A República Democrática Alemá (abreviado RDA; alemán: Deutsche Demokratische Republik, abreviado DDR), tamén coñecida como Alemaña do Leste ou Alemaña Oriental, foi unha república socialista establecida en 1949 na zona de ocupación soviética de Alemaña trala segunda guerra mundial. O territorio incluía tamén Berlín Leste, unha porción da cidade baixo control das Forzas Aliadas. Xeograficamente, a RDA ocupaba o nordeste da actual Alemaña, os actuais estados de Mecklemburgo-Antepomerania, Saxonia-Anhalt, Saxonia, Turinxia e Brandeburgo, cunha área total de 108.179 km². Limitaba con Checoslovaquia ao sur, Alemaña Occidental ao sur e ao oeste, Polonia ao leste, e ao norte estaba co mar do Norte.

En 1989, unha revolta popular provocou un troco no goberno, até entón nas mans do Partido Socialista Unificado de Alemaña (en alemán: Sozialistische Einheitspartei Deutschlands), unha revolta na que os soviéticos se negaron a intervir. Así, o 9 de novembro dese mesmo ano caía o Muro de Berlín e, finalmente, o 3 de outubro de 1990, os Länder (estados) do leste de Alemaña foron integrados como novos estados federais dentro da nova República Federal de Alemaña. A transformación comunista durante a historia da República foi máis forte na industria, na agricultura, e na maioría do sistema educativo, mentres que as profesións de ciencia e enxeñaría, as igrexas e incluso as tradicións burguesas preserváronse. A política social, que se tornara nunha ferramenta de lexitimación crítica nas últimas décadas, mesturaba elementos comunistas e tradicionais por igual.

Historia Orixe 150px|miniatura|esquerda|Logo do SED. Na Conferencia de Ialta, celebrada en febreiro de 1945, os Estados Unidos, o Reino Unido e a Unión Soviética acordaron a división de Alemaña en zonas de ocupación. Calculando o territorio que os exércitos converxentes dos aliados occidentais e a URSS podían tomar, a Conferencia de Ialta determinou as liñas de demarcación para as respectivas zonas de ocupación. Trala rendición de Alemaña, o Consello de Control Aliado, representando os Estados Unidos, Reino Unido, Francia e a Unión Soviética, asumiu a autoridade gobernamental da Alemaña de posguerra. Con todo, a desmilitarización económica (especialmente o traslado de equipamento industrial) era responsabilidade de cada zona individualmente.

A Conferencia de Potsdam, celebrada uns meses despois, entre xullo e agosto de 1945, recoñeceu as zonas e confirmou a xurisdición da Administración Militar Soviética en Alemaña (en alemán: Sowjetische Militäradministration in Deutschland, SMAD) dende os ríos Oder e Neisse até a liña de demarcación. A zona de ocupación soviética incluíu os antigos estados de Brandeburgo, Mecklemburgo-Antepomerania, Saxonia, Saxonia-Anhalt e Turinxia. A cidade de Berlín foi colocada baixo o control do catro poderes.

As crecentes diferenzas económicas combinábanse co desenvolvemento de tensións políticas entre os Estados Unidos e a Unión Soviética (que culminaría no desenvolvemento da guerra fría) e manifestáronse no rexeitamento do SMAD en 1947 de participar no Plan Marshall norteamericano. En marzo de 1948, os Estados Unidos, Reino Unido e Francia reuníronse en Londres e acordaron unir as zonas occidentais para establecer unha República alemá occidental. A Unión Soviética respondeu abandonando o Consello de Control Aliado e preparándose para crear un Estado alemán oriental. A división de Alemaña quedou clara coa reforma monetaria introducida o 20 de xuño de 1948, que se limitaba ás zonas occidentais. Tres días despois era introducida unha reforma diferenciada na zona soviética. A introdución do marco alemán nos sectores occidentais de Berlín contra o desexo do comandante supremo soviético, levou á Unión Soviética a impor o Bloqueo de Berlín nunha tentativa de gañar o control do conxunto de Berlín. Os aliados occidentais decidiron aprovisionar a cidade cunha ponte aérea, que duraría once meses, ata que a Unión Soviética abandonou o bloqueo o 12 de maio de 1949.

