Cyrillus Kreek, nado como Karl Ustav Kreek o 3 de decembro de 1889 en Võnnu, no condado de Lääne, e finado o 26 de marzo de 1962 en Haapsalu, foi un compositor estoniano.

Kreek estudou trombón e composición no Conservatorio de San Petersburgo dende 1908 ata 1916 nos anos inmediatamente anteriores á Revolución Rusa, despois traballou primeiro como profesor de música en Haapsalu (no oeste de Estonia), despois no Colexio de Música de Tartu, e finalmente no Conservatorio de Talín.

Kreek comezou a recompilar cancións populares relixiosas en 1911 na rexión de Haapsalu. Recompilou sistematicamente a música popular do seu país natal e, dende entón, moitos dos seus arranxos de melodías populares convertéronse en parte do repertorio permanente das sociedades corais estonianas. Foi o primeiro coleccionista estoniano en usar o fonógrafo para este propósito e as harmonizacións que realizou convertéronse nunha preocupación para toda a vida. As súas fermosas composicións de salmos teñen un inconfundible matiz popular e, con todo, son moito máis que simples arranxos de cancións populares, coa súa coidadosamente graduada cor coral e o seu uso pasaxeiro da imitación. A obra magna de Kreek foi o seu Réquiem, utilizando unha tradución estoniana do texto do Réquiem de Mozart, pero a súa esencia exprésase perfectamente nestas miniaturas corais. Cyrillus Kreek tamén acadou sona como compositor instrumental coa súa Musica sacra, unha Humoreske para orquestra e unha Suite para cítaras e orquestra.

Composicións

Reekviem (1927) Musica sacra (para orquestra, 1943) Armastuslaul 13. sajandist (para orquestra, 1943) Kalevipoeg nõiakoopas (cantata, 1953) Setu sümfoonia (para orquestra, 1953)

Notas

Categoría:Músicos de Estonia Categoría:Compositores Categoría:Nados en Estonia Categoría:Nados en 1889 Categoría:Finados en 1962