Os petróglifos da Sobreira é un conxunto de gravados rupestres situado na marxe dereita do río Salgueiro, na parroquia de Cea (Vilagarcía de Arousa).
Descrición O xacemento descubriuse no ano 2006 coa ampliación do parque eólico do monte Xiabre. As arqueólogas Rocío Varela Pousa e Elena Cabrejas Domínguez iniciaron a catalogación e documentación dos petróglifos cos correspondentes estudos de prospección e medidas correctoras como a definición de área de cautela, área de exclusión e balizado das rochas próximas aos xacementos.
O conxunto componse de 14 xacementos cun total de 32 pedras catalogadas. Antes desta intervención só constaba a declaración dun xacemento que é "Monte Xiabre II: GA36060037-YA070820W04". Os petróglifos están catalogados como estilo atlántico na Idade do Bronce menos o conxunto de Sobreira 12: YA070927W02. As tipoloxías son de motivos xeométricos, coviñas, cérvidos e cuadrúpedes. A análise dos elementos dos petróglifos están separados por rochas e por combinacións.
Os xacementos de monte Lobeira e monte Xiabre entran dentro da área de acumulación. Como explica Fidel Méndez Fernández, as civilizacións da Idade do Bronce non coñecían a agricultura de labradío senón que practicaban agricultura de aixada consistente na broza e queima do territorio, o que leva a un extinción do terreo co paso do tempo que os levaría a ter que deixar descansar a terra e buscar unha nova. Con este tipo de agricultura a estadía total nun lugar é imposible, polo que terían que ir rotando o territorio e por tanto a ocupación destes xacementos non necesariamente foi nun mesmo período de tempo.
Petróglifos
Petróglifo da Sobreira 1 (YA070621N04). Trátase dun grupo composto por tres pedras. A rocha 1, fracturada en dous bloques, ten tres combinacións de círculos concéntricos, danados pola extracción da canteiria na zona. O motivo máis grande desta pedra é unha coviña xunto con seis aneis; os tres aneis mais próximos ao centro forman unha forma de espiral e os tres círculos seguintes están inacabados. A rocha 2 ten unha coviña rodeada dun suco que ten coviñas. A rocha 3 ten un único motivo que pode ser a representación dunha ferradura.
Petróglifo da Sobreira 2 (YA070619W01). Está composto por unha única rocha, a cal consta de varios conxuntos. Un deles está formado por un motivo principal que semella ser un tipo de símbolo de alfabeto xunto cun motivo cruciforme composto por dous rectángulos que se cortan, e ten tamén unha coviña. Outro dos conxuntos está formado por dúas ferraduras, unha coviña e cinco pisadas de cérvido en dirección ascendente na morfoloxía da pedra. Ademais destes conxuntos hai dúas cruces, unha delas con base e varios trazos case impercibibles que poderían suxerir unha terceira cruz e unha ferradura.
Petróglifo da Sobreira 3 (YA070618W01). Está composto por dúas rochas. A primeira delas presenta unha combinación de tres aneis cunha coviña central. Nesta rocha aparecen dúas coviñas e tres combinacións máis de 17 coviñas, 21 coviñas e unha combinación de de dous círculos e mais unha coviña. Na segunda rocha os gravados están altamente deteriorados e difíciles de ler. Pode intuírse a presenza de dous aneis e unha coviña. Estes gravados foron sometidos a calco polo seu inminente perigo de desaparición.
Petróglifo da Sobreira 4 (YA070621N01). Conxunto de dúas rochas. A rocha 1 presenta varías combinación de círculos interrelacionados entre si por medio de sucos. Dous aneis e unha coviña, do último parte tres elementos que unen a combinación principal con tres círculos. A última combinación consta de 4 círculos que se unen cos anteriores. Na rocha 2 hai constancia de dous sucos que se cortan con outros catro sucos, coa hipótese de que podería ser un cuadrúpede. Tamén hai unha coviña.
