miniatura|Modelo da molécula de oseltamivir.
Oseltamivir, vendido co nome comercial Tamiflu entre outros, é un medicamento antiviral usado para tratar e previr a gripe causada polos virus da gripe A e da gripe B. Moitas organizacións médicas recoméndano para persoas que teñen complicacións ou teñen alto risco de telas para tomalo dentro das 48 horas en que aparecen os primeiros síntomas da infección. Se ben o recomendan en persoas con alto risco, non o recomendan para a poboación xeral. Os Centros para o Control e Prevención de Enfermidades dos Estados Unidos (CDC) recomendan aos médicos que o usen segundo a súa discreción en persoas con risco máis baixo nas 48 horas en que se presentan os primeiros síntomas de infección. Tómase por vía oral como pílula ou líquido.
As recomendacións sobre o oseltamivir son controvertidas, xa que se formularon diversas críticas. Unha revisión Cochrane de 2014 concluíu que o oseltamivir non reduce as hospitalizacións, e non hai probas de redución das complicacións da gripe. Dúas metaanálises chegaron á conclusión de que os beneficios naquelas persoas que á parte da gripe están sas non superan os seus riscos. Tamén se atoparon poucas evidencias de que o tratamento cambia o risco de hospitalización ou morte en poboacións de alto risco. Porén, outra metaanálise atopou que o oseltamivir era efectivo para a prevención da gripe a nivel de individuo ou no fogar familiar.
Efectos secundarios comúns son vómitos, diarrea, dor de cabeza, e problemas para durmir. Outros efectos secundarios poden ser síntomas psiquiátricos e convulsións. Nos Estados Unidos recoméndase para infeccións gripais durante a gravidez. Foi tomado por un pequeno número de mulleres grávidas sen que se presentasen signos de problemas. Pode ser necesario un axuste da dose nas persoas con problemas renais.
O oseltamivir aprobouse para uso médico nos Estados Unidos en 1999. Foi o primeiro inhibidor da neuraminidase dispoñible por vía oral. É un dos fármacos da Lista de medicinas esenciais da OMS, pero en 2017 foi rebaixado ao status de medicina "complementaria". Aprobouse unha versión xenérica nos Estados Unidos en 2016.
Uso médico miniatura|Unha cápsula de oseltamivir miniatura|Oseltamivir de tipo xarope seco
O oseltamivir utilízase para a prevención e tratamento da gripe causada polos virus da gripe (ou influenza) A e B. É un dos medicamentos da Lista de medicinas esenciais da OMS. A Organización Mundial da Saúde (OMS) apoia o seu uso para casos graves da enfermidade debidos á infección gripal confirmada ou sospeitada en persoas gravemente enfermas que foron hospitalizadas. A razón de risco-beneficio do oseltamivir é polémica. En 2017, foi movido da lista básica á lista complementaria de medicamentos da OMS baseándose no seu baixo custo-efectividade. O Comité de Expertos non recomenda a eliminación do oseltamivir das listas da OMS, recoñecendo que é a única medicina incluída nas Listas Modelo para pacientes enfermos graves de gripe e para a preparación de pandemias de gripe. Con todo, o Comité sinalou que, desde a inclusión do oseltamivir na Lista Modelo en 2009, as novas evidencias atopadas na gripe estacional e pandémica rebaixaron as estimacións iniciais da magnitude do efecto do oseltamivir nos resultados clínicos relevantes. O Comité recomendou que se revisase o listado do oseltamivir, pasándoo da lista básica de medicamentos á lista complementaria, e que o seu uso fose restrinxido a casos graves de enfermidade gripal sospeitados ou confirmados en pacientes hospitalizados gravemente enfermos. O Comité de Expertos indicou que as directrices da OMS para a xestión farmacolóxica da gripe estacional e pandémica serían actualizadas en 2017: a non ser que se proporcionase nova información para apoiar o uso de oseltamivir en gromos estacionais e pandémicos, o seguinte Comité de Expertos podería considerar a súa eliminación da lista.
Persoas con alto risco O Centro Europeo para a Prevención e Control de Enfermidades (ECDC), os Centros para o Control e Prevención de Enfermidades (CDC) dos Estados Unidos, Public Health England (PHE), e a Academia de Pediatras Americana (AAP) recomendan o uso de oseltamivir para persoas que teñen complicacións ou están en alto risco de ter complicacións. Isto inclúe persoas hospitalizadas, nenos pequenos, persoas de máis de 65 anos, persoas con outros problemas de saúde significativos, mulleres grávidas e pobos indíxenas americanos entre outros. A Sociedade de Enfermidades Infecciosas de América (IDSA) adoptou a mesma posición que os CDC.
Unha revisión sistemática non atopou evidencias de beneficios en persoas en risco, sinalando que "os ensaios non estaban deseñados ou dirixidos a dar resultados respecto das complicacións graves, hospitalización e mortalidade", como o fixo a revisión Cochrane de 2014. A revisión Cochrane ademais recomendaba: "Sobre a base dos descubrimentos desta revisión, os médicos e lexisladores das políticas de saúde deberían revisar urxentemente as recomendacións actuais para o uso de inhibidores da neuraminidase en individuos con gripe." É dicir, non utilizar inhibidores da neuraminidase para a prevención ou tratamento dado que "baseándose nestes resultados parece non haber evidencias para pacientes, médicos ou lexisladores para usar estes fármacos para previr resultados graves, tanto nos gromos de gripe anual coma pandémica".
