miniatura|De esquerda a dereita: Benito Mussolini e Adolf Hitler. As políticas de Hitler e as súas ordes provocaron directa ou indirectamente a morte de 50 millóns de persoas en Europa. Co réxime comunista de Iosif Stalin, marcaron o comezo dos "réximes totalitarios".
A ditadura é unha forma de goberno no que unha persoa, ou un grupo de persoas máis ou menos extenso, exerce o poder en virtude dunha afirmación persoal, sen limitacións legais ou constitucionais efectivas. Unha das formas de réxime máis común é a ditadura militar.
O concepto de ditadura úsase contemporaneamente dunha forma moito máis laxa para designar todo tipo de réximes non democráticos modernos. Este "estiramento conceptual" do termo restoulle precisión e capacidade de diferenciación ao colocar baixo unha mesma etiqueta a réximes políticos que teñen pouco en común. Así, refírense como ditaduras as monarquías árabes, os sistemas de partido único, os gobernos militares de suramérica, os fundamentalismos islámicos ou as autocracias africanas e do sueste asiático. Para evitar ese "estiramento conceptual" e darlle máis precisión ao concepto, pódense sinalar catro características das ditaduras: a concentración do poder, a precariedade das regras sucesorias, a non subxección a leis e o seu carácter transitorio.
É importante sinalar que algúns autores non diferencian os conceptos de ditadura e autoritarismo, consideran ambos conceptos rivais e que realmente non existe ningunha vantaxe clara dun sobre outro para nomear os réximes políticos non democráticos modernos mentres que outros si o fan. Entre estes últimos hainos que consideran o autoritarismo e o totalitarismo como dúas formas de ditaduras; mentres que outros reservan o termo ditadura para momentos interinos de crise de goberno entre o réxime tradicional, democrático ou autoritario.
Historia miniatura|Retrato de Maquiavelo, quen tiña unha idea positiva da ditadura clásica. Nas súas orixes, o termo ditadura tivo unha connotación positiva. Procede do latín dictator, e xorde na Roma clásica arredor do 500 a.C. para nomear, na República Romana, os maxistrados designados por un período non superior a seis meses. Estes tiñan poderes extraordinarios para afrontar circunstancias excepcionais, como unha guerra (dictatura rei gerendae causa) ou unha revolta perigosa para a República (dictatura seditionis sedandae et rei gerenda causa). O ditador era nomeado por un ou ambos cónsules a proposta do Senado, e debía ser refrendado pola Comitia Curata, unha especie de asemblea popular. Aínda que os poderes do ditador eran moi amplos, estaba sometido a controis e non eran ilimitados xa que, por exemplo, non podía declarar a guerra, cambiar as leis ou establecer novos impostos. Tiña baixo o seu mandato a 24 fasces, os equivalentes aos cónsules, e o primeiro acto era nomear o seu oficial de cabalaría (magister equitum). Os cónsules e outros maxistrados continuaban nos seus cargos durante a ditadura, mais estaban suxeitos á autoridade do ditador, quen concentraba en si mesmo o poder dos dous cónsules, pero o seu mandato (imperium maximum) duraba a metade, é dicir, o dobre de poder pola metade de tempo.
A súa figura foi moi útil na República e especialmente frecuente ata o século III a.C. cando comezou a decaer, especialmente fóra de Italia ao mostrarse ineficaz polo seu mandato limitado. Cara ao 300 a.C. limitouse o poder do ditador mediante o dereito de apelación e o veto dos tribunos militares. A partir dese momento, os ditadores nomeábanse só para asuntos menores como nalgúns casos de celebración de eleccións.
A invasión cartaxinesa supuxo unha renacenza temporal do cargo, os últimos ditadores que dirixiron tropas no campo de batalla foron Quintus Fabius Maximus Verrucosus o ano 217 a.C. e Marcus Junius Pera o ano seguinte durante os primeiros estadios da segunda guerra púnica. O último ditador electo na maneira tradicional foi Gaius Servilius Geminus, o 202 a.C.. O termo foi posteriormente usado no século I a.C. para definir os mandatos de Sila e Xulio César, máis semellantes ao concepto contemporáneo de ditadura que á maxistratura orixinal. Finalmente a figura foi abolida o 44 a.C. (lex Antonia de dictatura tollenda).
