A creación literaria en lingua galega foi practicamente nula durante os séculos XVI, XVII e XVIII, razón pola que estes se denominan Séculos Escuros.
Contexto histórico miniatura|135px|esquerda|Henrique II de Castela substituíu a nobreza galega.
Algúns estudosos consideran que o cronista Fernão Lopes (século XV) é o último escritor medieval pertencente á literatura galego-portuguesa. A partir dese momento, os sistemas literarios galego e portugués ficarán separados con desenvolvementos autónomos.
Non obstante, a desaparición da escola trobadoresca galego-portuguesa medieval non se realizou de maneira brusca. Fronte á opinión tradicional que viña minusvalorando estes textos, os actuais historiadores da literatura galega veñen reivindicando o valor dos poetas da mal chamada escola galego-castelá -singularmente no Cancioneiro de Baena- e aínda os presentes no Cancioneiro Geral de García de Resende (1511), en Portugal. Ambas as direccións amosan, na obra de autores como o Arcediago de Toro ou Macías o Namorado, un afán por superar os tópicos trobadorescos xa reelaborándoos xa procurando novos xeitos que vaian máis aló do convencionalismo do amor cortés. Desta maneira, os Epígonos Trobadorescos significan máis ben un período de transición no que, por mor das circunstancias socio-políticas, o galego vai ceder o seu protagonismo, como lingua literaria, ao emerxente castelán. Diversas circunstancias motivan semellante proceso:
miniatura|140px|Isabel I de Castela mudou a nobreza galega por outra castelá. En primeiro lugar, durante o desenvolvemento das guerras trastamaristas (1370), a alta nobreza galega apoiou a Pedro I no seu intento de subir ao trono de Castela. Porén, o vencedor deste conflito bélico foi o seu rival, Henrique de Trastámara. Como consecuencia disto, Henrique II de Castela (ou Henrique de Trastámara) substituíu parte da nobreza galega por nobres casteláns, proceso bautizado polos historiadores como a primeira substitución nobiliaria. Repetiríase a historia pouco máis dun século máis tarde. Nunha nova guerra pola sucesión ao trono castelán, a nobreza galega apoiou a Xoana de Castela (herdeira lexítima), mais o vencedor foi o bando de Isabel I de Castela, tamén coñecida como Isabel a Católica. Após a guerra, os Reis Católicos decidiranse por unha política que asegure o predominio do poder real en Galiza; trátase do denominado, polo padre Zurita, como o proceso de "Doma y castración del Reino de Galicia", mediante o cal a nobreza galega quedará totalmente "descabezada" e, o que é decisivo para a literatura, sen capacidade para producir un sistema literario en lingua galega. O galego continuou sendo a lingua habitual de toda a poboación, pero sen uso entre a alta nobreza, pois a emerxente clase fidalga aínda mantería ata a súa desaparición o uso da lingua galega en ámbitos informais, como pode verse nas novelas de Ramón Otero Pedrayo.
E se a nobreza laica foi substituída, o mesmo ocorrerá coa eclesiástica. Mentres os bispos galegos exercían os seus cargos noutros lugares da Península Ibérica, especialmente en Sevilla, a Galiza chegaban bispos castelanófonos e favorecían os nobres casteláns. A nobreza eclesiástica empregaba o latín, agás nas relacións persoais dos bispos e nalgúns usos administrativos, onde empregaba o castelán. Isto seguía sendo así mesmo cando algún galego dirixía as dioceses galegas.
Mais sendo importantes todos estes apartados, acaso o factor fundamental que explica a decadencia política de Galiza -e xa que logo das letras galegas, en directa relación co anterior- é o feito de que o país galego atinxe a Idade Moderna sen un monarca de seu e, sobre todo, sen a presenza de institucións propias. Aínda que mantén o carácter de "reino", Galiza pasa a formar parte da coroa de Castela sen que exista ningunha institución autónoma que poida servir de contrapeso á política centralizadora; polo contrario, as novas que se crean -Capitanía Xeneral de Galicia, Real Audiencia de Galicia- non farán máis que afianzar esa dependencia con respecto da corte. Afastada dos centros de decisión, Galiza pasa a ser unha simple provincia que asiste, desde unha posición marxinal, á emerxencia da monarquía hispánica centrada no reino de Castela.
