Fisterra (do latín finēs terrae, 'os confíns da terra')Cabeza Quiles, F: Toponimia de Galicia. Vigo. Editorial Galaxia. 278 páx. ISBN 978-84-9865-892-1 é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Fisterra. Segundo o IGE en 2017 tiña 4734 habitantes (5.005 no 2009, 5009 no 2006, 5042 no 2005, 5093 no 2004, 5141 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «».
Toponimia O topónimo ten orixe latina, de finēs terrae 'os confíns da terra'. Antigamente pensábase que o cabo Fisterra era o punto máis occidental do mundo coñecido, ao veren as lexións romanas o afundimento do sol nas augas do océano Atlántico.
Segundo outra teoría, o topónimo latino puideron importalo no século XII os monxes cistercienses do mosteiro de Toxosoutos, por analoxía co Finistère bretón, nomeado a partir da abadía S. Mahé fine-terre. Aparece mencionado en 1199 e posteriormente como finibusterre (en caso ablativo, dos confíns da terra).
Xeografía O municipio de Fisterra é unha península que penetra no océano Atlántico. O seu relevo é bastante accidentado e alcanza a máxima altitude nos montes próximos a Cee (Seoane, 249 m; San Xoán, 247 m; Veladoiro, 241 m) e no Facho (247 m), onde descende bruscamente cara ao mar configurando esa paisaxe enérxica e ata abrupta, que singulariza o concello. Entre ambos os bloques graníticos esténdese o istmo da Lagosteira, formado por sedimentos cuaternarios.
Na costa sucédense grandes areais (O Rostro, Mar de Fóra, Lagosteira, Sardiñeiro) e abruptos cantís entre os que sobresaen o Cabo da Nave, o Faro e o Monte Facho.
Clima O réxime termopluviométrico é o típico deste sector costeiro, temperaturas suaves (14,4 °C de media) e precipitacións que non superan os 1000 mm, sendo un dos enclaves menos pluviosos da costa galega.
Poboación
Censo total 2014 4824 habitantes Menores de 15 anos 566 (11.73 %) Entre 15 e 64 anos 3122 (64.72 %) Maiores de 65 anos 1136 (23.55 %)
Historia Os restos arqueolóxicos achados nas parroquias de San Martiño e San Vicente de Duio fixeron pensar na existencia dun importante asentamento lacustre que máis tarde sería romanizado. Nestas parroquias atopáronse restos do que sería a vía romana per loca maritima que conducía ata a fin da terra coñecida onde, segundo a lenda, estaría o Promontorium Nerium e o "Ara Solis" lugar de adoración ao Sol construído polos fenicios e supostamente mandado destruír polo Apóstolo Santiago, nome que mantén a praza da vila.
Desde a idade media estas terras convertéronse en termo do peregrino xacobeo, que prolongaba ata aquí o seu camiño para venerar as reliquias de San Guillerme e a imaxe do Santo Cristo. Segundo Benjamín Trillo Trillo, O camiño de Santiago é o resultado da cristianización dun ancestral camiño pagán para ver morrer o Sol na fin do mundo. Co fin de acoller os numerosos peregrinos, en 1749 construíuse o Hospital de Peregrinos da nosa Señora do Rosario. Os peregrinos e peregrinas que fan o camiño de Santiago adoitan rematar aquí a súa viaxe.
A tradición oral mestura lendas de temática relixiosa, marítima e pétrea, como as da ermida de San Guillerme, a Orca Vella, Pedras Santas, Santo Cristo de Fisterra ou a cidade de Dugium.
En 1544 houbo unha batalla contra os franceses. En 1805 os franceses foron aliados contra os ingleses, e en 1809 distinguíronse pola resistencia contra a invasión francesa, aínda que non puideron evitar o desmantelamento do castelo de San Carlos, construído no século XVII para a defensa do porto.
Patrimonio miniatura|Casa consistorial. A vila de Fisterra está formada por un núcleo antigo crecido en anfiteatro sobre o peirao.
O castelo de San Carlos foi construído a mediados do século XVIII dentro dun plan defensivo da ría de Corcubión xunto co castelo do Príncipe, en Ameixenda (Cee) e o castelo do Cardeal, en Corcubión.
