Pablo García Taboada, nado na Coruña o 23 de xaneiro de 2008, é un futbolista galego, que xoga como lateral dereito no Fabril, da Segunda Federación.

Traxectoria Nacido na Coruña, empezou a xogar ao fútbol no colexio Compañía de María, onde axiña comezou a destacar xunto ao seu irmán xemelgo Yago. Na primavera de 2016, con 8 anos, ambos irmáns realizaron xunto outras ducias de nenos unhas probas co Deportivo da Coruña e estiveron entre os mellor puntuados, polo que ingresaron ese mesmo verán no equipo benxamín B do club, adestrado por David Lagar.

Xa no benxamín A proclamouse campión galego da categoría en 2008, ao tempo que era convocado tamén polas categorías inferiores da selección galega de baloncesto, deporte que practicaba no equipo do colexio. Foi subindo polas diferentes categorías inferiores do Deportivo, xogando habitualmente contra rapaces de máis idade, e nas tempadas 2020/21 e 2021/22 xogou no San Tirso, club que mantén un convenio de colaboración co Deportivo. Con 15 anos debutou co equipo xuvenil na División de Honra, pero o seu paso polo equipo foi breve, pois na tempada 2024/25, con só 16 anos, pasou a ser xogador a todos os efectos do Fabril, despois de facer a pretempada co primeiro equipo.

Debutou co Fabril na Segunda Federación o 14 de setembro de 2024, nun partido ante o Compostela no estadio de Riazor, substituíndo na segunda parte a Quique Teijo. Na primeira metade da tempada contou con varias titularidades no equipo de Óscar Gilsanz, pero unha escordadura acromioclavicular e unha lesión de nocello impedíronlle ter continuidade e obrigárono a pasar polo quirófano. Pechou a súa primeira tempada no filial cun total de 14 encontros, 8 deles como titular.

O 30 de outubro de 2025 debutou co primeiro equipo do Deportivo da Coruña da man do adestrador Antonio Hidalgo, saíndo como titular na primeira rolda da Copa do Rei ante o Sámano.

Selección española Foi internacional coas seleccións españolas sub-15 e sub-17.

Notas

Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 2008 Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña