miniatura|upright=1.35|A gran cadea dos seres medieval representada como unha escaleira, implicaba a posibilidade de progreso: Escada de ascenso e ascenso da mente, de Ramon Llull de 1305. As alternativas á evolución darwinista son as que propuxeron os eruditos que investigaban a bioloxía para explicar os signos da evolución e o parentesco dos diferentes grupos de seres vivos sen recorrer aos principios darwinistas como a selección natural. A maioría destas propostas históricas foron abandonadas co tempo, pero algunhas foron importantes na súa época. Son teorías evolutivas alternativas, é dicir, non negan que os cambios evolutivos que se producen co paso do tempo son a orixe da diversidade da vida, nin que os organismos vivos hoxe compartan un antepasado común que viviu no pasado distante (ou varios antepasados nalgunhas propostas); senón que propoñen mecanismos alternativos de cambio evolutivo, argumentando en contra de que as mutacións sobre as que actúa a selección natural sexan o mecanismo máis importante do cambio evolutivo.
Isto distíngueas doutros tipos de argumentos que, ao contrario, negan que se producise ningún tipo de evolución a grande escala, como en certas formas do creacionismo, que non propoñen mecanismos alternativos do cambio evolutivo, senón que negan que o cambio evolutivo teña lugar. Non todas as formas de creacionismo negan que se produza o cambio evolutivo; especialmente, os que defenden a evoución teísta, como o biólogo Asa Gray, afirman que o cambio evolutivo realmente ocorre e é o responsable da historia da vida na Terra, coa condición de que este proceso fose influenciado por un deus nalgún sentido significativo.
Consideráronse outras explicacións evolutivas nas cales se acepta o cambio evolutivo pero négase o mecanismo proposto por Charles Darwin, a selección natural, entre as cales están o lamarckismo, o catastrofismo, a ortoxénese, o vitalismo, o estruturalismo e o mutacionismo (chamado saltacionismo antes de 1900). Foron varios os factores que motivaron a algúns científicos a propoñer mecanismos non darwinistas da evolución. A selección natural, coa súa énfase na morte e a competición, non era atractiva para algúns naturalistas porque a consideraban inmoral e deixaba pouco espazo á teleoloxía ou concepto de progreso (ortoxénese) no desenvolvemento da vida. Algúns que aceptaban a evolución, pero non lles agradaba a selección natural, puxeron obxeccións relixiosas. Outros coidaban que a evolución era un proceso inherentemente progresivo que non podía explicarse só coa selección natural. Finalmente, outros pensaban que a natureza, incluíndo o desenvolvemento da vida, seguía padróns ordenados que a selección natural non podía explicar.
Ao comezo do século XX, a evolución foi xeralmente aceptada polos biólogos pero a a selección natural estaba en eclipse. Propuxéronse moitas teorías alternativas, pero os biólogos descartaron rapidamente teorías como a ortoxénese, o vitalismo e o lamarckismo que non ofrecían un mecanismo para a evolución. O mutacionismo si propón un mecanismo, mais non foi xeralmente aceptado. Unha xeración despois, a síntese moderna afirmou que acabara con todas as alternativas á evolución darwinista, aínda que algunhas reviviron como mecanismos moleculares.
Formas inmutables
Aristóteles non apoiou a creación divina nin a evolución, senón que argumentou na súa bioloxía que todas as especies (eidos) eran inmutables, reproducíndose fiel á súa forma eterna ideal (distinto da teoría das formas de Platón). A suxestión de Aristóteles en De Generatione Animalium dunha xerarquía fixa na natureza, unha scala naturae ("escada da natureza") era unha explicación inicial da continuidade das cousas vivas. Aristóteles viu que os animais eran teleolóxicos (funcionalmente dirixidos a un fin), e tiñan partes que eran homólogas aos doutros animais, pero non conectou estas ideas cun concepto de progreso evolutivo.
Na Idade Media, a escolástica desenvolveu a perspectiva de Aristóteles da idea da gran cadea dos seres (scala naturae). A imaxe dunha escada suxire de seu a posibilidade de ascender, mais tanto os antigos gregos coma os escolásticos medievais, como Ramon Llull mantiñan que cada especie permanecía fixa desde o momento da súa creación.
Porén, en 1818, Étienne Geoffroy Saint-Hilaire argumentou na súa Philosophie anatomique que a cadea era "unha serie progresiva", onde animais como os moluscos que están abaixo na cadea "ascendían, por adición de partes, desde a simplicidade das primeiras formacións á complicación das criaturas no alto da escada", se se lles dá suficiente tempo. En consecuencia, Geoffroy e biólogos posteriores buscaban explicacións de dito cambio evolutivo.
