dereita|miniatura|Almeida Garrett, polo escultor A. Pinheiro. João Baptista da Silva Leitão, nado no Porto o 4 de febreiro de 1799 e finado en Lisboa o 9 de decembro de 1854, foi un escritor e dramaturgo romántico, orador, Par do Reino, ministro e secretario de Estado honorario portugués, nomeado vizconde de Almeida Garrett.

Traxectoria

Fillo segundo do selador-mor da Alfándega do Porto, acompañou a familia cando esta se refuxiou nos Azores, onde tiña propiedades, fuxindo da segunda invasión francesa, realizada polo exército comandado polo mariscal Soult que entrando en Portugal por Chaves se dirixiu para o Porto, ocupándoo.

Pasou a adolescencia na illa Terceira, sendo destinado á vida eclesiástica, debendo entrar na Orde de Cristo, por intercedência do tío paterno, Frei D. Alexandre da Sagrada Familia, bispo de Malaca e despois de Angra.

En 1816, regresando ao continente, inscribiuse na Universidade, na Facultade de Leis, sendo aí que entrou en contacto cos ideais liberais. En Coímbra, organiza unha tenda masónica, que será frecuentada por alumnos da Universidade como Manuel Passos. En 1818, comeza a usar o apelido Almeida Garrett, así como toda a súa familia.

Participa entusiasticamente na revolución de 1820, da que parece ter coñecemento atempado, como parece probar a poesía As férias, escrita en 1819. Sendo dirixente estudantil e orador defende o vintismo con ardor escribindo un Himno Patriótico recitado no Teatro de San João. En 1821, funda a Sociedade dos Xardineiros, e volta aos Azores nunha viaxe de posíbel motivación masónica. De regreso ao Continente, establécese en Lisboa, onde continúa a publicar escritos patrióticos. Concluíndo a licenciatura en novembro deste ano.

En Coímbra publica o poema libertino O Retrato de Venus, que lle vale ser acusado de materialista e ateo, así como de «abuso da liberdade de prensa», do que será absolto en 1822. Tórnase secretario particular de Silva Carvalho, secretario de estado dos Negocios do Reino, ingresando en agosto na respectiva secretaría, co lugar de xefe de negociado da instrución pública. No fin do ano, o 11 de novembro, casa con Luísa Midosi.

A Vilafrancada, o golpe militar de D. Miguel que, en 1823, acaba coa primeira experiencia liberal en Portugal, lévao para o exilio. Establécese en marzo de 1824 no Havre, cidade portuaria francesa na foz do Sena, mais en decembro está desempregado, o que o leva a ir vivir para París. Non lle sendo permitido o regreso a Portugal, volta ao seu antigo emprego no Havre. En 1826 está de volta a París, para ir traballar na libraría Aillaud. A muller regresa a Portugal.

É amnistiado tras a morte de D. João VI, regresando cos últimos emigrados, tras o outorgamento da Carta Constitucional, reocupando en agosto o seu lugar na Secretaría de Estado. En outubro comeza a editar «O Português, diário político, literário e comercial», sendo prendido a finais do ano seguinte. Liberado, volta ao exilio en xuño de 1828, debido ao restabelecimento do réxime tradicional por D. Miguel. De 1828 a decembro de 1831 vive en Inglaterra, indo despois para Francia, onde se integra nun batallón de cazadores, e máis tarde, en 1832, para os Azores integrado na expedición comandada por D. Pedro IV. Nos Azores trasládase para o corpo académico, sendo máis tarde chamado, por Mouzinho da Silveira, para a Secretaría de Estado do Reino.

Participa na expedición liberal que desembarca no Mindelo e ocupa o Porto en xullo de 1832. No Porto, é reintegrado como oficial na secretaría de estado do Reino, acumulando co traballo na comisión encargada do proxecto de creación do Códigos Criminal e Comercial.

En novembro parte con Palmela para unha misión a varias cortes europeas, mais a misión é disolta en xaneiro e Almeida Garrett abandona en Inglaterra, indo para París onde se encontra coa muller.