A partir do século XVI a lingua galega non ten estamentos de poder que lle sirvan de alicerce, ficando carente do prestixioso sistema literario do que gozara durante a Idade Media. Aínda así, consérvanse manifestacións literarias destes Séculos Escuros.
A poesía dos Séculos Escuros Alá en Monterrei en Val de Laça, a Violante vi beira de un río tan fermosa, en verdá, que quedei frío de ver alma inmortal en mortal maça.
De un alto e lindo corpo a seda laça a pastora sacaba fío a fío, quando lle dise: - “Morro, corta o fío” - “Vólveo, non cortarei, seguro pasa”.
- “¿E como pasarei, se eu acá quedo? Se pasar –respondí- non vou seguro que este corpo, sen alma, morra cedo”.
- “Coa miña, que levas, te aseguro que non morras pastor” – “Pastora hei medo; o quedar me parece máis seguro. Soneto de Monterrei, Anónimo, 1530-1540
Século XVI A primeira manifestación poética dos Séculos Escuros achámola no ano 1506. Trátase dunha composición feita en homenaxe ao consorte da raíña Xoana I de Castela (popularmente coñecida como Xoana a Tola), Filipe o Fermoso, con motivo do desembarco da parella na cidade da Coruña. A respecto desa cantiga, dixo Xosé María Álvarez Blázquez que: "non é aventurado supor que xurdise como consigna dos nobres galegos, desexosos de gabar o novo Rei". Atribúelle este estudoso, pois, unha finalidade política á creación desta composición. En efecto, o rei Fernando II de Aragón, "o Católico", non favorecera demasiado á nobreza galega. Fora a súa esposa, de feito, quen levou a termo o chamado "proceso de doma e castración do Reino de Galicia". Por isto, os nobres galegos non verían con malos ollos, a priori, o goberno deste monarca, posto que podería supor unha mudanza (que non se produciu) nas relacións entre Galiza e Castela.
Tamén do século XVI data un hipotético ciclo de romances nos que se conta a historia da morte do Mariscal Pardo de Cela. Desta serie de composicións consérvanse só dous testemuños escritos, entre os que destaca o chamado Lamento da Frouseira. Este último, elaborado entre 1530 e 1540, foi atribuído erroneamente ao poeta portugués Luís de Camões. Neste tipo de composicións enxálzase e idealízase a figura deste personaxe histórico, que aparece caracterizado como un señor feudal insubmiso á vontade da raíña Isabel I de Castela, "a Católica", defensor da terra, que só pode ser derrotado a través da traizón dos seus achegados. Esta mesma imaxe será recollida por Ramón Cabanillas e Antón Villar Ponte na súa obra dramática O Mariscal (1926). Nas dúas creacións poéticas citadas nárrase o momento da tráxica morte do Mariscal e do seu fillo, axustizados pola Coroa de Castela. Tamén do século XVI é o Soneto de Monterrei.
Tamén se ten falado do poema de La Araucana (1589) de Isabel de Castro e Andrade (condesa de Altamira) como outro testemuño literario dos Séculos Escuros realizado no século XVI. Mais, realmente, esta composición está escrita en lingua portuguesa e, polo tanto, de acordo co canon estabelecido en 1963 por Ricardo Carballo Calero ("só é literatura galega a escrita en galego"), pertencería á literatura portuguesa, non á galega. Si pertencerían á literatura galega unha serie de sonetos da autoría da mesma condesa, dos que tan só se conserva un.
Ademais, nos cancioneiros musicais españois dos séculos XV e XVI aínda se recollen cancións paralelísticas semellantes ás da lírica trobadoresca. Así se pode constatar nos cancioneiros do Palacio Real, de Madrid, de Uppsala, de Luis de Milán, de Juan Vázquez e nalgúns máis. En total existen sobre vinte cancionciñas que recordan a cantiga de amigo.
