Eva Llorens Rodríguez, nada na Coruña o 3 de marzo de 1921 e finada na mesma cidade o 5 de setembro de 2004, foi unha pintora galega, mecenas e catedrática de Literatura española.
Traxectoria profesional e artística Estudou Belas Artes e despois Filosofía e Letras na Universidade Yale. Foi profesora de Lingua española no National Defense Institute e catedrática de Literatura española nas Universidades de Yale e de New Haven. Tamén traballou como correspondente da revista Goya desde os Estados Unidos.
Na súa pintura destaca a harmonía entre forma e contido, con temas universais en que a súa orixe galega queda presente. Destácanse tres etapas; a primeira caracterízase polos espidos e polas paisaxes urbanas, a segunda pola influencia da arte abstracta e a terceira polo predominio da técnica da acuarela, en que deixou ver o paisaxismo de Galiza. De xeito individual, expuxo nos Estados Unidos e, a partir de 1950, na Coruña e mais en Madrid. Participou nunha mostra colectiva no Museo Raíña Sofía xunto Guinovart, Modest Cuixart e Luís Feito, entre outros artistas.
Trasladou o seu sentimento polas artes plásticas ao ámbito literario, en que realizou estudos sobre Valle Inclán e unha monografía sobre o seu pai Francisco Llorens. Ademais, ilustrou libros de escritoras galegas como María do Carme Krukenberg e Marica Campo.
Após 35 anos de estadía en América, no retorno a Galiza destacou como artista e polo seu labor de mecenado. Realizou unha doazón á Fundación Pedro Barrié de la Maza de 59 obras do seu pai e á Deputación provincial da Coruña legoulle a biblioteca familiar con máis de 1.400 volumes entre os que se encontran publicacións especializadas en arte e literatura galega, ademais de primeiras edicións e obras dedicadas por Ramón Cabanillas e Álvaro Cunqueiro, entre outros autores.
Recibiu o premio extraordinario do Museo de Boston e o da Sterling Memorial Library, ademais de ser nomeada académica non numeraria da Real Academia Galega.
Notas
Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 1921 Categoría:Finados en 2004 Categoría:Pintores de Galicia do século XX Categoría:Alumnos da Universidade Yale Categoría:Membros correspondentes da Real Academia Galega