Yellow Magic Orchestra, popularmente abreviado como Y.M.O., foi un trío musical xaponés da cidade de Toquio especializado en música pop electrónica. A banda é considerada pioneira neste xénero, sendo influenciado de forma decisiva por eles a finais dos anos 70. Os membros eran Haruomi Hosono (nado en 1947) aos teclados e ao baixo, Yukihiro Takahashi (1952–2023) batería e voz e Ryuichi Sakamoto (1952–2023) aos teclados. Na xira mundial de 1979 participou como invitado o guitarrista Kazumi Watanabe. O grupo estivo en activo en tres etapas non consecutivas, desde 1978 até 1983. En 1983, sepáranse. Para o 1993, reformáronse e actuaron no Tokyo Dome, antes de entrar nun hiato. A partir de entón, reuníanse ocasionalmente. O seu último concerto foi en xullo de 2012. En 2023, Yukihiro Takahashi e Ryuichi Sakamoto finaron con 4 meses de diferenza.
En marzo de 2025, anunciouse que foron elixidos como "Símbolo dos Premios da Música do Xapón 2025" para os recentemente creados premios internacionais "Music Awards Japan".
Traxectoria Fundación O concepto da banda como Yellow Magic Orchestra foi un proxecto que se lle atribúe a Hosono, membro fundador, chegando a asinar mesmo algúns dos seus discos anteriores como 'Harry Hosono and the Yellow Magic Band' como claro antecedente. Polo tanto, inicialmente puido considerarse como outro proxecto máis deste exmembro do grupo Happy End, con Takahashi e Sakamoto como músicos invitados. A personalidade destes dous e a forza do trío deixou atrás esa idea, e conformou unha auténtica banda, conxuntada e de ideas repartidas, segundo a crítica.
Ryuichi conta na súa autobiografía que coñecera a Hosono gravando no estudio do vocalista de Happy End, Eiichi Ohtaki. Tras coñecerse os tres músicos, comezaron a colaborar entre eles, especialmente en 1978, ano da publicación dos debuts en solitario de Yukihiro Takahashi ("Saravah!") e de Ryuichi Sakamoto ("Thousand knives", unha obra de pop vangardista), onde participaron os outros membros da terna. Ese mesmo ano, Sakamoto tocou os teclados no quinto álbum de Hosono, publicado en 1978 coma "Cochin moon", mentres que o propio Ryuichi e Takahashi colaboraban tamén no traballo de Hosono "Paraiso", unha fusión xaponesa-tropical que o artista asinou co mencionado alcume de 'Harry Hosono and The Yellow Magic Band', un burlesco xogo de palabras pola popularidade da maxia negra naquela época no Xapón. De aí provén, por mimetismo, o nome do grupo que propuxo Hosono en febreiro de 1978.
O compositor e letrista británico Chris Mosdell, establecido en Toquio desde mediados dos 70 foi invitado a colaborar nun primeiro disco homónimo publicado ese mesmo ano no que o trío comeza a ensaiar xuntos. Takahashi foi o primeiro que entrou en contacto con el para utilizar os seus poemas, e a súa colaboración continuou nos primeiros álbums da Yellow Magic Orchestra. O seu papel de letrista neste primeiro álbum redúcese ás cancións "Simoon" (en inglés) e "La femme chinoise" (en francés), onde os seus fríos versos se unirán ao ritmo maquinal da música.
Neste traballo, títulos como "Tong poo", "La femme chinoise" e "Mad pierrot" saíron de películas de Jean-Luc Godard, un dos directores referenciados por Ryuichi en entrevistas; como o seu cine, a música da YMO comungou coa experimentación e a vangarda, ata o punto de considerarse creadores dun estilo adiantado. O seu pop foi referenciado coma exótico, de son avanzado, pero con alma e unha latente paixón folclórica.