Un decreto do SMAD de 10 de xuño aprobaba o permiso para a formación de partidos políticos democráticos e antifascistas na zona soviética; as eleccións aos parlamentos rexionais dos estados estaban convocadas para outubro de 1946. Unha coalición democrática-antifascista, que incluía o Partido Comunista (KPD), o Partido Socialdemócrata (SPD), a recentemente creada Unión Demócrata Cristiá (CDU), e o Partido Liberal Democrático (LDPD) foi formada en xullo de 1945. O KPD (con 600.000 militantes na zona oriental) e o SPD (con 680.000), unificáronse en abril de 1946 dando nacemento ao Partido Socialista Unificado de Alemaña (en alemán: Sozialistische Einheitspartei Deutschlands, SED). Nas eleccións rexionais de outubro de 1946, o SED obtivo aproximadamente o 50% dos votos nos estados da zona soviética. En Berlín, que se atopaba dividida, o SPD opúxose á unificación e presentouse só, obtendo o 48,7% dos votos, mentres a SED foi derrotada co 19,8%, quedando por baixo do SPD e a CDU. Cinco semanas despois da proclamación da República Federal de Alemaña occidental, o 7 de outubro de 1949, a Comisión Económica Alemá (DWK) formou un goberno provisional e proclamou o establecemento da República Democrática Alemá. O comunista Wilhelm Pieck foi elixido o seu primeiro Presidente.

Os primeiros anos (1949-1954) miniatura|esquerda|200px|Politbüro do SED, 1955. No centro, sentados: Ulbricht, Pieck e Grotewohl. O SED controlaba a coalición da Fronte Nacional, unha federación de todos os partidos políticos e organizacións de masas que preservaba o pluralismo. A Constitución de 1949 formalmente establecía unha República federal democrática e creaba a Cámara dos Estados e a Cámara do Pobo (Volkskammer). A Volkskammer, de acordo coa Constitución, era o órgano supremo do Estado, investido de soberanía lexislativa. A elección do Volkskammer e dos Consellos de Estado (máis tarde substituídos polos Consellos de Distrito) baseábase nunha lista única da Fronte Nacional; os votantes podían expresar a súa aprobación ou non.

O 3er Congreso do SED en xullo de 1950 elixiu a Walter Ulbricht primeiro secretario e salientou o progreso industrial. O sector industrial, empregando o 40% da poboación activa, foi suxeito dunha profunda nacionalización, co resultado da formación das Empresas do Pobo (alemán: Volkseigene Betriebe, VEB). Estas compañías representaban o 75% do sector industrial. O primeiro Plan Quinquenal (1951-1955) introduciu a planificación estatal centralizada; marcou altas cotas de produción para a industria pesada e incrementou a produtividade. miniatura|150px|Poste fronteirizo da RDA. Stalin morreu en marzo de 1953. En xuño, o SED, confiando en dar aos traballadores uns mellores niveis de vida, anunciou o Novo Curso. O Novo Curso en Alemaña Oriental estaba baseado na política económica iniciada por Georgy Malenkov na Unión Soviética. A política de Malenkov, que buscaba unha mellora dos niveis de vida, marcaba un xiro no investimento cara á industria lixeira e comercial e un maior abastecemento de bens de consumo. O SED, co obxectivo de virar a énfase económica da industria pesada aos bens de consumo, iniciou un programa para aliviar as dificultades económicas. Isto levou a unha redución das cotas e as taxas, a posibilidade de créditos estatais ás empresas privadas, e un aumento na asignación de material de produción.

