Neda é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Ferrol, situado na ría de Ferrol. Segundo o IGE en 2014 tiña 5.327 habitantes (5.528 no 2009, 5.675 no 2006, 5.771 no 2005, 5.804 no 2004, 5.913 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «».
Xeografía Neda é un pequeno municipio da Coruña, situado no fondo leste da ría de Ferrol (ría de Xuvia, anteriormente, na Idade Media chamada mar de Neda). Conta cunha poboación que apenas supera os 5.800 habitantes, nunha superficie de 24 km², que se estenden, dende a ribeira da ría e seguindo polos vales dos ríos Belelle, Xuvia e Castro, en chaira, que vai ascendendo aos montes Ancos, Marraxón e Louseira. Na marxe máis occidental do concello, xa na costa da Ría de Ferrol atopamos territorio de marismas cun paseo marítimo, e na marxe norte da desembocadura do río Besteiro, pequeno afluente do río Belelle, unha illa tamén composta por terreo de marisma, á cal é posible acceder cando hai marea baixa. As marismas non se atopan en moi bo estado por causa da influencia das obras do paseo marítimo no fluxo normal das augas, o que propicia un estancamento destas, e pola cantidade de lixo que se pode atopar diseminado na zona. Malia todo, neste lugar podemos atopar especies animais como os parrulos, moi numerosos, garzas, que son un mínimo de oito, e que a diferenza dos parrulos, móvense continuamente por todo o norte da ría. Tamén podemos atopar especies como o corvos mariños que, grazas a abundancia de peixes na marxe nedense da ría se atopan habitualmente nun tronco varado ben visible dende o paseo marítimo. En canto a especies acuáticas, os munxes son moi correntes. As troitas son vistas na desembocadura do Río Belelle, na cal, se se ten sorte, podemos ver especies mamíferas como as Lontras que están a ser reintroducidas. Os roedores son comúns nas marxes máis humanizadas das marismas. Na lagoa creada polo paseo marítimo podemos atopar un solo moi contaminado polos aceites e o estancamento de auga o que fai que certos grupos de cangrexos adoptasen cores amarronadas acorde co solo do lugar, que é ben diferente ao do resto nedense da ría, tinguido pola cor verde de certas algas que crecen na zona. En canto á flora, atopamos nestas marismas plantas propias de terreos coma estes, especies invasoras como a pampa arxentina. No paseo atopamos árbores coma piñeiros.
O terreo de Neda é bastante irregular excepto pola planicie do río Belelle. O monte máis alto é o monte das Louseiras con territorio compartido co veciño San Sadurniño, no que se chega aos 500msnm. Os montes de Ancos e o Marraxón, divididos polo val do Belelle, miden 200 e até 400 metros de altura respectivamente. O Marraxón, ao contrario que Ancos, non pertence completamente ao concello de Neda senón que a marxe sur pertence ao concello de Fene. Os dous montes teñen na súa maioría plantacións de eucaliptos con excepción das marxes do Belelle que están compostas por unha grande extensión de árbores autóctonas, que se estende dende a Fervenza até a vila.
Clima Climaticamente, Neda inclúese no clima oceánico de tipo cfb por atoparse no norte de Galicia. Ademais, a situación xeográfica do concello propicia o estancamento de nubes e ocasionalmente brétemas en todo o val do Belelle o cal fai que Neda sexa un lugar húmido polo xeral. No inverno as temperaturas son frescas e con abundantes choivas e poucas horas de sol, igual que o outono e os principios da primavera. En anos fríos poden chegar a caer precipitacións en forma de neve nas zonas máis orientais do concello pero sen chegaren a perdurar, sendo raro que pase. A finais da primavera e no verán as temperaturas son suaves e cunha tendencia a diminuír en precipitacións pero non se pode dicir que exista polo xeral unha tempada seca nun momento exacto do ano.