Deseñado polos enxeñeiros Lemaur e Exarch, en 1757 iniciouse a súa construción, co reformulamento xeral, a explanación do soar, a cimentación sobre rocha a base de pedra e barro e un tramo de muralla. Ten forma irregular para adaptarse ao terreo rochoso sobre o que está asentado.
Foi rematado en 1767, por Real Orde de Carlos III. No asalto francés a Fisterra durante a Guerra da Independencia Española sufriu un incendio que comportou a súa destrución. Ata entón contaba con tres frontes e unha nave interior coa dependencia do oficial, o cuartel e a polvoreira. Posteriormente reformouse a nave central, e foi restaurado recentemente.
Economía Fisterra, terra de gran tradición marítima, vive cara ao mar. O peirao da vila acolle boa parte da actividade económica. A frota está formada por pequenos barcos de baixura que utilizan diversas artes de pesca coma o palangre, nasas ou vetas, poxando as capturas na lonxa e xunto co turismo, xera unha demanda de servizos, avituallamento de barcos, carga e descarga, hostalaría, administración, etc., que dá ocupación a boa parte da poboación.
Os restantes sectores, a agricultura de subsistencia, a industria e construción completan o cadro económico do municipio.
Fisterra na literatura popular O Cristo de Finisterre/ ten unha pistola d'ouro// pra matar aos do Son/ por riba de Monte Louro Álvaro das Casas, en Nós 94, 15.10.1931, 192. No orixinal: d-ouro, Montelouro.. Os de Noia son borrachos,/ os de Muros aloqueiros,/ os de Fisterra son mouros,/ e os do Son sonche bucheiros Cantigas do viño. Aloque ou aloqueiro significan pantano, lameira, e, por extensión, atranco, dificultade, compromiso. Bucheiro pode significar barrigán, tripón; ou pescador de bucheiros, nome local dos muxos. Santo Cristo de Fisterra,/ Santo da barba dourada,/ axúdame a remontar/ a laxe de Touriñana Refírese á punta do cabo Touriñán, situado na parroquia do mesmo nome, no oeste do concello de Muxía.Fermín Bouza Brey 1929, 183.Lino Lema Bouzas 1993, 13. No orixinal: da Touriñana.. Santo Cristo de Fisterra,/ Santo da barba dourada,/ veño de tan lonxe terra,/ Santo, por che ver a cara./ Veño da Virxe da Barca,/ veño de abalar a pedra./ Tamén veño de vos ver,/ Santo Cristo de Fisterra Copla une a devoción ao Cristo de Fisterra e á Virxe da Barca.. Santo Cristo de Fisterra,/ ten unha pistola de ouro/ para matar os do Son/ por riba do Monte Louro Monte Louro é lugar da parroquia de Louro, en Muros. Fermín Bouza-Brey 1929, 184. No orixinal: ôs do Son..
Galería de imaxes
Lugares de Fisterra Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Fisterra vexa: lugares de Fisterra.
Praias miniatura|Praia de Mar de Fóra. O territorio do municipio é principalmente rodeado polo mar e ofrece excelentes praias, dependendo da posición con augas fortes ou tranquilos (na sombra do cabo Fisterra).
Praia da Lagosteira Praia de Talón Praia de Corbeiro Praia da Ribeira Praia de Sardiñeiro Praia de Mar de Fóra Praia de Arnela Praia do Rostro Praia de Restrelo
Parroquias
Notas
Véxase tamén
Bibliografía ANÓNIMO: Cantigas do viño. Edicións Castrelos, Col. O Moucho 6, Vigo 1968. BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II]. CASAS, Álvaro das (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 1931. LEMA BOUZAS, Lino (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993. TRILLO TRILLO, Benjamín: "As pegadas de Santiago na cultura de Fisterra". Concello de Fisterra, 1982. ISBN 9788450086249.
Outros artigos Cabo Fisterra Camiño dos Faros Eleccións municipais en Fisterra
Ligazóns externas O escudo e a bandeira de Fisterra
Categoría:Topónimos de concellos galegos con etimoloxía