Francisco Javier Alonso López, coñecido como Fran Alonso, nado en Madrid o 13 de xuño de 1976, é un adestrador de fútbol español, que actualmente dirixe o Deportivo da Coruña Feminino da Primeira División feminina.
Traxectoria Traballou como xardineiro e conseguiu unha praza no concello de Móstoles, ata que con 30 anos decidiu cambiar de vida e tentar sorte no mundo do fútbol. Instalouse na cidade inglesa de Bournemouth, onde traballou como limpador nun centro deportivo e comezou a adestrar no fútbol base. Montou a súa propia academia de fútbol e no verán de 2012 ingresou no Southampton FC, para servir durante uns meses como tradutor do uruguaio Gastón Ramírez. Coa chegada ao banco do club de Mauricio Pochettino, exerceu como o seu axudante, ao tempo que traballaba no corpo técnico do equipo feminino. Posteriormente foi axudante de Ronald Koeman no propio Southampton e máis tarde no Everton, antes de coller en 2018 as rendas do Lewes feminino, da segunda división.
En 2020 foi nomeado adestrador do Celtic feminino, de Escocia. Co club verde e branco proclamouse dúas veces campión da Copa de Escocia e unha da Copa da Liga, e competiu na Liga de Campións. En decembro de 2023 instalouse nos Estados Unidos, onde asinou como novo técnico do Houston Dash da National Women's Soccer League. Deixou o club en outubro de 2024.
O 25 de novembro de 2024 foi anunciado como novo adestrador do Deportivo da Coruña, da Primeira División, substituíndo no cargo á cesada Irene Ferreras.
Palmarés Celtic Feminino Copa de Escocia Feminina (2): 2021/22, 2022/23. Copa da Liga de Escocia Feminina (1): 2021/22.
Notas
Categoría:Nados en 1976 Categoría:Nados en Madrid Categoría:Adestradores de fútbol de España