Venera 6 foi unha sonda espacial da Unión Soviética lanzada o 10 de xaneiro de 1969 mediante un foguete Molniya M desde o cosmódromo de Baikonur para a exploración de Venus.

Características Venera 6 foi unha sonda de tipo V-69 lanzada pola Unión Soviética despois da súa sonda xemelga, Venera 5. Tiña unha masa duns 1130 kg e era similar a Venera 4, pero cun deseño máis robusto. A misión principal era o estudo directo da atmosfera de Venus, para o cal se enviou un módulo de descenso de 405 kg acaroado ao bus principal. O módulo de descenso tiña forma de esfera de 103 cm de diámetro e podía soportar deceleracións de 450 G, temperaturas máximas de 320 °C e presións máximas de 25 a 27 bares. Usaba un escudo térmico ablativo para soportar a reentrada atmosférica e levaba un paracaídas máis pequeno, de 15 m2, que o da Venera 4 para caer máis rápido na densa atmosfera venusinar e poder recoller datos de diversas partes da atmosfera ata a superficie sen esgotar as baterías. Dispoñía de dous compartimentos presurizados, un máis pequeno cos paracaídas, a antena helicoidal para transmisións e as antenas para o altímetro radar, e outro máis grande coa maior parte da instrumentación e presurizado a 2,5 bar. Levaba a bordo un altímetro radar, tres termómetros de resistencia, barómetros aneroides, once analizadores de gas, un densitómetro de ionización e sensores fotoeléctricos. Tamén levaba unha medalla co escudo de armas da Unión Soviética e un relevo de Lenin. Para illar termicamente o interior, as paredes do módulo estaban feitas de materiais sublimables, illamento téxtil multicapa, amianto e un ventilador para remexer o aire. As baterías tiñan unha capacidade de 28 amperios-hora. Os datos enviábanse directamente á Terra cunha antena de baixa ganancia na banda decimétrica a unha velocidade de 1 bit/s. O módulo descendeu na parte nocturna de Venus.

O bus era case idéntico ao de Venera 4, con forma cilíndrica, 3,5 m de alto e con dous paneis solares cunha superficie total de 2,5 m2 e 4 m de envergadura. As comunicacións tiñan lugar medianta unha antena parabólica de 2,3 m de diámetro na parte do cilindro oposto ao dos paneis solares. No extremo dun dos paneis atopábase unha antena cónica omnidireccional. O control de actitude conseguíase mediante pequenos propulsores, usando sensores solares, terrestres e estelares para situarse no espazo. O bus levaba o seu propio conxunto de instrumentos científicos, consistente en detectores de partículas e un fotómetro ultravioleta.

Instrumentos Venera 6 levaba os seguintes instrumentos no módulo de descenso:

Tres termómetros de resistencia de platino. Seis barómetros aneroides para rangos de presión de 0,13 a 6,6, 0,66 a 26 e 1 a 39 atm. Un densitómetro de diapasón para un rango de 0,5 a 40 kg/m3. Un fotómetro para o resplandor atmosférico. Analizadores de gas. Un altímetro radar.

Desenvolvemento da misión Venera 6 engalou o 10 de xaneiro de 1969 a bordo dun foguete Molniya xunto coa súa plataforma de lanzamento orbital coa que quedou nunha órbita terrestre. A etapa propulsora acendeuse máis tarde, poñendo a Venera 6 en camiño cara Venus, cunha corrección de traxectoria o 16 de marzo de 1969. O módulo de descenso separouse do bus o 17 de maio de 1969, a unha distancia de 25 000 km de Venus, entrando sobre o lado nocturno do planeta. Cando o módulo disminuiu a súa velocidade a 210 m/s na atmosfera venusina, despregouse o paracaídas, comezando a transmisión de datos cara a Terra. A nave enviou medicións dos instrumentos cada 45 segundos durante un total de 51 minutos antes de ser destruída pola presión das profundidades da atmosfera, que alcanzou as 27 atm do deseño da nave a unha altura de entre 10 e 12 km sobre a superficie. A temperatura do interior era duns 28 °C na transmisión final, dentro dos límites operativos.

Resultados científicos A misión confirmou as elevadas temperaturas e presións do planeta e unha composición atmosférica case completamente de dióxido de carbono (do 93% a 97% do total da atmosfera), case total ausencia de vapor de auga (11 mg/l), menos dun 2% de nitróxeno e menos dun 0,1% de oxíxeno. Venera 6 estudou a composición química da atmosfera a maiores presións que Venera 5, entre 2 e 10 atm. O fotómetro non chegou a funcionar.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Molniya (foguete) Programa Venera Venera 1 Venera 2 Venera 3 Venera 4 Venera 5 Venera 7 Venera 8 Venera 9 Venera 10 Venera 11 Venera 12 Venera 13 Venera 14 Venera 15 Venera 16 Venera-D

Categoría:Programa Venera