Os ECDC, CDC, PHE, IDSA, AAP e Roche (o creador do fármaco) rexeitaron as conclusións da revisión Cochrane, argumentando en parte que a análise tirou conclusións inapropiadamente sobre os resultados en persoas que tiñan enfermidade grave baseándose en resultados obtidos principalmente en poboacións sas, e que a análise incluía inapropiadamente resultados de persoas non infectadas de gripe. A Axencia Europea do Medicamento non cambiou o etiquetado do fármaco en resposta ao estudo Cochrane.
Unha revisión de 2014 recomendou que todas as persoas ingresadas en coidados intensivos durante os gromos de gripe diagnosticados de pneumonía adquirida na comunidade recibisen oseltamivir ata que se establecese a ausencia de infección gripal por unha proba de PCR.
Unha revisión sistemática de 2015 e un metaanálise atoparon que o oseltamivir era efectivo contra o tratamento de síntomas da gripe, reducindo o tempo de hospitalización, e reducía o risco de otite media. A mesma revisión atopou que o oseltamivir non incementaba significativamente o risco de eventos adversos. Unha revisión sistemática de 2016 atopou que o oseltamivir reducía lixeiramente o tempo que duraban os síntomas da gripe, e que tamén incrementaba o risco de "náuseas, vómitos, [e] eventos psiquiátricos en adultos e vómitos en nenos." A diminución da duración do estado de enfermidade era dunhas 18 horas.
Persoas sas á parte da gripe Nas persoas que, á parte da gripe, están sas os CDC afirman que os antivirais poden considerarse dentro das primeiras 48 horas. Unha directriz de prácticas clínicas alemá fai recomendacións en contra do seu uso.
Dúas metaanálises de 2013 concluíron que os beneficios en persoas polo demais sas non superan os riscos. Cando a análise estaba restrinxida a persoas con infección confirmada, a mesma revisión Cochrane de 2014 (ver arriba) atopou evidencias pouco claras de cambio no risco de complicacións como a pneumonía, mentres que outras tres revisións encontraron unha diminución do risco. En conxunto, os estudos publicados suxiren que o oseltamivir reduce a duración de síntomas en 0,5–1,0 días. Calquera beneficio do tratamento debe ser balanceado cos efectos secundarios, o cal inclúe síntomas psiquiátricos e un aumento dos vómitos.
A revisión da colaboración Cochrane de 2014 chegou á conclusión de que o oseltamivir non afecta á necesidade de hospitalización, e que non hai probas de redución de complicacións da gripe (como a pneumonía) a causa da falta de definicións diagnósticas, ou a redución do espallamento do virus. Tamén había probas de suxerían que o oseltamivir impedía que algunhas persoas producisen suficiente cantidade de anticorpos para loitaren contra a infección. Os autores recomendaron que as directrices deberían revisarse para teren en conta as evidencias de escaso beneficio e incremento do risco de danos.
O ECDC europeo, os CDC norteamericanos, o PHR británico, a Sociedade de Enfermidades Infecciosas de América (IDSA), a Academia de Pediatras Americana (AAP) e Roche (o orixinador do fármaco) rexeitaron as recomendacións da revisión Cochrane de 2014 de cambiar urxentemente as directrices e etiquetas do fármaco.
Prevención
En 2017, os CDC non recomendaban o uso de oseltamivir de forma xeral para a prevención debido á preocupación de que o seu uso xeneralizado fomentase o desenvolvemento de resistencias. Recomendan que sexa considerado o seu uso en persoas en alto risco, que estiveron expostas ao virus da gripe en 48 horas e non se vacinaron ou vacináronse moi recentemente. Recomendaban o seu uso durante os gromos en residencias de persoas maiores e nas persoas que están significativamente inmunosuprimidas.
En 2011, as revisións concluíran que cando o oseltamivir se usaba preventivamente diminuía o risco de que as persoas expostas desenvolvesen enfermidade sintomática. Unha revisión sistemática de revisións sistemáticas atopou evidencias baixas a moderadas de que facía diminuír o risco de ter gripe sintomática do 1 ao 12 % (unha diminución relativa de 64 ao 92 %). Recomendou contra o seu uso en persoas saudables, con baixo risco debido ao custo, o risco de desenvolvemento de resistencias e os efectos secundarios e chegou á conclusión de que podería ser útil para a prevención en persoas de alto risco non vacinadas.
Efectos secundarios miniatura|Cápsulas de oseltamivir.
Segundo s FDA, os dous efectos adversos máis comúns asociados coa terapia con oseltamivir son náuseas (10 % fronte ao 6 % con placebo) e vómitos (9 % fronte ao 3 % con placebo). En adultos, o oseltamivir incrementa o risco de ter náuseas para o cal o número necesario para causar danos era de 28 e para os vómitos era de 22. Así, por cada 22 persoas adultas en tratamento con oseltamivir unha experimentaba vómitos. No tratamento de nenos, o oseltamivir tamén inducía vómitos. O número necesario para as náuseas era de 19. Deste xeito, un de cada 19 nenos que toman oseltamivir tivo vómitos. Cando se usou como profiláctico houbo máis dores de cabeza e problemas renais e psiquiátricos. O efecto do oseltamivir no corazón non está claro: pode reducir os síntomas cardíacos, pero pode tamén inducir arritmias graves.
Os informes poscomercialización inclúen inflamación hepática e elevación dos encimas hepáticos, erupcións, reaccións alérxicas como a anafilaxe, a necrólise epidérmica tóxica, as arritmias cardíacas, convulsións, confusión, agravamento da diabetes e colite hemorráxica e a síndrome de Stevens-Johnson.Rossi S, editor. Australian_Medicines_Handbook 2006. Adelaide: Australian Medicines Handbook; 2006. Identificáronse síntomas neuropsiquiátricos e dor corporal, seguidos de problemas cutáneos, como efectos secundarios máis significativos que reducían a satisfacción do paciente nunha plataforma de revisión de fármacos.