Antón Beiras García, nado en Santiago de Compostela o 8 de outubro de 1915 e finado en Vigo o 1 de abril de 1968, foi un oftalmólogo, humanista e poeta galeguista.Antón Beiras, ciencia y compromiso con Galicia, Faro de Vigo, 3/6/12 .
Traxectoria
Naceu no seo dunha familia de comerciantes composteláns en 1915. Manuel Beiras García é irmán seu, pai de Xosé Manuel Beiras Torrado.
Estuda o bacharelato en Santiago de Compostela e, vencidas as primeiras reticencias familiares, convence os seus pais para que lle permitan estudar medicina. Comeza os estudos dunha carreira á que se entrega vocacionalmente. Mentres estuda a carreira para poder estar a carón dos doentes examínase para exercer como practicante no Hospital Provincial en setembro do ano 1935. Durante a Guerra Civil interrompe os seus estudos de medicina sendo mobilizado e destinado no hospital de León para, unha vez finalizada, reanudalos novamente e obter a licenciatura pola USC no ano 1941, realizando os exames de reválida con cualificación de sobresaínte.
Establece a súa primeira clínica oftalmolóxica en Santiago de Compostela. Comeza a publicar os seus primeiros traballos nas coleccións científicas do CSIC. En 1946 asentouse definitivamente en Vigo e alí traslada a súa clínica. Coa tese “Contribución al tratamiento quirúrgico de la obstrucción de las vías lagrimales” obtén o título de Doutor na Universidade Central de Madrid no ano 1945. A partir de 1946 reforza a súa participación nos Congresos da Sociedade Oftalmolóxica Hispano-Americana. Nos arquivos desta sociedade encontraremos a meirande parte dos seus traballos científicos e esta participación non cesará ata o seu falecemento.
O 29 de xuño de 1947 casa en Muras (Lugo) coa pedagoga Antía Cal Vázquez e establecen a súa residencia na cidade de Vigo, onde nacerán os seus catro fillos. A mediados dos anos cincuenta detéctanlle estrabismo á súa filla Antía, polo que decide comezar a facer investigación nesta enfermidade ocular e a visitar centros de pescuda en Europa. Como consecuencia diso, ademais de sandar a filla, converteuse nunha referencia da oftalmoloxía nese campo e en 1958 publica a que está considerada a primeira publicación científica en galego dende a guerra civil: "Ensaios para mellorar os resultados terapéuticos do estrabismo", en Referatas, a revista da Academia Médico Cirúrxica Provincial de Pontevedra, que recollía o texto dunha conferencia. Con comunicacións sobre moi diversos temas oftalmolóxicos multiplícase a súa repercusión e o nome de A. Beiras faise coñecido na comunidade científica internacional.
Non cesa de investigar e pronto comeza a patentar os froitos do seu traballo. A súa preocupación pola ergonomía no traballo lévao a desenvolver un estativo para clínicas —sistema para racionalizar o uso dos aparatos dunha consulta oftalmolóxica e a ocupación de espazo que supoñen—que cambiará a organización e o modo de traballar nas clínicas oftalmolóxicas e noutros ámbitos. Traballa tamén no desenvolvemento dunhas lentes elásticas, o quinepleoscopio, o estimulador da musculatura ocular por radio frecuencia ou marcapasos oftálmico entre outros asuntos dos que se ocupou na súa curta pero intensa vida como investigador.
Oftalmólogo e estrabólogo En 1962 comeza a traballar no primeiro prototipo do sinoptóforo de TV ou vigoscopio, un aparello que permitía o exame do fondo do ollo, e que nunca se chegou a desenvolver plenamente. Segue traballando nel sen interrupción ata o seu pasamento. En 1962 concédenlle o premio da Sociedade Española de Oftalmoloxía.
A intuición que o caracteriza á hora de atopar camiños novos, a constancia no traballo e unha intelixencia brillante, que os seus colegas máis destacados sempre salientan ao lembralo, son os principais activos cos que conta para desenvolver a súa investigación. A isto hai que sumar unha sólida formación teórica e a paixón coa que enfronta a práctica clínica.