Petróglifo 5 (YA070621N03). Xacemento formado por catro pedras. Na rocha 1 presenta motivos xeométricos, dous círculos concéntricos, dous óvalos unidos por apéndices nos que no medio aparecen tres coviñas. Hai outra combinación de motivos circulares con tres aneis, os últimos aneis están incompletos. Hai dous óvalos con catro coviñas, e un figura con forma de espiral e xunto dela un óvalo con unha coviña no seu interior. Outra combinación similar de círculos concéntricos inacabada con tres aneis e dúas coviñas. A este petróglifo realizouselle un calco debido ao seu estado deplorable de conservación. Hai unha combinación circular moi deteriorada que afecta a súa lectura. Dous óvalos unidos por sucos e entre eles aparecen tres coviñas. Unha combinación circular con tres aneis, os dous máis exteriores están inacabados, tamén dous óvalos con coviñas, unha figura con forma de espiral e ao seu lado un óvalo cunha coviña. A rocha 2 presenta unha combinación circular deteriorada, tres aneis e unha posible ferradura. A rocha 3 ten unha única composición cun círculo que une cunha pía natural. A rocha 4 presenta unha única combinación de dous círculos xeométricos incompletos.
Petróglifos da Sobreira 6 (YA070626N01). Consta de tres rochas. A rocha 1 consta dun gravado principal con catro círculos concéntricos incompletos, e no interior un motivo que corta tres dos círculos. Na rocha hai outras dúas coviñas. Na segunda das rochas hai un rebaixe rodeado dun círculo incompleto.
Petróglifo da Sobreira 7 (YA070621N02). Consta de tres rochas. Na primeira hai catro círculos, tres deles exteriores unidos por motivos. Entre os aneis 1 e 2 cóntanse unhas 30 coviñas, ademais hai círculos incompletos e outros dous círculos con nove coviñas. Na segunda das rochas hai tres círculos incompletos cunha coviña no centro, e apréciase un semicírculo. A terceira rocha está danada e desprazada por cantaría.
Petróglifo da Sobreira 8 (YA070820W01). Composta por catro rochas. Na primeira hai un círculo con cinco coviñas no centro que o atravesa unha greta. Varios círculos unidos, un deles con 14 coviñas. Este petróglifo ten de características que se aproveita a protuberancia natural da rocha, onde hai dous círculos danados pola erosión da rocha cunha coviña no interior. Grupo de 14 coviñas, tres de esas unidas por sucos. Foi necesaria a realización dun calco polo estado de conservación tan deplorable. A rocha número 2 presenta un avanzando estado de deterioración, intúense dous aneis. Na rocha 3 hai unha combinación circular de dous aneis, algún incompleto con 12 coviñas. Case inapreciable unha combinación circular con aneis e unha coviña. A rocha 4 consta dunha convinación de óvalos afectados por unha grieta, varios óvalos e unha coviña.
Petróglifo da Sobreira 9 (YA070820W03). Unha única pedra con tres coviñas rodeadas de dous aneis, o anel mais externo remata noutra coviña. Este está moi alterada pola erosión e incendios recorrentes.
Petróglifo da Sobreira 10 (YA070927W01). Unha rocha cunha coviña e un grupo de tres coviñas que forman a silueta dun triangulo.
Petróglifo da Sobreira 11 (YA070927W01). Unha única rocha cun círculo rodeando un resalte, xunto cunha coviña e un rebaixe que parece estar rodeado por un círculo.
Petróglifo da Sobreira 12. Tres pedras. A primeira ten dous aneis e unha coviña, outra combinación de coviña e un cuadrúpede con cola que podería ser dun cabalo. Dúas figuras de cuadrúpedes confrontados nunha escena que pode ser de loita. Catro cuadrúpedes con aparentes cornamentas que podemos pensar que son cérvidos. Na rocha 2 hai tres coviñas, e na rocha 3 hai unha cruz.
Petróglifo da Sobreira 13. Dúas rochas, a primeira cunha coviña cun círculo e a segunda ten outra coviña con círculo.
Petróglifo Monte Xiabre II (GA36060037-YA070820W04). Este xacemento consta dunha pedra que ten unha combinación circular e unha espiral. Un círculo máis unha coviña central e unha combinación con dous aneis con coviña central. Notas
Categoría:Petróglifos de Galicia Categoría:Vilagarcía de Arousa