O grupo publica o ano seguinte en 1979 o sinxelo "Computer game", que contiña realmente o copete do primeiro álbum "Firecracker", o cal vendeu 400.000 copias nos Estados Unidos, pero a influencia da canción foi máis alá, chegando ata o gurú do florecente hip hop durante os anos 80 Afrika Bambaataa, que admiraba os seus sons electrónicos (así como os de Kraftwerk) e utilizou mostras de "Firecracker" no seu éxito de 1983 "Death mix", mentres que tamén outras bandas e músicos utilizaron posteriormente este tema de maneira máis ou menos recoñecible, entre eles De la Soul ou as cantantes Jennifer Lopez ou Mariah Carey.
"Yellow Magic (Tong Poo)" foi a cara B daquel exitoso sinxelo, composición de Sakamoto que emula un suave son de instrumentos de vento, insuflando tons jazz a esta peza referenciada coma de inspiración folclórica chinesa, coa voz de Minalo Yoshida. A futura esposa de Sakamoto e colaboradora da banda, Akiko Yano, versionou "Tong poo" pouco despois.
"Cosmic surfin'" sinxelo do trío publicado en America tamén no 1979, e unha pre-versión de "Cosmic surfin'" estaban incluídas no álbum de Hosono "Pacific", xa do ano 1978.
O último sinxelo que saíu do álbum de debut, aportación individual de Takahashi foi "La femme chinoise", outra melodía pop que tivo unha utilización por parte da banda OMD no seu sinxelo de 1983 "Genetic engineering". Non repetían as vocalistas no álbum, mais soaba a guitarra eléctrica de Masayoshi Takanaka.
Tamén en 1979, tras remesturar o material e lanzalo no estranxeiro, realizan o seu primeiro concerto internacional no Greek Theatre de Os Ánxeles. Ademais, levaron a cabo a xira "TRANS ATLANTIC TOUR" que percorreu o Reino Unido, Francia e Estados Unidos. O éxito desta xira provocou un boom social do techno-pop no Xapón. A pesar dunha venda inicial modesta do remix dunhas 40.000 copias, a banda acadou unha exposición masiva no programa de televisión musical "The Best Ten", onde interpretaron "Firecracker". A súa infrecuente posta en escena robótica e o son electrónico causaron desconcerto mais fascinación. As emisoras de radio, como a popular "FM Tokyo", comezaron a recibir peticións masivas para escoitar a canción, converténdoa nun éxito inesperado que superou o millón de vendas. Sumado ao éxito internacional "Behind the Mask", orixinalmente composto por Sakamoto para un anuncio de Seiko no 78, que máis tarde (aínda que cunha letra diferente) sería interpretada por Michael Jackson. Aínda que a versión de Jackson nunca se lanzou en vinilo, Ryuichi Sakamoto incluíuna no seu álbum en solitario de 1986 Media Bahn Live, onde o propio Eric Clapton participou na gravación desta canción.
Esta presenza en medios masivos converteu a YMO nun fenómeno de culto para a mocidade urbana. A súa aparición en programas de variedades como "Kinniku Banzuke" ou en especiais da NHK presentounos non só como músicos, senón coma iconas dun novo Xapón tecnolóxico e moderno. As entrevistas coa banda en revistas xuvenís como "Popeye" ou "An An" destacaban a súa roupa de deseñador e o seu coñecemento da cultura global.
Anos 80
En 1980, realizaron unha xira internacional con 15 concertos en 7 países. A súa xira de 1980, "From Tokio to Tokio", percorreu Europa e América, incluíndo un histórico concerto no Budokan que foi filmado e lanzado como película. Estes concertos eran espetáculos audiovisuais vangardistas, con sincronizacións de luces, proxeccións e os icónicos uniformes vermellos que os asemellaban a un grupo de androides. A súa actuación no programa de TV británico "Top of the Pops" en 1981 presentou o "tecno-pop" xaponés a millóns de europeos, solidificando a súa reputación internacional. Porén, o esgotamento e as presións comerciais levaron á súa disolución temporal coa gran "Xira de Disolución Final" en 1983, cuxos concertos foron acontecementos culturais masivos no Xapón.