O estrabismo, doenza que afecta a un 6% da poboación mundial, ocupa practicamente toda a súa atención. Preocupado pola perda da visión binocular que sufrían os doentes con estrabismo comeza unha viaxe de estudos por hospitais e universidades de toda Europa para coñecer os métodos utilizados no seu tratamento. Iníciase a obra principal de Beiras: o desenvolvemento do sinoptóforo de TV ou vigoscopio para corrixir o estrabismo garantindo a visión binocular do doente a través de exercicios de ortóptica. En palabras do propio Beiras na súa Memoria sobre os estudos do vigoscopio, outubro 1967:
No congreso oftalmolóxico da Toxa (1963) os traballos que se converterían no vigoscopio recibiron o máis importante premio de dito congreso, o Premio INDO na súa primeira edición.
Con todo isto quedaron sentados os precedentes científicos de garantía en que se apoiou a Caixa de Aforros de Vigo para conceder os créditos necesarios para intentar a realización de dito proxecto. Esta decisión tomouse en 1963.Na mesma Memoria de 1967 Beiras continúa dicindo:
Sucesivos prototipos, cada vez máis completos, foron presentados noutras citas científicas entre as que cabería destacar a presentación en 1965 do prototipo que se exhibe na aula Pasteur da Universidade de París. O oculista polaco Witold Starkiewicz, reitor da Universidade polaca de Pomerania, abraza emocionado a Beiras: co vigoscopio conseguira demostrar as súas teorías da tridimensionalidade. O Dr. Thomas, presidente da Sociedade Estrabolóxica Europea, proclama o éxito futuro do vigoscopio.
A raíz da presentación feita en Múnic en 1966 a Universidade de Columbia recoñece o mérito das investigacións realizadas e cursa unha invitación a Beiras para continualas no seu centro experimental da Sección de Oftalmoloxía.
O éxito do sinoptóforo de TV baseábase en dúas destacadas achegas:
Posuía dous aparellos oftalmoscópicos que permitían ver a imaxe proxectada sobre o fondo do ollo como se fose unha pequena pantalla. Permitía tocar os obxectos e velos ao mesmo tempo, de modo que o neno estrábico mediante exercicios de ortóptica realizados no sinoptóforo, recuperaba a coordinación a través da sensación táctil.
O sinoptóforo de TV sería suficiente para situar o seu nome na historia da oftalmoloxía pero non foi esta a súa única achega. En palabras do propio Beiras “o equipo encargado destes traballos obtiveron ademais outros achados en investigacións que, case como un agasallo, saíron ao paso. En principio considerámolas como “subprodutos” deste proceso. Porén, o certo é que se foron desenvolvendo ata tal extremo que chegan a ter personalidade propia e unha importancia que algúns estiman igual ou quizais superior ao propio vigoscopio”.
Son estas:
QUINEPLEOSCOPIO: era un aparato destinado a tratar por procedementos de pleóptica os trastornos da fusión. Pode utilizarse como sinoptóforo de mesa e portátil e permite que os nenos sometidos a tratamento poidan facer o mesmo nos seus domicilios, baixo control periódico da clínica. En palabras de Beiras “se o sinoptóforo é útil traballando nel uns minutos diariamente, infinitamente máis o será un sipnotóforo de uso permanente e a reeducación da sensibilidade obterase nun tempo proporcionalmente inferior, que é o caso do quinepleoscopio”. OCLUSOR OCULAR: trátase dun oclusor que vale de apósito curativo, permitindo o libre exercicio do movemento da pálpebra e a función visual ao mesmo tempo que o illamento de axentes exteriores e absorción de secrecións. Resultaba moi útil na oclusión dos estrábicos. Igualmente era práctico para evitar a perda de lentes de contacto no período de irse afacendo ao seu uso. MARCAPASOS OFTÁLMICO: permitía que calquera músculo ocular en funcionamento deficitario, ou mesmo con parálise total, puidese ser excitado a distancia e na dose desexable mediante ondas hertzianas, deste modo un ollo estrábico podía ser endereitado sen necesidade de acurtamento cirúrxico. A Universidade de Columbia, que realizara experiencias deste tipo sen éxito, convida a Beiras a continuar alí as súas investigacións e impresións igualmente positivas causaron nas clínicas universitarias de Heidelberg, Florencia e San Francisco. LENTES ELÁSTICAS: permitían enfoques variables e por tanto a persoa pode ver con claridade de lonxe, preto e en distancias intermedias. Para este traballo contou coa colaboración do Dr. Fernández Refojo do Retina Foundation de Chicago que dende USA enviaba os materiais que Beiras non conseguía na España do momento. ESTATIVO ELEVADOR DE INSTRUMENTOS OFTÁLMICOS: Beiras, preocupado pola eficiencia na clínica, busca remedio aos principais problemas que se lle formulaban encontrando o xeito de aforrar espazo, tempo e esforzo e faino a través dun aparato pendurado do teito e que permite concentrar sobre un mesmo punto todos os elementos necesarios para a exploración clínica: a primeira dimensión cobra protagonismo e mellora o rendemento do traballo.
En abril de 1968 nun Congreso da Sociedade oftalmolóxica hispano-americana celebrado en Madrid lese o último traballo sobre o vigoscopio ditado por Beiras nunha habitación dun hospital de París a onde chegara buscando remedio a un cáncer diagnosticado uns meses antes. No mesmo día que se leu o seu traballo un telegrama anuncia ao seus compañeiros o prematuro e doloroso falecemento do Dr. Beiras.
A vida de A. Beiras García remataba “no momento máis alto da súa actividade científica”, segundo as sentidas palabras de W. Starkiewicz, reitor da Universidade polaca de Pomerania, sen poder atender os convites cursados dende distintas universidades de Europa e América para coñecer o sinoptóforo de mans do seu creador e impulsor. O prototipo definitivo de vigoscopio viaxa por última vez en outubro de 1968 ao Congreso hispano-luso-brasileiro de Porto.
Á súa morte amigos, familiares e entidades públicas e privadas crean o Instituto Beiras pensado para continuar o labor de A. Beiras. Grazas a el as experiencias clínicas co sinoptóforo de TV, que xa comezaran nos meses previos, continúan ata o ano 1974. Centos de nenos e nenas de Vigo e outros chegados dende distintos lugares asisten a sesións para corrixir o estrabismo no vigoscopio instalado no Colexio Fogar da Caixa de Aforros Municipal de Vigo. Alí dúas auxiliares de clínica formadas en ortóptica por Beiras eran as encargadas de realizar as sesións que curaron a tantos nenos estrábicos devolvéndolles a visión binocular. Eles son hoxe testemuñas vivas do éxito do sinoptóforo de TV ideado por Beiras.
Preocupación por Galicia Militou activamente nas Mocedades Galeguistas, foi membro fundador e conselleiro da Editorial Galaxia e mantivo unha fonda amizade con Otero Pedrayo e outros intelectuais.
Falecido de cancro en abril de 1968, recibiu a homenaxe da comunidade médica e intelectual da época (Darío Álvarez Blázquez, Celso Emilio Ferreiro...). Oficiou o seu funeral o xesuíta padre Seixas, na que foi a primeira homilía pronunciada en galego en Vigo logo da guerra.
En 1957 fotografou as mallas nas Aguias (Muras), que posteriormente, en 2024, foron reveladas e expostas polo colectivo Legado Activo Beiras Cal dada a súa importancia etnográfica.
Publicacións miniatura|300px|Portadas dalgúns artigos publicados. 01. BEIRAS GARCÍA, A. “Lacrorrinoplastia”. Archivos de la Sociedad Oftalmológica Hispano-Americana. Consello Superior de Investigacións Científicas (1943). 02. BEIRAS GARCÍA, A. “Ensayos de circulación artificial en el territorio vascular de la arteria oftálmica, en el cadáver. Su posible interés como método de estudio”. Consejo Superior de Investigaciones Científicas (1943). 03. BEIRAS GARCÍA, A. “Conjuntivitis seca y queratititis filamentosa en el síndrome de Sjogren”. Archivos de la Sociedad Oftalmológica Hispano-Americana. Volumen VII, Número 6. (1946). 04. BEIRAS GARCÍA, A. “Fotodacriocistoscopia. Dacriocistorrinofotografía”. Published fot the XVIth International Congress by the British Medical Association Tavistock Square, London. Reprinted from Acta XVI Concilium Ofthalmologicum (Britannia) (1950).