A obra de Georges Cuvier de 1812 Recherches sur les Ossements Fossiles expuxo a súa doutrina da correlación das partes, concretamente que como un organismo é un sistema completo, todas as súas partes se correspondían mutuamente, contribuíndo á función da totalidade. Así, a partir dun só óso o zoólogo podía a miúdo dicir a que clase ou mesmo a que xénero pertencía o animal. E se o animal tiña dentes adaptados para cortar carne, o zoólogo podía estar seguro sen sequera ter que miralo que os seus órganos sensoriais serían os dun predador e os seus intestinos os dun carnívoro. Unha especie tiña unha complexidade funcional irreducible, e "ningunha das súas partes pode cambiar sen que as outras cambien tamén". Os evolucionistas esperaban que cambiase só unha parte de cada vez, un cambio seguiría a outro. Na concepción de Cuvier, a evolución era imposible, xa que calquera cambio provocaría o desequilibrio de todo o delicado sistema.
No seu "Essay on Classification" de 1856 Louis Agassiz exemplificou o idealismo filosófico alemán. Sostiña que todas as especies eran complexas internamente, tiñan complexas relacións con outros organismos, e estaban adaptadas con precisión ao seu ambiente, como un piñeiro nun bosque, e non podían sobrevivir fóra deses círculos. O argumento desas formas ideais opoñíase á evolución sen ofrecer un mecanismo verdadeiramente alternativo. Richard Owen sostiña ideas similares en Gran Bretaña.
O filósofo social lamarckista e evolucionista Herbert Spencer, ironicamente o autor da frase "supervivencia do mellor adaptado" (survival of the fittest) adoptada despois por Darwin, usou un argumento como o de Cuvier para opoñerse á selección natural. En 1893, afirmou que un cambio en calquera estrutura do corpo requiriría que todas as outras partes se adaptasen para encaixar no novo deseño. A partir disto, argumentou que era improbable que todos os cambios puidesen aparecer no momento correcto se cada un depende dunha variación aleatoria; mentres que nun mundo lamarckista, todas as partes adaptaríanse naturalmente á vez, por medio do cambio no seu uso e desuso.
Explicacións alternativas do cambio
Consideráronse outras explicacións evolutivas alternativas nas cales se acepta o cambio evolutivo pero négase a selección natural, incluíndo, entre outras, as do período da eclipse do darwinismo de finais do século XIX, entre as cales estaban o lamarckismo, a ortoxénese, o estuturalismo, o catastrofismo, o vitalismo e a evolución teísta (no seu significado orixinario), non necesariamente por separado. (Puntos de vista puramente relixiosos comos o creacionismo da Terra xove ou vella ou o deseño intelixente non se considerarán aquí.) Diferentes factores motivaron que os eruditos propuxesen mecanismos evolutivos non darwinistas. A selección natural, coa súa énfase na morte e a competición, non era atractiva para algúns naturalistas porque lles parecía inmoral, deixaba pouco espazo para a teleoloxía ou o concepto de progreso no desenvolvemento da vida. Algúns destes científicos e filósofos, como St. George Jackson Mivart e Charles Lyell, que chegaron a aceptar a evolución mais non lles gustaba a selección natural, puxeron obxeccións relixiosas. Outros, como o biólogo e filósofo Herbert Spencer, o botánico George Henslow (fillo do mentor de Darwin John Stevens Henslow, tamén botánico), e o escritor Samuel Butler, pensaban que a evolución era un proceso inherentemente progresivo e a selección natural por si soa era insuficiente para explicala. Finalmente, outros, como os paleontólogos norteamericanos Edward Drinker Cope e Alpheus Hyatt, tiñan unha perspectiva idealista e estimaban que a natureza, incluíndo o desenvolvemento da vida, seguía padróns ordenados que a selección natural non podía explicar.
Algúns pensaban que a selección natural sería demasiado lenta, dadas as estimacións da idade da Terra e do Sol (de 10–100 millóns de anos) dadas daquela por físicos como Lord Kelvin, e algúns consideraban que a selección natural non podía funcionar porque os modelos da época para a herdanza implicaban a mestura das caracerísticas herdadas, unha obxección posta polo enxeñeiro Fleeming Jenkin nunha revisión da Orixe escrita pouco despois da súa publicación. Outro factor ao final do século XIX foi a aparición dunha nova facción de biólogos, exemplificados por xenetistas como Hugo de Vries e Thomas Hunt Morgan, que querían reformar a bioloxía como unha ciencia experimental de laboratorio. Non confiaban no traballo dos naturalistas, como eran Darwin e Alfred Russel Wallace, que dependía de observacións de campo sobre a variación, adaptación e bioxeografía, que lles parecían excesivamente anecdóticas. Ao contrario, eles centrábanse en disciplinas como a fisioloxía e a xenética que se podían investigar con experimentos controlados no laboratorio, e desbotaban fenómenos menos accesibles como a selección natural e a adaptación ao medio ambiente.