A pica fouveira (Anthus rubescens) é unha pequena ave canora nativa de América do Norte. Foi descrita primeiro por Marmaduke Tunstall na súa obra de 1771 Ornithologia Britannica. Fora clasificada anteriormente como unha forma da pica alpina. A antiga subespecie japonicus considérase agora unha especie distinta.

Descrición Igual que a maioría das outras picas, a pica fouveira é unha especie de aspecto pouco distintivo, que xeralmente pode verse correndo polo chan. Ten unhas partes dorsais grises-marróns lixeiramente manchadas e está moi manchada pola parte ventral no peito e flancos beixes. O ventre é abrancazado, o bico e patas son escuros. A especie relacionada Anthus japonicus é máis escura por arriba e ten unhas manchas negras máis rechamantes nas partes inferiores, que son máis brancas; ten patas de tons avermellados. A súa chamada é un chiante sip.

Medidas:

Lonxitude: 16 cm Peso: 22 g Envergadura: 24 cm

Taxonomía

O nome científico vén das palabras latinas anthus, que é o nome dun pequeno paxaro das praderías, e rubescens que significa 'avermellado', de ruber, 'encarnado'.

Actualmente recoñécense tres subespecies: A. r. rubescens - (Tunstall, 1771), que se reproduce no norte do leste do Canadá ata Groenlandia e o noroeste dos Estados Unidos, pasando o inverno en América Central. A. r. pacificus - (Todd, 1935), que se reproduce na Cordillera do Pacífico desde Alasca a Oregón, pasando o inverno no oeste de México. As aves que se reproducen no sur de Alasca ás veces foron recoñecidas como unha subespecie distinta co nome A. r. geophilus. A. r. alticola - (Todd, 1935), que se reproduce nas Montañas Rochosas desde o sur da Columbia Británica ata California, pasando o inverno en México.

Esta especie está moi relacionada coa pica costeira (A. petrosus) e a pica alpina (A. spinoletta), e as tres formas foran anteriormente consideradas conespecíficas. Poden diferenciarse polas súas vocalizacións e algunhas pistas visuais, pero a pica costeira e a fouveira non son simpátricas excepto como individuos vagantes.

Comportamento

Todas as subespecies de pica fouveira son migratorias. A pica fouveira inverna na costa do Pacífico de América do Norte, e na costa do Atlántico desde América do Norte a América Central. Polo menos no caso da pica fouveira, o seu territorio de invernada parece que se espallou cara ao norte no século XX e as aves parecen pasar menos tempo nos cuarteis de inverno: no norte de Ohio, por exemplo, a especie foi rexistrada como "non común" durante a migración en maio e setembro/outubro na década de 1900, pero hoxe é considerada unha "migrante moi estendida" nesa rexión, atopada entre marzo e maio e desde finais de setembro a novembro, e moitas aves pasan realmente o inverno en rexións moi ao norte. A pica fouveira é unha ave vagante rara en Europa occidental.

Como os seus parentes, esta especie é insectívora. O hábitat reprodutor da pica fouveira é a tundra, pero fóra da estación reprodutora atópase en áreas abertas lixeiramente vexetadas, similares ás que prefire a pica alpina (A. spinoletta).

Reprodución miniatura|Ovo de pica fouveira na colección do Museo de Wiesbaden.

A primeira cousa que fai a pica fouveira cando chega ao seu sitio de reprodución, durante a fusión da neve, é emparellarse. Os machos empezan a loitar uns con outros para gañar o favor da femia e emparellarse con ela durante toda a estación reprodutora. Tamén loitan polos sitios libres de neve que son os mellores para nidificar. O momento é tamén moi importante porque a neve derretida supón un incremento na abundancia de artrópodos, que constitúe a fonte principal de alimento para estes paxaros. Despois da loita e o emparellamento, a nidificación é o seguinte paso. Os niños atópanse con maior frecuencia en chan seco ou praderías húmidas, sempre con protección, pero nunca os sitúan en arbustos ou árbores. A composición do niño ideal depende do que hai arredor da área de nidificación, pero está xeralmente feito de xuncos, restos de herbas suaves e por veces algúns pelos de cabalo. O problema final que teñen que afrontar os polos é o éxito que teña o niño, xa que este está na diana de moitos depredadores, como formigas e falcóns. Se a etapa de nidificación ten éxito, as femias poden poñer un ovo. A femia non pon ovos se as condicións, como a temperatura e o sitio de nidificación, non son óptimos. Se os primeiros intentos fallan, o seu tempo para poñer ovos queda reducido. En xeral, as picas fouveiras poñen continuamente ovos durante un período de 4 a 5 días despois da fusión da neve (en abril–maio) ata metade de xullo. Despois deste período, os testículos do macho decrecen en tamaño e a femia rexeita a copulación. O tamaño da posta é normalmente de 5 ovos, pero pode variar segundo as nevaradas, a capacidade reprodutora dos proxenitores e a predación. Os ovos son incubados durante 13–14 días. Durante este tempo, a femia non abandona o niño, mais segue sendo reactiva a calquera movemento arredor dela. Comunícase cantándolle ao macho que lle trae alimento e defende o territorio. O poliño, catro ou cinco días despois de eclosionar, é moi delgado, de cor gris azulada, e só ten plumas secundarias. Durante unha semana a femia abriga a rolada, pero ambos os pais tráenlles alimento. Pasados estes 7 días, as aves están listas para emplumaren pero seguirán sendo alimentados polos proxenitores por 14 días despois da súa partida do niño. Finalmente, as aves inmaturas forman poucas bandadas con outras aves inmaturas e afástanse do lugar.

Status É unha especie común e moi espallada xeograficamente e a IUCN non a considera ameazada.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

American pipit – Anthus rubescens – USGS Patuxent Bird Identification InfoCenter American pipit Species Account – Cornell Lab of Ornithology

Categoría:Motacílidos Categoría:Animais descritos en 1771