Millene Cabral Vieira, nada en Porto Alegre o 29 de novembro de 1997, é unha futbolista brasileira que xoga como dianteira no Deportivo da Coruña, da Primeira División.

Traxectoria Comezou a xogar ao fútbol sala aos 10 anos no seu Brasil natal, pasando logo ao fútbol herba nas filas do Grêmio. Con 17 anos puxo rumbo a Tennessee para estudar e xogar catro anos ao fútbol cunha bolsa de estudos. En 2019 marchou ao Xapón, onde asinou o seu primeiro contrato profesional co Vegalta Sendai, no que militou durante cinco meses.

Ao final do seu contrato regresou ao Brasil, e tras un breve paso polo Foz Cataratas do Paraná, interrompido pola pandemia de COVID-19, en 2020 recalou en España, onde fichou polo Sporting de Gijón. Co equipo asturiano foi a máxima goleadora do Grupo Norte da Segunda División na tempada 2020/21, con 16 dianas en 22 partidos. Na seguinte campaña pasou ao Rayo Vallecano, co que debutou na Primeira División.

No verán de 2022 fichou polo Deportivo da Coruña, da Segunda División, tras ser convencida pola directora deportiva, Rocío Candal. Na súa primeira campaña foi a máxima goleadora do equipo, cun total de 14 goles, cifra que superou na seguinte tempada, na que os seus 16 goles en liga foron unha das claves do ascenso do club á Primeira División. Xa na máxima categoría, na tempada 2024/25 superou a Teresa Abelleira como a cuarta máxima goleadora da historia do club.

Na cultura popular

En 2026 a cantautora arzuá MJ Pérez dedicoulle a canción "Samba para Millene", do seu álbum Je tiens bon, cumprindo a promesa que lle fixera en 2024 en Bilbao, despois de que a xogadora marcara ante o Athletic B un crucial gol de cara ao ascenso á máxima categoría.

Notas

Categoría:Nados en 1997 Categoría:Nados en Porto Alegre Categoría:Futbolistas do Brasil Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadoras do Rayo Vallecano Feminino Categoría:Xogadoras do Deportivo da Coruña Feminino