Se o primeiro álbum era minimalista, os traballos de principios dos 80 como "×∞Multiplies" (1980) e "BGM" (1981) exploraron o techno-pop máis complexo e o "computer rock". "Technodelic" (1981) é considerado un álbum seminal na historia da música electrónica, profundizando no uso de samplers e secuenciadores. O éxito masivo chegou con "Naughty Boys" (1983), que produciu hits pop como "Kimi ni Mune Kyun", levando o son de YMO ás listas de éxitos mainstream. As gravacións en solitario dos seus membros (como "Left-Handed Dream" de Sakamoto) floreceron en paralelo, creando un ecosistema creativo que retroalimentaba o proxecto principal.
En entrevistas para revistas como "Music Magazine" ou en aparicións en televisión, YMO proxectaba unha imaxe de intelectualidade fría e humor irónico. Foron pioneiros en falar de tecnoloxía musical (como o Roland TR-808 ou o sistema MIDI) en medios populares, presentándose como enxeñeiros dun novo son. Esta estética de "futurismo xaponés" influíu profundamente na moda e no deseño gráfico da época.
YMO converteuse no símbolo sonoro do "Japon Inc." en ascenso. Para a mocidade, foron os heroes que igualaban e superaban a Occidente no seu propio xogo da música electrónica. Crearon unha comunidade de fans que non só escoitaba a súa música, senón que adoptaba a súa estética, facendo dos sintetizadores e dos ordenadores obxectos de desexo. O seu impacto definiu a paisaxe sonora da década e inspirou a incontables músicos, dende o J-Pop ata a escena electrónica global, cementando o seu legado como os pais incontestables da música electrónica moderna no Xapón.
Xa a finais de novembro de 1983, YMO realizou unha xira polo Xapón dos seus últimos álbums, na cal recibiu unha boa acollida por parte do público. A xira rematou no xa mencionado Nippon Budōkan a finais de decembro.
Tras publicar o seu álbum en directo After Service e o lanzamento da súa película musical Propaganda, a banda deixou de traballar como grupo en 1984, e os tres membros regresaron ás súas carreiras en solitario. O grupo tivo moito coidado en non dicir que se disolveran, preferindo usar o significado da frase xaponesa “separado” ou “dispersión“ (散開 sankai), e, de feito, o trío continuou colaborando nas gravacións dos outros membros da banda, e fixo aparicións en directo. Takahashi, en particular, volvería ás súas orixes rock e interpretaría material de YMO nos seus concertos, e como cantante era posiblemente o mellor situado para facelo. Mentres tanto, Sakamoto acadaría éxito internacional polo seu traballo como solista, actor e compositor, gañando un premio Grammy un Óscar e un Globo de Ouro. Os músicos compuxeron temas para artistas xaponeses populares nos anos 80, como Sandii & The Sunsetz, Sheena & The Rokkets, Susan e moitos outros, e tamén traballaron como produtores dos seus álbums. Hosono tamén compuxo música para películas e embarcouse en proxectos ambient. Hosono gravará anos máis tarde (en 1984) o disco seminal do chiptune "Video game music", música para xogos de ordenador producida integramente pola compañía xaponesa Namco (incluíndo por exemplo os sons clásicos para Pac-Man), con Hosono coma produtor e mesturador, xa que as músicas non eran composicións súas (o coñecido son de 'Pac-Man', por exemplo, era obra de Kai Toshifu), e en "Yellow magic orchestra" había xa tres composicións que emulaban efectos de son para videoxogos, concretamente o copete , "Computer game (Theme from 'The circus')", e os cortes quinto ("Computer game (Theme from 'The invader')") e oitavo ("Bridge over troubled music"). Son pistas de choque que recollen efectos de son de videoxogos auténticos da época (como os éxitos de Atari 'Circus' ou 'Space invaders', e de Taito 'Gun fight'), o que quixo marcar o son da banda. "Firecracker", versión da composición do músico estadounidense Martin Denny, coñecido como 'o pai da música exótica'; esta peza (que levaba tempo no repertorio en directo de Hosono, interpretándoa xunto a Tin Pan Alley) presentaba ese exotismo xovial e novidoso, marcando un impactante contraste entre o Xapón moderno, o dos videoxogos e luces de neon, e o tradicional, costumista.
Etapa final