Recuncho Gamer é un proxecto audiovisual creado en 2020 para facer divulgación, en galego, sobre os videoxogos. O obxectivo é tratar os videoxogos como un produto cultural en que converxen moitas artes, mais sempre dun xeito ameno e desenfadado.

Traxectoria O Recuncho Gamer foi fundado en outubro de 2020 por Iago Gordillo, nun contexto de emerxencia de novos xeitos de creación de contido dixital, co obxectivo de cubrir un baleiro histórico: a ausencia dun espazo de referencia profesionalizado que abordase o lecer interactivo desde unha perspectiva galega e galegofalante. No seu comezo, o proxecto estaba formado por unha canle do Youtube con análises de videoxogos, unha canle do Twitch con gameplays ao vivo, e un programa de radio na Radio Coruña.

Ao longo dos seus anos, o proxecto foi evolucionando nun ecosistema diversificado, con varios podcasts, programas de entretemento en colaboración coa Televisión de Galicia, o salón galego do videoxogo Píxel á Feira e mesmo a creación dun videoxogo propio, Portalén.

Programas e series No ámbito audiovisual, o proxecto ten diferentes formatos feitos en solitario ou en colaboración con outros entes. Entre eles destacan os seguintes:

A Coruña nos videoxogos, estreado a 20 de decembro de 2021, é un documental feito en colaboración co Concello da Coruña. Nel relata todas as aparicións da cidade da Coruña en videoxogos como The Waylanders, FIFA, Cities: Skylines, Euro Truck Simulator, Microsoft Flight Simulator ou Minecraft.

Mira quen vén xogar é un formato de vídeos en que Iago Gordillo convida persoas coñecidas da sociedade e da cultura galega. Dá unha volta ao concepto de entrevista tradicional e pon as persoas convidadas a xogaren a videoxogos relacionados co seu labor. Por el pasaron figuras como Esther Estévez, Grande Amore, Pili Pampín, Xosé Antonio Touriñán, Caamaño & Ameixeiras ou The Rapants.

Dicionario Gamer é un proxecto feito en colaboración coa asociación PuntoGal. É unha serie de vídeos curtos, dun minuto, que ten como obxectivo ser un glosario de todos os termos en galego relacionados co mundo dos videoxogos.

Xogando en galego é un programa para a plataforma AGalega e o Xabarín Club. Está dirixido por Iago Gordillo e presentado por Lara Portela e Jon Amil. Nel faise un percorrido por diferentes xogos que se poden xogar en galego.

Podcasts O núcleo comunicativo do proxecto estrutúrase arredor dunha rede de podcasts que se adaptan a diferentes necesidades de consumo, do programa de debate semanal até a análise ultra-especializada.

miniatura|dereita|Programa 100 do Recuncho Gamer Podcast Recuncho Gamer Podcast é o programa principal e o máis lonxevo do proxecto. Comezou en novembro de 2025 como parte da grella de Radio Coruña, mais a partir do episodio 16 pasou a ser un proxecto independente da emisora e puramente focado para a internet. Chegou ao seu programa número 100 en xuño de 2025.

Caracterízase por ser un videopodcast semanal que se grava en directo a través do Twitch, permitindo a interacción inmediata co público antes de ser editado para o seu consumo en plataformas como YouTube, Spotify, iVoox e Apple Podcasts. O programa non se limita á actualidade do sector, senón que adoita xirar arredor de monográficos temáticos onde o videoxogo se cruza con outros elementos da realidade social e cultural.

Alén do propio Iago Gordillo, creador e director do Recuncho Gamer, o podcast conta coa colaboración de Rita Calvo, Sara Gurdiel, Lara Portela, Jon Amil, Ángela Triana e Ana Aboal.

Outeiro Verde é un podcast dedicado especificamente á franquía Sonic the Hedgehog. Está guionizado e copresentado por Iago Gordillo e Jon Amil. Cada episodio é un monográfico dedicado a falar dun xogo, ou dun conxunto de xogos relacionados, do ourizo azul.