A institución romana da ditadura era, pois, o contrario a un despotismo ilexítimo, xa que o ditador era máis un salvador da República ca un tirano. Polo seu carácter constitucional e estar temporalmente limitada, a ditadura clásica foi valorada positivamente por autores como Niccolò Machiavelli e Jean-Jacques Rousseau.
A finais do Antigo Réxime o termo desenvolveu un sentido figurado, e durante o período do Terror da Revolución Francesa adquiriu o sentido político actual.Con todo, continuou mantendo certa connotación positiva da institución clásica romana. Así, as "ditaduras" de Oliver Cromwell en Inglaterra e Napoleón Bonaparte en Francia, malia romperen coa legalidade vixente, foron vistas na época como unha salvación para a nación fronte a un perigo existente. Mesmo Giuseppe Garibaldi e Karl Marx seguían utilizando o concepto sen connotacións negativas. De feito, Garibaldi autoproclamouse ditador cando asumiu o poder en Sicilia en 1860. miniatura|Antonio López de Santa Ana, ditador mexicano do século XIX Coa decadencia das monarquías hereditarias no século XIX, as dúas principais alternativas de goberno son a democracia constitucional e a ditadura. O concepto de ditadura comeza a adquirir o seu significado moderno. Toma unha connotación negativa coa aparición das ditaduras soberanas ou revolucionarias, que aspiran a crear unha situación na que sexa posible impoñer unha constitución "auténtica", co fin de crear unha nova orde sobre os restos da anterior. Neste punto perde o seu carácter simplemente executivo e amplíase ás funcións lexislativas e mesmo constituíntes. Baséanse no pretexto de non poderen apoiarse na tradición ou lexislación previa, ao se tratar de fundar unha nova orde. Os modelos de ditaduras do século XIX son a Francia de Napoleón III e a Alemaña de Otto von Bismarck.
Quizais a versión máis radical e coñecida é a ditadura do proletariado. Karl Marx formúlaa nun momento no que o concepto non tiña aínda o significado negativo actual. O concepto referíase a un estado transitorio entre o Estado burgués e unha nova sociedade sen clases. O mesmo sentido tiña para Friedrich Engels, un case estado que desaparecería cando se extinguira o obxecto da opresión, é dicir, as clases sociais. O concepto cambia radicalmente con Lenin e o comunismo soviético, que o vincula coa idea de vangarda revolucionaria e de centralismo democrático. Neste caso, denota a idea de hexemonía dunha clase que pode adoptar calquera tipo de goberno, sexa democrático ou non.
En Hispanoamérica, xorden ditadores nalgúns países independizados de España. Estes ditadores ou caudillos autoproclamábanse líderes á fronte dun pequeno grupo armado e apoderábanse dun anaco de territorio para marchar posteriormente sobre un débil goberno nacional. Algúns exemplos destes son Antonio López de Santa Ana en México e Juan Manuel de Rosas na Arxentina.