Cando o Novo Curso incrementou os bens de consumo que os traballadores podían obter, as cotas de produción atopábanse aínda altas. Cando as cotas de traballo foron aumentadas en 1953, levou ao Levantamento do 17 de xuño de 1953. Folgas e manifestacións sucedéronse nos grandes centros industriais. Os traballadores demandaban a diminución das cotas e o aumento dos salarios. A Volkspolizei e o Exército Vermello impediron a insurrección, na que morreron aproximadamente 100 persoas.

En 1954, a URSS garantiu oficialmente a soberanía de Alemaña do Leste, e a Comisión de Control Soviética en Berlín foi disolvida. Naquel ano finalizaron os pagos das reparacións de guerra, e as SAGs pasaron a propiedade estatal alemá oriental. O cinco estados que constituían a zona de ocupación soviética disolvéronse e foron substituídos por quince distritos (Bezirke) en 1952; os Estados Unidos, a Gran Bretaña e Francia non recoñeceron o décimo quinto distrito, Berlín Oriental. Alemaña Oriental comezou a participar activamente no Consello de Axuda Mutua Económica (CAME ou COMECON) en 1950. En 1956 creouse o Exército Nacional Popular (Nationale Volksarmee, NVA), e a RDA entrou a facer parte do Pacto de Varsovia.

Política económica (1956-1975) En 1956, no XX Congreso do Partido Comunista da Unión Soviética, o seu primeiro secretario Nikita Khrushchev repudiou o estalinismo. Naquel momento, un sector da intelectualidade académica dentro do SED demandaba reformas. Con este obxectivo, Wolfgang Harich redactou un programa defendendo cambios radicais en Alemaña Oriental. No final de 1956, el e os seus partidarios foron rapidamente purgados das filas do partido. O Pleno do Comité Central do SED de xullo de 1956 confirmou o liderado de Ulbricht e presentou o segundo Plan Quinquenal (1956-1960). O plan levaba como lema "modernización, mecanización e automatismo" para salientar o novo enfoque no progreso tecnolóxico. No Pleno, anunciouse a intención de desenvolver enerxía nuclear, e o primeiro reactor nuclear de Alemaña Oriental foi activado en 1957.

O segundo Plan Quinquenal impulsou a Alemaña do Leste a acelerar os seus esforzos pola colectivización agrícola e por completar a nacionalización do sector industrial. O Plan atopou dificultades, e foi substituíuno por un Plan a sete anos (1959-1965). O novo Plan aspiraba a conseguir alcanzar a produción per cápita de Alemaña Occidental para final de 1961, lanzar maiores cotas de produción, e convocou a incrementar nun 85% a produtividade laboral.

O índice anual de crecemento económico deixou de caer e estabilizouse despois de 1959. A Unión Soviética recomendou entón a Alemaña Oriental aplicar as reformas que o economista soviético Evsei Liberman, que defendía o principio de obtención de beneficios e outros principios do mercado para as economías planificadas. En 1963, Ulbricht adaptou as teorías de Liberman e introduciu o Novo Sistema Económico (NES), unha reforma económica que introduciu un grao de descentralización nas decisións e criterios de mercado. O NES tentou crear un sistema económico eficiente e transformar á RDA nunha nación industrial líder.

miniatura|220px|Walter Ulbricht nun timbre postal da República Democrática Alemá. Baixo o NES, a tarefa de establecer o futuro desenvolvemento económico foi asignada á planificación central. A descentralización implicou a transferencia parcial da toma de decisións da Comisión de Planificación Estatal e o Consello Económico Nacional ás Asociacións de Empresas do Pobo (Vereinigungen Volkseigener Betriebe, VVBs). As autoridades da planificación central lanzaban obxectivos de produción xerais, pero cada VVB determinaba o seu propio financiamento interno, utilización da tecnoloxía, e colocación da forza de traballo e os recursos. Como corpos intermediarios, as VVBs funcionaban ademais para sintetizar a información e as recomendacións dos VEBs. O NES estipulaba que as decisións produtivas debían facerse baixo as bases da obtención de beneficios, que os salarios reflectisen a produtividade, e que os prezos respondesen o abastecemento e a demanda.