O falcón do Amur (Falco amurensis) é unha pequena ave de presa da familia dos falcóns. Reprodúcese no sueste de Siberia e norte da China antes de migrar en grandes bandadas a través da India e do mar de Arabia para invernar nas costas do sur e leste de África.

Descrición

Os machos son caracteristicamente grises escuros na parte dorsal con coxas e zona da cloaca marróns avermelladas. En voo, a parte inferior das ás é branca, o que contrasta co resto das plumas das ás escuras. Os machos adultos da especie estreitamente emparentada falcón vespertino teñen as partes inferiores das ás grises escuras. En África, os machos poden confundirse cos Micronisus gabar melánicos, mais as cores castañas na zona da cloaca son distintivas. Ademais, pode haber algunha semellanza superficial co Falco concolor e o Falco ardosiaceus, pero estas dúas especies teñen pés e ceras do bico amarelas. As ás son longas como na maioría dos falcóns (cunha envergadura de 63–71 cm) e en repouso a punta da á atinxe ou esténdese algo alén da punta da cola.

As femias poden ser máis difíciles de identificar, xa que teñen un debuxo común ao de moitos falcóns, pero distínguense por teren un anel ocular alaranxado, unha cera vermella na base do bico e pés laranxas avermellados. Os xuvenís só poden confundirse cos do falcón vespertino, pero carecen das cobertoiras beixes da parte inferior da á.

Taxonomía

O falcón do Amur foi durante moito tempo considerado unha subespecie ou morfo do falcón vespertino, mais hoxe en día considérase unha especie distinta. Non obstante, é o parente máis próximo do falcón vespertino, mentres que as súas relacións con outros falcóns son máis enigmáticas. Os datos das secuencias de ADN non serviron para resolver esta cuestión, principalmente debido á falta de mostras completas.Wink, Michael; Seibold, I.; Lotfikhah, F. & Bednarek, W. (1998): Molecular systematics of holarctic raptors (Order Falconiformes). In: Chancellor, R.D., Meyburg, B.-U. & Ferrero, J.J. (eds.): Holarctic Birds of Prey: 29–48. Adenex & WWGBP.

O nome do xénero Falco deriva do latín falx, falcis, 'fouce', referíndose ás gadoupas da ave. O nome da especie amurensis deriva de Amurlandia no sueste de Siberia.

Distribución e migración O falcón do Amur reprodúcese no leste de Asia desde Transbaikalia, Amurlandia e norte da rexión mongol ata partes de Corea do Norte. Migran nunha ampla fronte á India e Sri Lanka, ás veces máis lonxe ao leste ata Tailandia e Camboxa e despois cruzan o mar de Arabia, ás veces pasando polas Maldivas e outras illas para chegaren ao sur de África. As aves que van á India pénsase que o fan axudadas polos fortes ventos que sopran cara ao oeste. Estes ventos son fortes a alturas de 3.000 m e as aves crese que voan a altitudes de 1.000 m durante a migración. A ruta que seguen para tornaren aos seus terreos de reprodución discorre algo máis ao norte. Debido a esta tendencia a vagar desprazándose a grandes distancias sobre o océano na migración, este falcón foi atopado en localidades lonxe da súas rutas habituais, como Italia, Suecia, Tristán da Cunha, Santa Helena e o Reino Unido e tamén está incluído na lista das aves ibéricas.

Comportamento e ecoloxía

Alimentación O falcón do Amur aliméntase principalmente ao final do serán ou cedo de mañanciña, capturando unha ampla variedade de insectos no aire ou no chan. Captura a maioría das súas presas en voo, ás veces pairando, mais tamén as captura baixando ao chan. A dieta de inverno parece constar case enteiramente de insectos, pero capturan pequenas aves, mamíferos e anfibios para alimentaren as crías nos seus terreos de reprodución. Na época das chuvias en África prodúcense grandes cantidades de térmites, lagostas, formigas e escaravellos que lles proporcionan moito alimento. A súa migración polo mar de Arabia coincide co momento da migración das libélulas Pantala flavescens e pénsase que estas lles proporcionan alimento durante a parte máis ardua da súa ruta migratoria.

Nidificación

Durante a migración permanecen en bosques abertos ou pradeiras, pousándose formando colonias en pousadoiros expostos ou arames. O seu hábitat reprodutor é un campo con árbores aberto con marismas. A estación reprodutora é de maio a xuño e varias parellas poden nidificar moi xuntas. Reutilizan para a nidificación as plataformas de niños abandonados que pertencen a aves de presa ou a córvidos e mesmo buracos nas árbores. Poñen de 3 a 4 ovos en intervalos de dous días. Ambos os proxenitores fan quendas para chocaren os ovos e alimentaren as crías, as cales fan eclosión pasado un mes. As aves novas abandonan o niño pasado outro mes.

Parasitos O falcón do Amur alberga tres especies de piollos: Degeeriella rufa, Colpocephalum subzerafae e Laembothrion tinnunculi.

Estado de conservación A ampla área de distribución e gran tamaño de poboación desta ave fixeron que fose avaliada como en situación de Preocupación menor (pouco preocupante). Porén, o comportamento de formación de bandadas durante a migración e a densidade coa que se produce, exponos á caza e outras ameazas. Durante a súa migración desde a súa área de reprodución aos cuarteis de inverno, están gordiños e son cazados como alimento en partes do noroeste da India, así como no leste de África. En 2012, as trampas e capturas en masa de falcóns do Amur en migración na vila de Pangti en Nagaland (India) saíu nos medios de comunicación e seguidamente empezou unha campaña que tivo éxito para previr esta matanza. Como parte desa campaña, puxéronlles a tres destas aves transmisores satélite 5 gm que serviron para rastrealos durante a súa migración.

Un estudo sobre os factores que axudaron a que os cazadores de falcóns de Pangti se convertesen nos seus protectores suxire que foron claves o forte liderado e a responsabilidade compartida entre as institucións da vila. Viuse que os líderes locais conseguiron xestionar ben os limitados fondos das ONGs e do goberno, que levaron a un esforzo de conservación unificado. As loanzas feitas polos medios de comunicación, os premios e o crecemento do turismo fomentaron un sentido de orgullo dentro da comunidade que contribuíu a mudar de actitude cara á conservación.

Galería

Notas

Véxase tamén Bibliografía Corso, Andrea e William S. Clark, ilustrado por Ian Lewington (1998) Identification of Amur Falcon Birding World 11(7):261-8 Corso, Andrea e Pete Dennis (1998) Amur Falcons in Italy – a new Western Palearctic bird Birding World 11(7):259-60 Adventures in Nagaland e Rastreos por satélite de tres individuos How to make 2.5 billion termites disappear? A case for protecting the Amur falcon, Ornithological Observations, unha revista electrónica de contido aberto publicada por BirdLife South Africa e a Animal Demography Unit da Universidade de Cidade do Cabo The Great migration of Amur Falcon, The Morung Express

Ligazóns externas Atlas of Southern African Birds. Global Raptor Information Network

Categoría:Falcónidos Categoría:Animais descritos en 1863