O termo adquire o seu carácter pexorativo de xeito definitivo no século XX. No período de entreguerras utilizouse para referirse aos réximes non democráticos que apareceron neses anos. Aínda así, os réximes fascista italiano e nacionalsocialista alemán non dubidaban en proclamárense ditaduras. A partir do final da segunda guerra mundial, todos os gobernos, mesmo os máis autoritarios e antidemocráticos, suprimen o uso do termo. Desde a métade do século, o termo fica vinculado aos vellos conceptos de autocracia, tiranía e despotismo, e toma diferentes formas: Nuns casos, os ditadores son colocados no poder por oficiais militares nacionalistas, como Juan Domingo Perón na Arxentina Outros toman o poder tras gañaren eleccións democráticas. Posteriormente suprimen a oposición e establecer o unipartidismo, como pasou en moitos países africanos e asiáticos poscoloniais Ás veces un grupo de oficiais do exército toma o poder e establece unha ditadura militar, das que hai abundantes exemplos en América Latina
Tipos de ditaduras Clasificación de Abal A casuística das ditaduras é moi ampla e está clasificada sen criterios claros. Tendo en conta o criterio elixido, o politicólogo arxentino Juan Manuel Abal Medina fai as seguintes propostas de clasificación:
Segundo o nivel de alteración da sociedade Atendendo ao grao de pluralismo social, os niveis de mobilización política e a intensidade da penetración coercitiva na sociedade e os medios utilizados para ese fin, pódense distinguir as ditaduras autoritarias, as totalitarias e as cesaristas. miniatura|António de Oliveira Salazar, ministro de finanzas no período da Ditadura Nacional portuguesa (1928-1933) e creador do Estado Novo (1933-1974) Ditaduras autoritarias: Buscan despolitizar e desmobilizar á sociedade. Non pretenden homoxeneizar á sociedade nin exercen un control total sobre ela, e permiten un pequeno grao de pluralismo político. Ás veces admiten partidos políticos carentes de ideoloxía e que non teñen un rol importante no réxime, ao ser máis importante a mentalidade ca ideoloxía. Poden usar o terror e a propaganda pero sen a mesma extensión que nos réximes totalitarios. O limitado pluralismo pode tomar distintas formas e, dentro delas, diferentes grupos e institucións teñen un papel máis ou menos preeminente.
Trala vitoria dos aliados na segunda guerra mundial, os países que se enfrentaban á tarefa de construír unha nación e afrontar a crise da modernidade podían optar por dous modelos políticos básicos: as competitivas democracias occidentais e o modelo soviético, que parecían excluír o modelo do autoritarismo democrático desenvolvido no período de entreguerras nos novos países do leste e sueste de Europa. Inicialmente, só Portugal apareceu como sobrevivente das reaccións autoritarias burocráticas ao fallo da democracia na Europa de entreguerras. A derrota do fascismo desacreditara calquera mobilización cara a un réxime autoritario de partido único que non se basease no modelo do partido comunista de vangarda. Aínda así, en España o réxime de Francisco Franco sobreviviu ao ostracismo das Nacións Unidas. Consistía nunha mestura de autoritarismo burocrático con elementos debilitados de réxime fascista de partido único e, dende 1942, o desenvolvemento dun estatismo orgánico. O nacionalismo arxentino, como reacción ás presións estranxeiras e ás oportunidades creadas por unha nova clase traballadora xurdida da industrialización debida á exportación de material de substitución durante a guerra, levou á transformación dun réxime oligárquico-militar nun populismo autoritario con certos compoñentes fascistas, o peronismo.
Ditaduras totalitarias: Usan a ideoloxía como principal fonte para lexitimarse. Buscan homoxeneizar a sociedade, polo que non permiten ningún grao de pluralismo, e fomentan a crenza na ideoloxía propia mediante a propaganda gobernamental. Pretenden transformar a natureza humana mediante a revolución social, para o cal poñen especial énfase na mobilización de masas. Pretenden un control total sobre a sociedade, o exército, os medios de comunicación e as organizacións económicas e sociais, e non dubidan en exercer o terror. Cun alto nivel de organización, teñen como figuras clave o líder, a policía secreta e o partido.
Exemplos de réximes totalitarios son a Alemaña nazi, a Italia fascista, os réximes comunistas da Unión Soviética e Europa do leste e a China comunista.
Ditaduras cesaristas: Nalgunhas ocasións engádese este terceiro grupo. Céntrase na autoridade suprema dun xefe militar e na fe na súa capacidade persoal, á que mesmo se lle atribúen trazos heroicos.
Segundo a finalidade perseguida Ditaduras revolucionarias: pretenden alterar a orde preexistente. Ditaduras conservadoras: pretenden preservar a orde preexistente.