Demografía Dentro dos 5.512 habitantes totais 2.697 son homes e 2.815 mulleres. Até os 30 anos é maior o número de homes que o de mulleres, pero a partir dese estrato invírtese a tendencia para inclinar a composición global do municipio. Ao longo dos seus 23,8 km², o municipio de Neda presenta 4 parroquias: Anca, Neda (San Nicolás), Neda (Santa María) e Viladonelle.
Conforme o último nomenclátor de 1991, a zona de maior concentración territorial é Santa María, que conta con 3.876 habitantes, o 61,6% do total, seguida de San Nicolás, co 25,6%. Por outra parte obsérvase unha forte tendencia cara o asentamento nos núcleos, onde residen 5.860 habitantes, o 93,2%, mentres o 6,8% restante faino en zonas diseminadas. En Neda contabilízanse 2.126 activos, dentro dos cales existen 1.644 ocupados e 482 parados. O sector de maior incidencia para o conxunto municipal son os servizos. Neles ocúpanse 807 habitantes, o 49,1% do emprego total. Destacan principalmente os 207 cidadáns dedicados á rama do comercio e as reparacións, o 12,6% do emprego total do municipio; os 119 adicados á Administración Pública, defensa e servizos sociais, o 7,2%; e os 112 empregados na Educación, o 6,8%. En moitos casos estas actividades realízanse no concello veciño de Ferrol, dentro das actividades propias dun foco urbano, na Educación, Administración e Defensa. Censo total 2014 5.327 habitantes Menores de 15 anos 536 (10.06 %) Entre 15 e 64 anos 3.245 (60.91 %) Maiores de 65 anos 1.546 (29.02 %)
</noinclude>Fonte: INE
Historia miniatura|Fervenza do río Belelle. No actual concello de Neda hai castros en Marraxón (O Roxal-Anca), Castro de Ancos (Monte Ancos-Casadelos-Neda), Vilasuso (Neda) e o Castro de Viladonelle (O Castro-Viladonelle).Castros de Neda http://onosopatrimonio.blogspot.com.es
Aínda que Neda aparece citada por primeira vez en documentos do século X (chamada "Nida" nun documento do ano 936), conserva restos megalíticos e castrexos, o que é indicativo da importancia desta zona dende a antigüidade. A súa capital, San Nicolás, mantén formas medievais e conserva edificacións dos séculos XVII e XVIII. Podemos afirmar que na Idade Media, Neda era unha vila importante, na que residían notables familias, algunhas enterradas na igrexa parroquial como os Esquiu.
Durante aqueles anos, Neda foi coñecida polo seu porto comercial e o seu estaleiro, no que foi construído o barco que participou na reconquista de Alxeciras, no ano 1344, o que fixo que o rei Afonso XI concedera a Neda os foros, que favoreceron a súa economía.
Se nos referimos ao patrimonio natural, temos que citar o río Belelle, un dos seus eixos de desenvolvemento no pasado. Nos seus bordos tivo lugar a evolución da sociedade da vila, e as súas primeiras industrias forxáronse grazas ás súas augas. Hoxe en día persisten os muíños que abasteceron as industrias panadeiras, tanto dos pequenos negocios familiares como as denominadas "Casas Reales" ou "Fábricas do Bizcocho", propiedade da Casa dos Austrias, que subministraban o pan e as galletas consumidos polos mariñeiros nas travesías.
Na zona da fervenza aínda se pode desfrutar da vexetación típica das fragas atlánticas, polo que podemos afirmar que algo nos queda daquelas fragas de Neda, famosas e apreciadas nos séculos pasados, grazas á boa e abundante madeira que ofrecían. Con esta riqueza madeireira funcionaron os estaleiros na desembocadura do Belelle, ao tempo que se abastecían as vilas veciñas.
A riqueza natural desta zona fai que non sexa estraño atopar animais pouco visibles noutros lugares: miñatos, gabiáns, garzas e parrulos, que aniñan e medran na desembocadura, onde hai unhas interesantes marismas, nas que ás veces é posíbel ver lavercas.