1 día, 1 jogo é un micropodcast adaptado ao consumo en dispositivos móbiles e ás novas tendencias de son, no cal cada episodio ten unha duración aproximada de 5 a 10 minutos. Cada un deses episodios funciona como unha "visita sonora" a un videoxogo escollido por persoas convidadas do programa, permitindo un descubrimento rápido de xoias do desenvolvemento independente ou clásicos do pasado.

Na fin de xogo é un podcast creado para a Radio Galega e a plataforma AGalega Audio. Fai un percorrido sonoro polos videoxogos máis icónicos e as historias e reflexións que nos deixan ao terminarmos a partida. Cada episodio conta con unha persoa convidada especial, de profesionais do sector do videoxogo (como Alba Calvo ou Ramón Méndez) a referentes da cultura galega (como Prado Rúa, Fátima Pego ou MJ Pérez).

Xogalego

Fóra do ámbito estritamente audiovisual, en decembro de 2025 foi lanzado un catálogo de videoxogos localizados para o galego, co nome Xogalego.

A idea inicial xurdiu en 2024. O equipo do Recuncho Gamer estaba xa canso da dificultade que supuña encontrar xogos en galego en plataformas como Steam, e de ter que comprobar un por un cada caso. Deste xeito, crearon unha pequena folla de cálculo, que sería o xerme que daría lugar ao proxecto. A partir de aí, definiron ben todas as características e presentárono á convocatoria Proxectos Singulares da Deputación da Coruña, o cal conseguiron.

Deste xeito, Iago Gordillo, Jon Amil e Ángela Triana puxéronse mans á obra e xogaron, revisaron e clasificaron todos os xogos dispoñíbeis até a data. Desde ese momento, o proxecto está en actualización constante e aberto ás suxestións de calquera persoa interesada.

Píxel á Feira

Píxel á Feira naceu coa intención de ser o grande Salón do Videoxogo da Galiza. A súa primeira edición foi celebrada durante a fin de semana do 8 e 9 de novembro de 2025 no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela. O evento, de acceso gratuíto até completar a capacidade, estruturouse como unha gran festa do videoxogo deseñada para todo o tipo de públicos, de familias a xogadores expertos.

O evento contou con moitas atraccións para as persoas visitantes, como unha exposición interactiva do Museo do Videoxogo, unha zona de mercado, unha zona de máquinas recreativas para xogar de maneira gratuíta, e diversas palestras e concursos. Alén disto, co obxectivo de promover o videoxogo feito no país, a feira contou cun grande espazo onde diferentes desenvolvedoras galegas puideron mostrar os seus xogos.

Alén disto, o evento tamén acolleu a entrega dos premios do I Certame de Videoxogos en Galego da Deputación da Coruña, feito coa intención de animar as desenvolvedoras a usaren a nosa lingua con normalidade.

Premios e recoñecementos

AnoCertameCategoríaDetalle do Galardón 2021 Youtubeiras+ Mellor canle pioneira Recoñecemento ao seu carácter innovador en galego. 2022 Premios DeVuego Mellor Medio Audiovisual Finalista a nivel estatal 2023 Youtubeiras+ Pioneiro Finalista co proxecto Recuncho Gamer 2024 Youtubeiras+ Youtubeira Premio á figura de Iago Gordillo polo seu labor global 2024 Premios Mil Primaveras Comunicación e Normalización Distinción da CTNL polo seu labor lingüístico 2024 Carballo Interplay Mellor creador ou creadora Finalista Iago Gordillo polo seu papel como creador do Recuncho Gamer 2025 Premios AGalega.gal Orgullo ‘friki’ Finalista co programa Xogando en galego

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Sitio web do Recuncho Gamer Xogalego, catálogo de videoxogos en galego Píxel á Feira, salón galego do videoxogo Xogando en galego en AGalega

Categoría:Sitios web de videoxogos Categoría:Sitios web en galego Categoría:Normalización lingüística do galego