O Día Internacional das Rapazas nas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) é o cuarto xoves de abril de cada ano. Foi decidido en 2010 pola Unión Internacional de Telecomunicacións (UIT) no organismo de Nacións Unidas especializado en telecomunicacións e ten como obxectivo alentar as vocacións tecnolóxicas nas nenas e mozas, así como rebaixar a fenda dixital de xénero. Tamén busca alentar e motivar ás nenas para que participen en carreiras tecnolóxicas, tanto na formación regrada, como de maneira profesional, no ámbito do ocio ou noutro tipo de actividades. A primeira vez que se celebrou o Día Internacional das Rapazas nas TIC foi o 21 de abril de 2011.

Historia A decisión de crear o Día Internacional das Rapazas nas TIC foi acordada polos Estados membros da UIT na Conferencia de Guadalajara (México) en 2010. Aprobouse na Resolución 70 sobre o marco das políticas de promoción da igualdade de xénero e o apoderamento das mulleres a través da tecnoloxía.

Claves de traballo Estudos e resolucións internacionais das Nacións Unidas e a Comisión Europea sobre a fenda de xénero alertan sobre a importancia de que as nenas e as mulleres non só sexan consumidoras de tecnoloxía, senón tamén creadoras.

Tamén alertan e formulan loitar para superar os estereotipos de xénero que desaniman ás rapazas a inscribirse en cursos ou carreiras de ciencia e tecnoloxía dende unha idade moi temperá. Estes estereotipos refórzanse a través da familia, a escola, os medios de comunicación e na sociedade en xeral. Refórzase na idea, por exemplo, de que os rapaces son habilidosos tecnolóxicos mentres que as rapazas parecen máis dotadas para habilidades sociais e son consideradas menos destras no manexo das tecnoloxías. Tamén se advirte da existencia dunha Segunda fenda dixital relacionada co dominio masculino das áreas estratéxicas da educación, a investigación e o emprego, conectada coas ciencias, as enxeñarías e as TIC, así como coa escasa presenza de mulleres nos postos de responsabilidade e toma de decisións en ditas áreas.

A falta de acceso de nenas e mulleres ao ámbito tecnolóxico afecta directamente á igualdade de oportunidades no mundo laboral e ao desenvolvemento económico e social dos países. Nun informe dado a coñecer en xaneiro de 2016 por Eurostat, o 80% dos profesionais tecnolóxicos da Unión Europea en 2014 eran homes.

Tamén é fundamental traballar para erradicar a fenda dixital por razóns xeográficas e apoiar a promoción de espazos de desenvolvemento dixital de nenas e mulleres do mundo rural.

ONU Mulleres establece e recorda que as TIC están recoñecidas como parte fundamental do desenvolvemento das mulleres e das cativas, xa sexa a través de iniciativas de traballo, participación en redes de desenvolvemento e de apoio e acceso a coñecementos e educación. Pero o seu alcance é aínda maior dado que “co crecemento global da sociedade do coñecemento, a realización do dereito das mulleres a acceder plenamente e utilizar as TIC pode axudar a facer realidade os recursos humanos e o potencial dunha nación para o desenvolvemento sostible”.

Nun informe dado a coñecer en xaneiro do 2016 por Eurostat, o 80% dos profesionais tecnolóxicos da Unión Europea en 2014 eran homes. En España a cifra alcanza o 82%.

Porta de acceso ao desenvolvemento No seu discurso con motivo do Día Internacional das Rapazas nas TIC do 2016, Houlin Zhao, secretario xeral da UIT, explicou que se estaban creando 2 millóns de empregos no sector tecnolóxico con necesidade de persoal cualificado, polo que as rapazas con coñecementos en TIC terían a posibilidade de gañar bos soldos e ter boas oportunidades profesionais.

O ámbito das tecnoloxías de información e comunicación (TIC) é parte protagonista do mapa de desigualdades do planeta. A nivel mundial as cifras apuntan a que existen 1,3 billóns de mulleres usuarias de Internet, fronte a 1,5 billóns de homes. Nos países desenvolvidos esta diferenza é dun 2%, que aumenta a 16% nos países en vías de desenvolvemento. No uso de Internet, as mulleres continúan sendo minoría a nivel global, alcanzando só un 46%. En América Latina estímase que esta porcentaxe alcanza os 49 puntos. Alí, as nenas e mulleres están máis expostas a quedar atrasadas no mundo dixital, xa que deben atravesar maiores barreiras que os seus pares masculinos para acceder e aproveitar as vantaxes ofrecidas polo mundo das TIC.

As mulleres teñen 21% menos de probabilidades de ter o seu propio teléfono móbil, o que se traduce nunha fenda de 300 millóns en todo o mundo. Estímase que menos do 20% dos especialistas en TIC son mulleres. Aspectos tales como acceso a equipos e plataformas tecnolóxicas, desenvolvemento de destrezas dixitais e tempo destinado a uso de tecnoloxías son algúns dos temas onde a diferenza de oportunidades de xénero continúa patente, sinala a investigadora chilena María Isabel Pávez.

Galicia En Galicia realízanse dende 2013 numerosos eventos asociados ao día das nenas nas TIC para concienciar da necesidade de que as rapazas participen na creación do novo mundo dixital. Tanto medios institucionais como empresas privadas realizan numerosas actividades para este día. A maioría trátanse de faladoiros de diferentes mulleres que van aos centros escolares a contar a súa experiencia no mundo das TIC e a animar ás rapazas a seguir este camiño pese a tódalas dificultades que se poidan atopar.

A necesidade destes eventos nas localidades galegas é esencial, xa que os datos tampouco están a favor das mulleres nesta comunidade. No 2025, as mulleres representan só un 28% do alumnado universitario matriculado en carreiras técnicas. No sector laboral das TIC, no 2022, só había un 35% de mulleres traballando.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Día Internacional da Muller Fenda de xénero Fenda de xénero na informática Fenda de xénero na intelixencia artificial Fenda dixital de xénero Mulleres na informática

Ligazóns externas Portal das nenas nas TIC. Portal de Facebook ITU Girls in ICT. Os dereitos da infancia na era de Internet. América Latina e as novas tecnoloxías. María Isabel Pavez. UNICEF. ¿Por qué las niñas no estudian carreras de tecnología? Vídeo oficial Día Internacional das Rapazas nas TIC 2015.

Categoría:Infancia Categoría:Eventos feministas Categoría:Días internacionais da Organización das Nacións Unidas Categoría:Días de homenaxe Categoría:Igualdade de xénero