António Fernandes Roquete, nado en Salvaterra de Magos o 8 de agosto de 1906 e finado en Lisboa o 18 de decembro de 1995, foi un policía e futbolista portugués, que xogaba como gardameta.

Traxectoria Por problemas económicos de seus pais, ingresou na Casa Pia de Lisboa, onde coñeceu a Cândido de Oliveira, dez anos maior que el. Practicou varios deportes como natación ou béisbol, ata que se acabou centrando no fútbol. Xogou como porteiro durante unha década no Casa Pia Atlético Clube, destacando como o mellor gardameta do país na súa época.

Foi 16 veces internacional coa selección portuguesa, coa que debutou en 1926. Participou nos Xogos Olímpicos de 1928, ás ordes do propio Cândido de Oliveira, sendo titular nos dous partidos que xogou Portugal, contra Chile e Exipto. Casou con Ana Maria Bacelar, de Valença do Minho, en 1934, e comezou a vivir na Quinta da Laje, propiedade da súa muller.

Vencellado á extrema dereita, foi policía dende 1931 e dous anos despois ingresou na Policía Estatal de Vixilancia e Defensa, posteriormente PIDE. Tralo ascenso ao poder de Salazar foi enviado á fronteira portuguesa con Galicia e foi nomeado xefe do posto en Valença. Axente estrito e violento, contribuíu en gran medida a capturar fuxitivos que tentaban atravesar a nado o río Miño e a deter a moitos portugueses por motivos políticos, ademais de sometelos a torturas. Alcanzou o rango de subinspector e chegou a delatar ao seu propio mentor, Cândido de Oliveira, opositor á ditadura salazarista, o que levou á detención deste o 1 de marzo de 1942 e ao seu posterior internamento nun campo de concentración. Esta traizón converteu a Roquete nun apestado no seu país, polo que se acabou trasladando á entón colonia de Mozambique, onde pasou boa parte da súa vida. Alí participou na creación dunha delegación da policía política e máis tarde converteuse en empresario do comercio do anacardio, a través da empresa Caju Industrial de Moçambique, controlada polo Banco Nacional Ultramarino.

Tras regresar a Portugal, viviu na casa do seu fillo, Fernando António Bacelar Roquete, en Reboleira, Amadora. Morreu de broncopneumonía no Hospital Egas Moniz o 18 de decembro de 1995, sendo enterrado en Salvaterra de Magos.

Notas

Categoría:Nados en 1906 Categoría:Nados no distrito de Santarém Categoría:Futbolistas de Portugal Categoría:Gardametas de fútbol Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Portugal Categoría:Futbolistas nos Xogos Olímpicos de 1928 Categoría:Futbolistas olímpicos de Portugal Categoría:Policías