Do século XVI -arredor de 1594- data a composición Canción galega en loor de don Diego das Mariñas Parragués, de autor descoñecido (acaso Gaspar de Teves) e cuxa función é louvar a figura do que foi o primeiro galego que alcanzou o cargo de Capitán Xeneral de Galiza. O texto está redactado en once estanzas, forma estrófica que atinxe o seu apoxeo no Século de Ouro. Este poema estaba incluído nun libro que chegou ás mans de Diego Sarmiento de Acuña (Conde de Gondomar), e contiña composicións elaboradas en lingua castelá.
Século XVII miniatura|Relación de las Exequias que hico la real Audiencia del Reyno de Galiçia a la Magestad de la Reyna D. Margarita de Austria nra Señora descriptas y puestas en stilo por Ioan Gomez Tonel. Por outra parte, en 1612 publicarase un cancioneiro das Exequias á Raíña Margarida, no cal se recollen composición elexíacas que supoñían un lamento polo pasamento da raíña Margarida de Austria. A publicación desta obra correu a cargo da Real Audiencia do Reino de Galiza. Entre elas, hai dous sonetos creados en lingua galega, un da autoría de Xoán Gómez Tonel e outro da colleita de Pedro Vázquez de Neira. De todas as maneiras, estes non serán os únicos textos destes autores que aparezan neste poemario: Gómez Tonel escribiu sete poemas en español e sete en latín; Vázquez de Neira, pola súa banda, compuxo tres sonetos en latín, tres en español e mais outro no que utiliza estas dúas linguas. A este respecto, comentaba Xesús Alonso Montero que era curioso que dous prolíferos poetas en español escribiran naquela altura cadanseu soneto en galego. Por isto varios investigadores, entre eles o profesor Xosé María Dobarro Paz, chegaron á conclusión de que a utilización do galego nestes dous poemas responde a motivos estéticos. Así, a lingua galega sería utilizada coa mesma finalidade coa que se usa un determinado tipo de metro, de rima ou de recursos retóricos.
De 1617 dataría unha composición anónima onde se narra o saqueo de Cangas de Morrazo polos turcos. Tamén é anónimo un canto ao monte Medulio que Xosé María Álvarez Blázquez dubida se é do século XVII ou XVIII. Cómpre sinalar tamén as cartas destinadas a Diego Sarmiento de Acuña, por exemplo de Beatriz da Serra.
Pénsase que é de antes de 1630 as Décimas ao apóstolo Santiago, de frei Martín Torrado, que pese a non seren imprentadas, foron moi populares no seu tempo. Nelas recóllese a polémica consistente en considerar se o Apóstolo Santiago debía de ser o único patrón das Españas ou se, pola contra, debía compartir esa honra con Santa Tareixa de Xesús.
En 1697 foron publicados os nove romances escritos en galego contidos no volume conmemorativa das Festas Minervais celebradas naquel ano. Da presenza da lingua galega nestas Festas Minervais afirma Xesús Alonso Montero que se trata dunha comparecencia anecdótica e, como acontecera no volume das Exiquias á Raíña Margarida, a súa finalidade sería máis ben estética. Aínda así, como indica Ramón Mariño Paz, trátase de textos lonxincuos do romance galego popular escritos por intelectuais de gran categoría, entre os que o propio Mariño destaca a Joseph Gil de Taboada e a Fabián Pardiñas Vilardefrancos. Por outra parte, segundo Anxo Tarrío, parece ser que as Festas Minervais se viñan celebrando desde 1536, en homenaxe ao impulsor da Universidade de Santiago de Compostela Alonso III de Fonseca, alcuñado "O Grande". Mais na maioría dos casos non se conserva ningún volume similar ao de 1697, polo que poderían existir máis composicións en lingua galega das que non se ten constancia.
Século XVIII De 1702 é un poema no que se narra a batalla de Rande, atribuído a Anselmo Feixoo e Montenegro. No ano 1707 tiveron lugar na cidade de Ourense unhas celebracións con motivo do nacemento do príncipe Lois Xacobe, fillo de Filipe V e de María Luísa de Savoia. Co gallo destes festexos, foi elaborado un volume conmemorativo no que se recolle un romance anónimo escrito en lingua galega, dedicado á Virxe da Reza e atribuído por Xosé María Álvarez Blázquez a Noguerol e Camba.
miniatura|170px|esquerda|Martín Sarmiento, autor das coplas galegas.