o Monte Ouroso (354 m), o Outeiro da Carballeira (350 m), o Outeiro dos Lobos (402 m), o Alto dos Salgueiros (372 m), o Monte da Lagoa (397 m) e o Monte Lomba (371 m). As vías de comunicación circulan en dirección norte-sur na depresión entre as unidades montañosas de Fontebecha e de Xesteiras.

As temperaturas son suaves, cunha media de 13 °C. Chove bastante, até chegar aos 1.700 mm anuais.

Historia Durante a idade Media o territorio era señorío do arcebispo de Santiago de Compostela e dividíase entre Cordeiro e Padrón.

O 27 de abril de 1809, durante a Guerra de Independencia española tivo lugar a Batalla de Casal do Eirigo. Nela os voluntarios do lugar, dirixidos por Pablo Morillo e polo presbítero Felipe Concha fixeron retroceder até Pontecesures as tropas de Ney e Maucunne. Parece que con tal ocasión foi construída a ermida de Nosa Señora da Saúde.

O concello xurdiu da división municipal de 1821, levando o nome de Cordeiro até 1836. En 1925 segregouse a parroquia de San Xulián de Requeixo, dando lugar ao actual concello de Pontecesures.

Patrimonio dereita|miniatura|200px|Pedra das Serpes, ou petróglifo de Campo Redondo.

O petróglifo dos Penoucos de Campo Redondo, na parroquia de Valga, data da Idade de Bronce, e está declarado Ben de Interese Cultural. Da cultura castrexa son os poboados do Castro e a Roda do Castro (Setecoros) e O Castro (Cordeiro).

A capela dos Martores data do século V, sendo ampliada no XVII. A igrexa de Santa María de Xanza e a de Santa Cristina de Campaña son románicas. A igrexa vella de Santa Comba de Louro foi derrubada no século XVIII.

Dada a orografía do territorio, abundan os miradoiros, como o de Chan do Monte en Setecoros, o de Campo Redondo e o miradoiro do monte Xesteiras.

Valga celebra o 31 de agosto a Festa da anguía e a Mostra da Caña do País.

miniatura|200px|Antigo escudo de Valga. Símbolos En 2017, o pleno do concello aprobou un novo escudo municipal, deseñado polo historiador Eduardo Pardo de Guevara, vicepresidente da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia.

O escudo anterior databa de 1816 e representaba un año pendurado dunha corda sobre unha ponte. O motivo do año e a corda procede da insignia da Orde do Vélaro de Ouro, se ben o símbolo desta e o animal que aparece na lenda orixinal é un carneiro adulto. A razón pola que se recorreu a esta imaxe parece deberse ao nome da parroquia de Cordeiro —Cordario no século XI, derivado do latín vulgar cordarium—, posiblemente alusivo á existencia dunha antiga cordoaría na zona, que evolucionou ata coincidir co nome da cría da ovella. A ponte fai referencia ao lugar de Ponte Valga, sede da casa do concello.

O brasonamento do novo escudo é o seguinte:

De azur e sobre ondas de prata e azur, a ponte de ouro, surmontado do año alterado de prata e de dúas cordas de ouro, cos seus extremos ou cabos soltos e dispostas nos flancos. Ao timbre, a coroa real pechada.

Nas novas armas corríxese a anomalía que supuña o uso da simboloxía do Vélaro de Ouro sen ter o concello relación ningunha coa Orde. Ademais, a representación actual do año, vivo e ceibo, resulta menos agresiva cá imaxe do seu coiro atado e colgante.

Tamén no 2017 adoptouse un himno municipal, composto polo músico valgués Manu Conde, membro do grupo Milladoiro, con letra anónima, segundo o concello. Un veciño afirmou que a letra do himno se basea nunha composición poética súa que el mesmo dera a coñecer ao concello. Segundo este veciño, a letra fora despois sometida a modificacións que el nunca autorizou, polo que se desvinculou do proxecto. Con todo, denunciou que a letra final foi desenvolvida a partir do seu texto, co que mantén unha gran semellanza, sen recoñecemento á súa autoría orixinal.

Valga na literatura popular Rosalía de Castro escribiu o seguinte: Vexo Valga á beira hermosa/ dun camiño todo prata,/ casta virxe candorosa,/ sentadiña en chan de rosa,/ vestidiña de escalrata.

Cantigueiro Véxote no Milladoiro,/ no Faramelo, en Padrón,/ e astra pola Ponte Valga/ te vexo no corazón O Milladoiro é lugar da parroquia de Biduído, concello de Ames; O Faramello non está en Padrón senón que é lugar da parroquia de Ribasar, no concello de Rois; Ponte Valga é lugar da parroquia e concello de Valga. No texto: hastra.

Asociacións culturais e deportivas O concello de Valga ten diferentes asociacións culturais, como a Banda de Música Municipal de Valga, a Escola de Música Municipal de Valga, a Escola Municipal de Teatro e a Asociación Cultural e Xuvenil A Eira, entre outras moitas.

O Furia Athlétic Club é un equipo de fútbol localizado na parroquia de Santa Cristina de Campaña.

Galería de imaxes

Parroquias

Lugares de Valga Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Valga vexa: Lugares de Valga.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Eleccións municipais en Valga

Categoría:Valga