Albina Francitorra i Aleñà, nada en Barcelona o 3 de febreiro de 1912 e finada o 31 de decembro de 2013, foi unha xornalista e escritora catalá de finais dos anos 20 e principios dos 30. Licenciouse en filoloxía catalá aos 70 anos. Foi secretaria, administradora e arquiveira da súa filla Montserrat Roig Fransitorra.

Traxectoria Nada nunha familia pequeno-burguesa, era a máis nova de tres irmáns. O pai era mestre de obras e a nai ama de casa. Vivían na rúa Llúria do Eixample de Barcelona. Con sete anos comezou a súa vida escolar coas relixiosas salesianas. Aos doce anos enfermou dunha anemia grave e tivo que abandonar a escola. Educouse na casa cunha profesora particular e tamén estudou piano.

Cando chegou á adolescencia, sentíase moi descontenta coas limitacións que a sociedade impoñía ás nenas. Convencida de que quería facer algo máis que esperar por un marido, estudou contabilidade, taquigrafía e francés. Contra a vontade do seu pai e do seu irmán, buscou traballo nunha casa de aparellos fonográficos.

Moza decidida e emprendedora, amante da lectura e do cine, a finais dos anos 20 comezou a escribir. Presentou un conto a un certame literario convocado pola revista El hogar i la moda e gañouno. A partir de entón publicou contos e ensaios nas revistas La Rambla, La dona catalana, Catalunya radio (revista) e Nosaltres sols (diario), entre outras. Cando remataba un artigo, levábao ela mesma á redacción. Tamén se deixaba ver nas tertulias literarias, sobre todo na Penya de Can Vilaró, que tiña lugar na tenda de Ramon Vilaró, no carrer de Ferran. Alí reuníanse algúns membros do Ateneu Barcelonès como Josep Maria de Segarra, Ventura Gassol, Carme Monturiol ou Prudenci Bertrana, e falaban de arte, literatura, teatro e política. Albina Francitorra era catalanista e republicana. Nun deses encontros coincidiu cun vello amigo da familia, o avogado e escritor Tomàs Roig i Llop, un home conservador e crente que gañara os Jocs Florals en 1919 e moi afeccionado ao teatro.

Pouco despois de proclamarse a República, volvéronse reunir. Albina tiña 19 anos e Tomàs dez anos máis. O 13 de setembro de 1931 formalizaron a relación e o 28 de xaneiro de 1932 casaron na Capela da Mare de Déu de l'Esperança de Barcelona. Axiña chegaron os fillos: Maria Isabel en decembro dese mesmo ano, Maria Rosa (1935), Glòria (1936), Joan Antoni (1941), Maria Albina (1942), Montserrat (1946) e Carmina (1949).

Xa casada, Albina Francitorra seguiu a escribir durante un tempo. Porén, os fillos, a guerra, a posguerra e as obrigas familiares mantíñana afastada do panorama literario activo. A casa Roig-Fransitorra sempre acolleu as visitas de artistas, poetas e escritores que protagonizaban animadas tertulias, ás que tiñan acceso os nenos. Isto e o feito de o seu marido ser presidente da entidade teatral FESTA seguramente influíu na vocación de tres das fillas: Glòria (actriz) Montserrat (inicialmente actriz, escritora e xornalista) e Carmina (guionista).

Esta numerosa familia, onde predominaban as mulleres, foi o núcleo que máis tarde inspiraría algunhas das novelas de Montserrat Roig.

Albina Francitorra nunca renunciou aos seus desexos. Foi escritora, amante das artes, muller e nai de sete fillos (algúns de marcada personalidade), republicana e catalanista, de esquerdas, feminista, profesora de catalán durante as prohibicións e secretaria e arquiveira da súa filla Montserrat. Aprendeu a conducir aos 64 anos, foi á universidade e licenciouse en Filoloxía Catalá aos 70 anos.

Sobreviviu ao seu home Tomàs e a cinco fillos e viviu en plena lucidez ata os 101 anos.

En 2020 Edicions Llop Roig publicou o libro De la vida que passa. Jove, feminista, catalanista i escriptora, colección de artigos e relatos de Albina Francitorra publicados na prensa barcelonesa entre 1929 e 1933 e dous inéditos. Inclúe tamén unha biografía da escritora, de Betsabé García.

Notas

Categoría:Nados en 1912 Categoría:Finados en 2013 Categoría:Escritores de Cataluña Categoría:Xornalistas de Cataluña Categoría:Nados en Barcelona