Raimundo Fernández Villaverde y García del Rivero, nado en Madrid o 20 de xaneiro de 1848 e finado o 15 de xullo de 1905, foi un político español presidente en dúas ocasións do Goberno español. Así mesmo, ostentou o título de Marqués de Pozo Rubio.
Traxectoria Fernández Villaverde estudou bacharelato no Instituto de San Isidro e posteriormente Dereito na Universidade Central de Madrid, onde con 21 anos se licenciou, especializándose en Dereito mercantil e Facenda pública. Tras alcanzar o grao de doutor, foi nomeado profesor supernumerario da devandita Universidade. Afiliado ao Partido Conservador, logrou a acta de deputado polo distrito de Caldas nas eleccións celebradas o 15 de setembro de 1872, polas que Serrano foi nomeado Presidente do Consello de Minsistros.
Xa durante a Restauración, en 1877 foi nomeado director xeral de Administración local e no seguinte ano da Intervención Xeral da Administración do Estado. O 22 de marzo de 1880 foi nomeado subsecretario con Fernando Cos Gayón como titular de Facenda, cargo no que cesou o 10 de febreiro de 1881, após a chegada ao goberno de Sagasta. O 31 de marzo de 1884 foi nomeado gobernador civil de Madrid. O 11 de xullo de 1885 foi nomeado Ministro de Gobernación logo da súa polémica actuación ante a negativa dos comerciantes a cumpriren as medidas decretadas polo Goberno para facer fronte á epidemia de cólera existente na capital. Abandonou o ministerio o 25 de novembro de 1885, cando o falecemento de Afonso XII, Cánovas cedeu o goberno a Sagasta.
En 1888 foi nomeado membro da Real Academia de Ciencias Morais e Políticas, lendo un discurso titulado Consideraciones histórico-críticas acerca del sufragio universal como órgano de la representación política en las sociedades modernas. Tras a volta en xullo de 1890 dos conservadores ao goberno, Fernández Villaverde foi nomeado Ministro de Graza e Xustiza. Como membro da facción silvelista do Partido Conservador, dimitiu, como Dato, cando se produciu o enfrontamento entre Romero e Silvela. O 15 de decembro de 1898 foi elixido membro da Real Academia Española. Porén, por vicisitudes varias non puido tomar posesión ata o 23 de novembro de 1902 cun discurso sobre a poesía española do século XV. Como consecuencia de todo isto, Fernández Villaverde non volvería ocupar cargos relevantes ata 1899, unha vez que Cánovas faleceu e Silvela acadou o liderado do Partido Conservador, que brevemente se denominou Unión Conservadora.
Na formación do primeiro Goberno tras a paz estadounidense, o 4 de maio de 1899, Fernández Villaverde ocupou a carteira de Facenda, na presidencia de Silvela. No 17 de xuño dese ano presentou a lei de orzamentos do exercicio 1899-1900. En setembro do mesmo 1900 foi votado como Presidente do Congreso e substituído en Facenda por Manuel Allendesalazar. O 6 de decembro de 1902 volverían os conservadores ao poder con Silvela de presidente e Fernández Villaverde como Ministro de Facenda. Non obstante, diverxencias en torno á reconstrución da escuadra e o seu efecto sobre o equilibrio orzamentario motivaron a súa dimisión e posterior substitución por Faustino Rodríguez de San Pedro. Logo das eleccións de maio de 1903, volveu Fernández Villaverde á presidencia do Congreso. Porén, a súa permanencia neste posto sería efémera, pois após a dimisión de Silvela, o 18 de xullo de 1903, Fernández Villaverde sería nomeado Presidente do Goberno con Augusto González Besada ocupando a carteira de Facenda. A súa situación foi abondo complicada, pois xunto a oposición dos liberais habería que sumar a argallada caladamente por Silvela, Maura e os seus adeptos, todos correlixionarios seus. Perante tal situación resolveu dimitir sendo substituído na Presidencia do Goberno por Maura. Volvería ocupar a Presidencia do Goberno o 27 de xaneiro de 1905. Malia todo, a oposición contra o goberno da maioría dos deputados do seu partido obrigouno a manter as Cortes pechadas. A reapertura destas e as derrotas sufridas no Senado, o 17 de xuño, e no Congreso o día 20 de xuño precipitarían a súa dimisión ocorrida o 21 de xuño de 1905. Apenas un mes despois falecería na capital do Reino.
Véxase tamén
Outros artigos Lista de presidentes de España Lista de presidentes do Congreso dos Deputados. Restauración borbónica en España
Categoría:Presidentes de España Categoría:Restauración borbónica en España Categoría:Ministros de España Categoría:Nados en Madrid Categoría:Nados en 1848 Categoría:Finados en 1905 Categoría:Alumnos da Universidade Central de Madrid Categoría:Concelleiros de Madrid Categoría:Marqueses de España Categoría:Gobernadores civís de Madrid Categoría:Académicos de número da Real Academia de Ciencias Morais e Políticas