Libros del zorro rojo é unha editorial barcelonesa especializada na edición de libros ilustrados.

Traxectoria A editorial foi fundada en 2004 por dous arxentinos establecidos en Barcelona: o editor Fernando Diego García e o ilustrador Sebastián García Schnetzer, tamén autor do logotipo. Pronto viron recoñecida a súa dedicación: en 2011, Libros del zorro rojo foi galardoada polo Ministerio de Cultura co Premio Nacional ao Mellor Labor Editorial, e en 2015 recibiu na Feira do Libro de Bolonia o Premio á Mellor Editorial Europea de Literatura Infantil e Xuvenil. Varios autores e libros da editorial tamén mereceron distincións individuais.

O catálogo de Libros del zorro rojo inclúe libros ilustrados para todas as idades. Nas obras para adultos e mozos son particularmente evidentes as inclinacións estéticas da casa, que adoita traballar con ilustradores con tendencia a un grafismo gótico, angustioso ou grotesco; este é o caso de artistas como Edward Gorey, Ralph Steadman, Enrique Breccia, Santiago Caruso, Luis Scafati ou Georg Barber "Atak", que ilustraron textos clásicos de xéneros como a novela de aventuras (Robert Louis Stevenson, Mark Twain, Jack London) e de terror (Edgar Allan Poe, H.P. Lovecraft), ou a narrativa inquietante de George Orwell e Franz Kafka; pero tamén autores da literatura hispanoamericana contemporánea, como Alejandra Pizarnik, Julio Cortázar, Juan Gelman e Ricardo Piglia.

Os libros infantís distribúense en diferentes coleccións: Álbumes ilustrados (a máis numerosa), Aprender y descubrir, Clásicos ilustrados, Libros de arte, Libros troquelados e Libros de Cordel. Debemos de destacar creadores multipremiados como o alemán Einar Turkowski, autor de álbums como Estaba oscuro y sospechosamente tranquilo (2007), ou a estadounidense Lizi Boyd, autora de Linterna mágica (2015). En xeral, a editorial evita as princesas, os animais peludos, as cores pasteis e outros estereotipos gráficos e argumentais da literatura infantil. A maioría dos títulos do catálogo infantil publícanse simultaneamente en castelán e catalán.

Notas

Categoría:Editoriais de Barcelona