O seu crecemento económico estivo moi vinculado ao río Belelle e a súa sona pola boa auga. A actividade de moenda e fabricación de alimentos para as reais fábricas que na ría se construíron para a Armada Española. Negocios que seguen a día de hoxe co Pan de Neda e o aproveitamento eléctrico do ría Belelle por Unión Fenosa e o río Xuvia pola empresa Galicia Textil.
Durante o 18 de xullo de 1936, a poboación obreira e sindicalista do concello tentou organizar certa resistencia ás forzas golpistas e, algúns deles, dar apoio a infantería ferrolá fiel á República. Logo de esmagar a resistencia, a represión franquista contra os veciños do concello foi dura coma en toda a comarca de Ferrol. Organizáronse certos grupos guerrilleiros nos montes de Sansadurniño, Neda e Moeche que obtiveron certa relevancia durante os comezos da ditadura.
Economía A economía do concello está baseada na pesca, a agricultura, explotación forestal e na súa grande empresa: Galicia Textil. Nos últimos anos o turismo estase a mostrar como outro importante factor. Por Neda pasa o Camiño Inglés. O novo pulo que deu a festa do Pan de Neda está a dar unha nova oportunidade de negocio a produtos de calidade. A construción de novos accesos como a AP-9 supuxeron outro factor importante.
O municipio de Neda mantivo unha permanente relación de complementariedade e dependencia co centro comarcal. Dela proveñen efectos inducidos, mais tamén as súas oscilacións viñeron en paralelo coas rexistradas polo municipio urbano.
Neda presenta unha taxa de actividade do 39,3% e unha taxa de ocupación do 30,4%. O paro rexistrado no INEM presenta unhas altas cifras de desemprego. En 1981 o municipio xa contaba con 490 parados, cifra que aumentou ata os 650 desempregados de 1988, cifra tope de desemprego no municipio, produto da reconversión industrial. No ano 93 mostrábase unha recuperación importante que deixaba o índice de paro en 533 habitantes, aínda que sería en 1996 cando se mostre un mellor momento neste sentido, coa redución ata os 442 desempregados. Para 1997 aumentouse un pouco esta cifra, contabilizando, finalmente, 476 parados.
miniatura|esquerda|Ponte da ría de Ferrol, ao fondo a do ferrocarril. O peso comercial de Neda é dunha interesante variedade, segundo recolle o anuario comercial de 1998, onde se reflicte a presenza no municipio de 3 oficinas bancarias; 69 actividades industriais, 29 delas adicadas á construción e 28 á industria manufactureira; 13 actividades comerciais grosistas e 93 actividades comerciais retallistas, 35 delas na contorna das actividades relacionadas coa alimentación. Ademais, o sector da restauración conta con 46 actividades de restauración, bares e hostalería. O tecido empresarial ven definido especialmente por unha serie de empresas concretas. Destaca a presenza de Galicia Textil, fabricante de tecidos de algodón, que aporta a máxima facturación do municipio, co cadro de persoal máis amplo, 99 empregados, adicados ao campo téxtil.
Tamén cómpre destacar unha empresa adicada á construción e as actividades contratistas, que conta con 43 empregos directos. Á súa vez, temos que sinalar dúas empresas grosistas, adicadas á rama da alimentación, unha dentro da actividade de produtos comestibles e outra en fariñas e cereais.
Comunicacións As principais vías de comunicación son a LC-1 (antiga N-VI) que comunica Betanzos con Ferrol, así como a C-642 cara a Ribadeo e a C-641 cara a Lugo. En 2003 inaugurouse o acceso á AP-9 ata Ferrol cunha nova ponte sobre a ría de Ferrol. A estación de Neda está na liña de ferrocarril entre Ferrol-A Coruña e Monforte de Lemos.
Rutas e camiños Camiño inglés
miniatura|Cruceiro de San Nicolás.