Henriette Davidson Avram, nada en Nova York o 7 de outubro de 1919 e finada en Miami o 22 de abril de 2006, foi unha informática e analista de sistemas, coñecida por desenvolver o formato MARC, o estándar internacional para a xestión de datos bibliográficos e información en bibliotecas. A creación deste formato a finais dos 60 e comezos dos 70, namentres traballaba na Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos, revolucionou a práctica da biblioteconomía ao facer posible a automatización de moitas das funcións bibliotecarias e a comunicación de información bibliográfica por vía electrónica entre diferentes institucións.

Traxectoria Primeiros anos e matrimonio Henriette Regina Davidson naceu en Manhattan, Nova York, o 7 de outubro de 1919, filla dun distribuidor de materiais e dunha reporteira do Philadelphia Ledger. Malia non ter a intención de converterse en bibliotecaria, dende pequena pasou moitos sábados da súa infancia lendo nas bibliotecas públicas do seu barrio.

Avram soñaba con atopar unha cura para o cancro, que padeceran varios membros da súa familia. Xa que logo, estudou Medicina no Hunter College de Nova York. En 1941, casou con Herbert Mois Avram, quen ingresou na Armada. Contra o remate da segunda guerra mundial, era xa un tenente comandante que loitara na fronte do Atlántico e mais do Pacífico.

Os Avram tiveron tres fillos: Marcie, Lloyd e Jay. A familia viviu en Nova York até 1951, cando Herbert Avram aceptou un posto na Axencia de Seguridade Nacional, en Washington D.C..

Carreira profesional Os Avram trasladáronse a Arlington e, máis tarde, a Silver Spring. Unha vez en Virxinia, Avram deixou de ser ama de casa para estudar Matemáticas na Universidade George Washington. En 1952, ingresou na NSA como informática, traballando co IBM 701.

A comezos dos 60, Avram pasou ao sector privado traballando para o American Research Bureau e logo para a Datatrol Corporation, unha empresa de software. Ambos postos estaban relacionados coa análise de sistemas e a programación informática, mais en Datatrol Avram tivo tamén o seu primeiro contacto profesional coas bibliotecas. Cando lle solicitaron deseñar unha biblioteca dixital, leu varios libros de ciencias da documentación para familiarizarse coa terminoloxía. Así mesmo, contratou unha bibliotecaria para axudala no proceso de deseño. Durante este proxecto, Avram coñeceu por primeira vez o Servizo de División de Tarxetas da Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos. Tamén fixo traballos de consultoría para Frederick Kilgour, pai do Online Computer Library Center (OCLC), durante o seu primeiro intento de dixitalizar información bibliográfica. En marzo de 1965, Avram aproveitou unha oferta na Biblioteca do Congreso, onde foi contratada como analista de sistemas.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Profesores da Universidade George Washington Categoría:Finados en 2006 Categoría:Nados en 1919 Categoría:Bibliotecarios dos Estados Unidios de América