Samuel R. Milbank, nado en Nova York o 16 de marzo de 1906 e finado en Princeton, Nova Jersey, o 3 de xaneiro de 1985, foi un banqueiro e numismático estadounidense que presidiu a American Numismatic Society de 1959 a 1978.

Traxectoria

Primeiros anos e formación Samuel R. Milbank naceu en Nova York o 16 de marzo de 1906,Smith, P. (2025). fillo de Marjorie Elizabeth Robbins (1875-1933) e do financeiro e avogado Albert Goodsell Milbank (1873-1949)."Samuel Robbins Milbank". Findagrave.com

En 1927 acadou o grao de Bachelor of Arts na Universidade de Princeton, en Nova Jersey, e posteriormente dedicou a súa vida profesional á banca.

Banqueiro Logo dun primeiro emprego en Brown Brothers & Company, en 1929 entrou como empregado na compañía de banca de investimentos Wood, Struthers & Winthrop, da que chegou a ser socio durante 35 anos. Accedeu ao consello de administración desta compañía en 1931, e en 1969 foi nomeado presidente. Logo da súa xubilación en 1972, pasou a ocupar o posto de consultor.

Tamén foi director doutras corporacións, como Rosario Resources Corporation, Pine Street Fund e varias empresas azucreiras e mineiras en América Latina.

Durante a paréntese que supuxo para a súa carreira a segunda guerra mundial, serviu nos servizos de intelixencia da Mariña dos Estados Unidos entre 1941 e 1945.

Numismático Paralelamente ao seu desempeño profesional, Samuel R. Milbank foi un reputado coleccionista de moedas. Estivo moi vinculado desde 1921 á American Numismatic Society. En 1935 entrou no consello desta entidade, e en 1941 na súa xunta directiva, onde foi inicialmente vicepresidente segundo e a partir de xaneiro de 1958 como vicepresidente primeiro."Vice-Presidents of the American Numismatic Society ". American Numismatic society (Numismatics.org). Finalmente, ocupou o posto de presidente da ANS desde xaneiro de 1960 ata o 14 de xaneiro de 1978, cando foi substituído por Harry W. Bass.Adelson, Howard A. (1958). Páxinas 349, 350, 353, 364-373, Ese mesmo ano foi nomeado presidente honorario."Presidents and Chairmen of the American Numismatic Society ". American Numismatic Society (Numismatics.org).

Filántropo Milbank dedicou gran parte da súa vida a colaborar no financiamento de diversas organizacións benéficas e educativas en Nova York, entre elas a universidade privada feminina Barnard College —cuxo consello de administración presidiu de 1956 a 1967—, a Sociedade de Servizos Comunitarios, a Sociedade de Axuda a ONG do Estado de Nova York e o Centro Internacional de Fotografía de Manhattan.

Os seus intereses comerciais en América Latina levárono a apoiar o Instituto de Lingüística de Verán, un programa de divulgación para os indios da Amazonia.

Ademais, desde 1934 ata a súa morte formou parte do Milbank Memorial Fund,Sitio web de Milbank Memorial Fund. Milbank.org unha fundación familiar instituída para financiar a investigación en docencia, nutrición, saúde mental e formación médica. Presidiu a institución desde 1952 ata 1984."Leaders of The Milbank Memorial Fund (1905 to 2022)". Milbank Memorial Fund (Milbank.org).

Vida persoal Milbank casou o 9 de xaneiro de 1934 con Molly Wetmore, con quen tivo tres fillos: Marjorie, Elenita e Samuel Milbank. Logo de se divorciar da súa primeira esposa casou en segundas nupcias con Marilyn O. Baker o 9 de setembro de 1969.

Samuel Robbins Milbank finou na súa casa de Princeton, Nova Jersey, o 3 de xaneiro de 1985, aos 79 anos,"Samuel Milbank, 78, banker who helped many charities". En The New York Times, 6 de xaneiro de 1985. e foi soterrado no cemiterio Kensico, de Nova York.

Publicacións

(1925). The coinage of Aegina. American Numismatic Society, Nova York.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía Adelson, Howard A. (1958). The American Numismatic Society, 1858-1958. American Numismatic Society. Nova York. Smith, P. (2025). "Milbank, Samuel R(obbins)". En American Numismatic Biographies. Páxina 300.

Categoría:Nados en 1906 Categoría:Finados en 1985 Categoría:Nados en Nova York Categoría:Numismáticos dos Estados Unidos de América Categoría:Personalidades da banca Categoría:Empresarios dos Estados Unidos de América Categoría:Filántropos dos Estados Unidos de América Categoría:Alumnos da Universidade de Princeton Categoría:Coleccionistas Categoría:American Numismatic Society Categoría:Personalidades sen imaxes