Só coa ocupación de Lisboa en xullo de 1833, consegue apoio para o seu regreso, que acontece en outubro. O 2 de novembro é nomeado vogal-secretario da Comisión de reforma xeral dos estudos. É por esa altura que se instala no palacio dos Condes de Almada, na Praza de S. Domingos, en Lisboa, onde reunía a referida comisión. En febreiro do ano seguinte é nomeado cônsul-xeral e encargado de negocios na Bélxica, onde chega en xuño, mais é de novo abandonado polo goberno.

Regresa a Portugal en principios de 1835, regresando ao seu posto en maio. Estaba en París, en tratamento, cando foi substituído sen aviso previo na embaixada belga. Nomeado embaixador na Dinamarca, é cesado antes mesmo de abandonar a Bélxica.

Estes sucesivos abandonos por parte dos gobernos cartistas, lévano a envolverse co Setembrismo, dando así orixe á súa carreira parlamentaria. Logo en 28 de setembro de 1836 é incumbido de presentar unha proposta para o teatro nacional, o que fai propondo a organización dunha Inspección-Xeral dos Teatros, a edificación do Teatro D. Maria II e a creación do Conservatório de Arte Dramática. Os anos de 1837 e 1838, son cubertos nas discusións políticas que levarán á aprobación da Constitución de 1838, e na renovación do teatro nacional.

O 20 de decembro é nomeado cronista-mor do Reino, organizando pronto no principio de 1839 un curso de lecturas públicas de Historia. O ano seguinte o curso versa a «historia política, literaria e científica de Portugal o século XVI».

En 15 de xullo de 1841 ataca violentamente o ministro António José d'Ávila, nun discurso a propósito da Lei da Décima, o que implica a súa pasaxe para a oposición, e o leva á dimisión de todos os seus cargos públicos. En 1842, oponse á restauración da Carta proclamada no Porto por Costa Cabral. Electo deputado nas eleccións para a nova Cámara dos Deputados cartista, rexeita calquera nomeamento para as comisións parlamentarias, como toda a esquerda parlamentaria. O ano seguinte ataca violentamente o goberno cabralista, que compara ao absolutista.

É este ano de 1843 que comezou a publicar, na Revista Universal Lisbonense, as Viagens na Minha Terra, describindo a viaxe ao vale de Santarém comezada o 17 de xullo. Anteriormente, o 6 de maio, lera no Conservatório Nacional unha memoria en que presentou a peza de teatro Frei Luís de Sousa, facendo a primeira lectura do drama.

Continuando a súa oposición ao Cabralismo, participa na Asociación Electoral, dirixida por Sá da Bandeira, así como nas eleccións de 1845, onde foi un dos 15 membros da minoría da oposición na nova Cámara. O 17 de xaneiro de 1846, proferiu un discurso en que consideraba a minoría como representante da «gran nación dos oprimidos», petición o 7 de maio a dimisión do goberno, e en xuño a convocatoria de novas Cortes.

Co rexurdir da revolución da Maria da Fonte, e da Guerra Civil da Patuleia, Almeida Garrett que apoia o movemento, ten que pasar a andar escondido, reaparecendo en xuño, coa sinatura da Convención do Gramido.

Coa vitoria cartista e o regreso de Costa Cabral ao goberno, Almeida Garrett é afastado da vida política, até 1852. En 1849, pasa unha breve tempada na casa de Alexandre Herculano, na Ajuda. En 1850, subscribe con máis de 50 outras personalidades unha Protesta contra a Proposta sobre a Liberdade de Prensa, máis coñecida por «lei das rolhas». Costa Cabral noméao, en decembro, para a comisión do monumento a D. Pedro IV.

Co fin do Cabralismo e o comezo da Rexeneración, en 1851, Almeida Garrett é consagrado oficialmente. É nomeado sucesivamente para a redacción das instrucións ao proxecto da lei electoral, como plenipotenciario nas negociacións coa Santa Sé, para a comisión de reforma da Academia das Ciencias, vogal na comisión das bases da lei electoral, e na comisión de reorganização dos servizos públicos, para alén de vogal do Consello Ultramarino, e de estar encargado da redacción do que irá ser o Acto Adicional á Carta.

Por decreto do Rei D. Pedro V de Portugal, datado de 25 de xuño de 1851, Garrett é feito Vizconde de Almeida Garrett, en vida (tendo o título que ser posteriormente renovado por 2 veces). En 1852 colle, por poucos días, a carpeta dos Negocios Estranxeiros en goberno presidido polo Duque de Saldanha.

En 1852 é elixido novamente deputado, e de 4 a 17 de agosto será ministro dos Negocios Estranxeiros. A súa última intervención no Parlamento será en marzo de 1854 atacando ataca o goberno na persoa de Rodrigo de Fonseca Magalhães.

Falece a 9 de decembro de 1854, vítima dun cancro de orixe hepática, na súa casa situada na actual Rúa Saraiva de Carvalho, en Campo de Ourique, Lisboa. Foi sepultado no Cemiterio dos Praceres, en Lisboa, sendo trasladado a 3 de maio de 1903 para o Mosteiro dos Jerónimos. Os seus restos mortais foron posteriormente trasladados para o Panteão Nacional da Igrexa de Santa Engrácia aquando do termo deste edificio. A cerimonia foi en homenaxe a el e a outras ilustres figuras portuguesas, entre os días 1 e 5 de decembro de 1966.

Valoración na cultura portuguesa No século XIX e en boa parte do século XX, a obra literaria de Garrett era xeralmente tida como unha das máis xeniais da lingua portuguesa, inferior só á de Camões. A crítica do século XX (notabelmente João Gaspar Simões) veu cuestionar esta apreciación, sinalando os aspectos máis febles da produción garrettiana.

No entanto, a súa obra conservará para sempre o seu lugar na historia da literatura portuguesa, polas innovacións que a ela trouxo e que abriron novos rumbos aos autores que se o seguiron. Almeida Garrett, até polo acentuado individualismo que atravesa toda a súa obra, merece ser considerado o autor máis representativo do romanticismo en Portugal.

A obra literaria Ancorada o tempo histórico do Liberalismo, a súa obra literaria está inserida no contexto político e cultural que a motivou.

A poesía lírica e narrativa dominou a primeira fase da súa carreira (década de 1920), oscilante entre o neoclassicismo convencional e a nova corrente romántica, de inspiración nacionalista. Despois de O Retrato de Venus (1821) publica, no exilio, os poemas Camões (1825) e Dona Branca (1826), textos iniciadores do Romanticismo portugués. Seguiu a colectánea Lírica de João Mínimo (1829). Comezou a recolleira dos textos do cancioneiro tradicional portugués. Na mesma época o xornalismo ocupa un lugar importante na súa escrita. Xa en 1822 lanzara un pequeno xornal O Toucador (destinado ás señoras). Dirixiu dous xornais, O Português e O Cronista. fundou O Português Constitucional (1836) e o xornal teatral O Entreato (1837). Do exilio son tamén os ensaios: Da Educação (1829), un tratado de filosofía pedagóxica dedicado á futura raíña D. Maria II; e Portugal na Balança da Europa (1830).

Na madureza (década de 1940) escribiu as obras maiores: lírica, narrativa e drama.

Foi un renovador do teatro, pola súa función civilizadora. Despois de obras como as traxedias Catão, Lucrécia e Mérope, en 1838 chégallo o éxito con Um Auto de Gil Vicente. Despois virá o drama histórico con O Alfageme de Santarém, Frei Luís de Sousa, D. Filipa de Vilhena; e a comedia: Falar verdade a mentir, Profecias do Bandarra, Um Noivado no Dafundo etc. Frei Luís de Sousa (1844) é a que mellor recolle o seu ideal artístico: combinando o pathos da traxedia clásica e a actualidade vivencial do drama familiar. Segue sendo un texto de referencia en Portugal. Tamén é de renovada inspiración a poesía lírica. Dúas colectáneas poéticas Flores sem Fruto (1845) e Folhas Caídas (1853), a última exemplo de individualismo romántico. Ten pouca obra novelística, mais moi orixinal, sobre todo Viagens na Minha Terra (1843/1846) que pode considerarse a primeira narrativa moderna portuguesa. Conestrutura digressiva e aparentemente desconexa está a novela histórica O Arco de Sant’Ana (1845/ 1851), un texto polémico e cheo de humor, que lembra unha revolta popular contra o bispo do Porto, no século XIV.

É autor dunha vasta produción fragmentaria, de natureza literaria, ensaística e xornalística (en particular no dominio da crónica política, cultural e mundana), ben como diversos discursos e textos de circunstancias.