Karl Kennepohl, nado en Osnabrük, Baixa Saxonia, o 5 de xuño de 1895 e finado na mesma cidade o 17 de agosto de 1958, foi un profesor e numismático alemán.

Traxectoria

Primeiros anos e formación Karl Kennepohl, naceu en Osnabrück en 1895, fillo de Theresia Schierhölter e do catedrátito do Gymnasium Carolinum Hermann Kennepohl, de quen herdou o seu interese pola historia e pola numismática.Schmidtsdoff, D. (2004)."In Memoriam Dr. Karl Kennepohl und Katl-August Kennepohl". En Künker, F. R. (2004). Páxinas 12-13

Logo de completar o ensino secundario no mesmo instituto en que exercía o seu pai, alistouse como voluntario no exército en 1914, no inicio da primeira guerra mundial, aínda que axiña causou baixa por mor dunha doenza. Ese mesmo ano comezou os seus estudos superiores na Universidade de Würzburg, e a partir do outono de 1915 continuou a súa formación na Universidade de Gotinga. Finalmente, en 1918 acadou o doutoramento na Universidade de Münster, cunha tese titulada "A cidade de Osnabrück e o bispo Ernesto Augusto I, 1662-1698", que foi publicada en 1921.Kennepohl, K. (1921). "Die Stadt Osnabrück und Bischof Ernst August I". En Mitteilungen des Vereins für Geschichte und Landeskunde von Osnabrück. Vol. 44. Páxinas 155-219.

Carreira profesional e erudita Logo do seu período formativo, Karl Kennepohl exerceu como profesor de Alemán, Historia e Xeografía, en diversos institutos de secundaria do seu país, ata que na década de 1930 regresou a Osnabrük para exercer no Gymnasium Carolinum, ao que ficou vinculado toda a súa vida profesional.

No ámbito da numismática, Karl Kennepohl foi un apaixonado coleccionista e investigador, cunha reputación científica recoñecida en toda Alemaña. A súa figura foi esencial na creación en Gotinga en 1951 da Sociedade Numismática Alemá, —daquela coñecida como Asociación de Clubs Numismáticos da Alemaña Occidental—, da que foi o seu primeiro presidente, ata 1956. Así mesmo, presidiu tamén a Asociación de Coleccionistas de Moedas de Westfalia durante moitos anos, foi asesor na Comisión Numismática dos Estados da República Federal de Alemaña e membro da Comisión Histórica de Baixa Saxonia.

Varias das publicacións de Kennepohl están centradas na historia e na numismática da Frisia Oriental. En 1938 publicou a que se considera o seu traballo máis sobranceiro, titulado Die Münzen von Osnabrück ("As moedas de Osnabrük"), que foi reimpreso en 1969 dada a súa popularidade no ámbito numismático. Como recoñecido experto na historia monetaria de Frisia Oriental, Kennepohl recibiu en 1952 a encarga da Autoridade da Paisaxe de Frisia Oriental de confeccionar unha obra exhaustiva sobre as moedas desa rexión. Aínda que el non puido completar a obra, esta foi publicada en 1982 por Bernd Kappelhoff.Kappelhoff, A. (1982). Die Münzen Ostfrieslands: vom frühen 14. Jahrhundert bis 1628. Verlag Ostfriesische Landschaft. ISBN 9783923668007

Como coleccionista, reuniu unha colección privada centrada en Osnabrück, Münster e Frisia Oriental, composta por case 5.000 pezas entre os séculos VIII e XIX, algunhas delas de gran rareza. Esta colección foi vendida en poxa pública en xuño de 2004 pola casa de poxas Fritz Rudolf Künker, de Osnabrük.Künker, F. R. (2004). Ademais, xunto co director do Museo Municipal, estableceu o Gabinete Numismático de Osnabrück nas dependencias do concello, que se ocupou de confeccionar unha importante colección de titularidade pública. O seu altruísmo en beneficio da súa cidade natal fíxoo merecedor da medalla Justus Möser, concedida o 3 de xaneiro de 1955,"Justus-Möser-Medaille. Medaillenträgerinnen und Medaillenträger". Stadt Osnabrück (demokratisch.osnabrueck.de). así como a dedicación dunha pequena rúa da cidade, a Kennepohlweg.

Publicacións Karl Kennepohl publicou numerosos artigos e colaboracións en diversas publicacións periódicas acerca dos seus temas de interese. Esta é unha escolma dos principais traballos monográficos publicados por Kennepohl ao longo da súa traxectoria:"Kennepohl, Karl". Opac.regesta-imperii.de

Monografías

(1927). Die Münzen der Grafschaften Bentheim und Tecklenburg sowie der Herrschaft Rheda ["As moedas dos condados de Bentheim e Tecklenburg e do dominio de Rheda"]. Hamburger, Frankfurt. (1927). Nachträge und Berichtigungen zu den Münzen der Grafschaften Bentheim und Tecklenburg, sowie der Herrschaft Rheda ["Adicións e correccións ás moedas dos condados de Bentheim e Tecklenburg, así como do dominio de Rheda"]. Frankfurt.

(1938). Die Münzen von Osnabrück. Die Prägungen des Bistums und des Domkapitels Osnabrück, der Stadt Osnabrück, sowie des Kollegiatsstiftes und der Stadt Wiedenbrück ["As moedas de Osnabrück. A ceca do bispado e do capítulo da catedral de Osnabrück, da cidade de Osnabrück, así como da fundación colexial e da cidade de Wiedenbrück"]. Múnic. (1938) (Editor.) Festschrift zur Feier des 25-jährigen Bestehen des Vereins der Münzforscher und Münzfreunde für Westfalen und Nachbargebiete ["Publicación conmemorativa do 25.º aniversario da Asociación de Investigadores e Coleccionistas de Moedas de Westfalia e Áreas Adxacentes"]. Münster. (1954). Das Festabzeichen. Der Krönungsdenar. Festschrift zur 1150. Jahrfeier des Gymnasiums Carolinum ["A insignia conmemorativa. O denario da coroación. Publicación conmemorativa co gallo do 1150º aniversario de Gymnasiums Carolinum"]. Osnabrück. (1958). Osnabrück: Kleine Geld- und Münzgeschichte ["Osnabrück: Unha breve historia do diñeiro e das moedas"]. Verkehrsverein Stadt und Land Osnabrück, Osnabrück.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Berghaus, P. (1958). "Karl Kennepohl". En Numismatisches Nachrichtenblatt, 1958. Berghaus, P. (1994). "Numismatiker im Porträt 24. Karl Kennepohl, 5. Juni 1895 Osnabrück – 17. August 1958 Osnabrück". En Geldgeschichtliche Nachrichten 162. Páxinas 180-183. Hehemann, R. (1990). Biographisches Handbuch zur Geschichte der Region Osnabrück. Osnabrück. Páxina 157. ISBN 9783922469490 Künker, F. R. (2004). Sammlung Kennepohl U.A. Westfalen und Nachbargebiete. Deutsche Münzen seit 1871.. Künker.

Schmidtsdoff, D. (2004). "Karl Kennepohl. Der erste Vorsitzende der DNG". Numismatisches Nachrichtenblatt. Deutsche Numismatische Gesellschaft (DNG-NNB.de).

Categoría:Nados en 1895 Categoría:Finados en 1958 Categoría:Nados na Baixa Saxonia Categoría:Numismáticos de Alemaña Categoría:Alumnos da Universidade de Würzburg Categoría:Alumnos da Universidade de Gotinga Categoría:Alumnos da Universidade de Münster Categoría:Profesores de educación secundaria Categoría:Coleccionistas Categoría:Personalidades sen imaxes