Denomínase oposición ao franquismo ou antifranquismo (na época, simplemente oposición) o conxunto de movementos políticos e sociais que se opuñan á ditadura de Francisco Franco desde o final da guerra civil española en 1939 até as primeiras eleccións democráticas de 1977, ano e medio despois da súa morte en 1975.
Oposición ao franquismo na zona sublevada (1936-1939) Antes do remate da Guerra civil eran anecdóticas as mostras de oposición na zona sublevada, controlada polo nacente réxime do franquismo. En decembro de 1936 Manuel Fal Conde, líder de Comunión Tradicionalista, tentou crear unha Real Academia Militar de Requetés non sometida ao Exército. Isto supuxo a súa inmediata saída do país entre acusacións de traizón. O 16 de abril de 1937 producíronse incidentes violentos en Salamanca entre membros de distintas correntes existentes no seo de Falange Española de las JONS (a facción do triunvirato entre Agustín Aznar, José Moreno e Sancho Dávila contra a facción de Manuel Hedilla). Como resultado destes houbo dous mortos. O 25 de abril dese ano Manuel Hedilla, líder até entón de Falange Española de las JONS, foi acusado de conspirar contra Franco e condenado a dúas penas de morte. Estas primeiras escaramuzas dentro das propias filas sublevadas foron cortadas de raíz a través do Decreto de Unificación de 1937 que deu lugar á creación da FET y de las JONS, concibida como a rama política do denominado Movimiento Nacional.
A oposición ao franquismo de 1939 a 1945
Os inicios da oposición do interior No interior de España as dúas primeiras organizacións do bando republicano que se reorganizaron foron a CNT e o PCE. Porén, as condicións en que o fixeron eran moi duras. O ambiente estaba marcado pola fame e as doenzas, con miles de persoas no cárcere ou á espera da súa execución. Outras facían desaparecer os trazos do seu pasado republicano para evitar a súa detención. A maior parte da poboación dependía para a súa subsistencia do estraperlo, o que aumentaba a súa vulnerabilidade ante as presións do estado. Por iso, en ambos os dous casos, a actividade clandestina centrouse en axudar os seus militantes encarcerados e as súas familias proporcionándolles cartos e buscando o xeito de liberalos ou conseguir unha redución da pena. Tamén daban acubillo aos perseguidos pola policía.Heine, 1983, pp. 51-53
Con todo, a primeira organización unitaria da oposición ao franquismo, a Alianza Democrática Española (ADE), foi promovida por un grupo de republicanos exiliados. Constituída no verán de 1940, tiña a súa sede en Londres. Pero en realidade, ADE, era a "fachada para as actividades dos servizos secretos británicos de información e os seus colaboradores españois no interior".Heine, 1983, pp. 35-36 Tivo unha curta vida porque a policía franquista logrou infiltrarse na organización e detivo unhas 200 persoas en Valencia, Madrid e outras cidades. Dez foron condenadas á morte, das cales tres foron fusiladas en Paterna en novembro.Heine, 1983, p. 39. Tras a invasión de Francia desmantelouse a rede de axentes da ADE, que funcionaba desde o Midi. O goberno británico deixou de prestarlle o seu apoio, polo que desapareceu a finais de 1940.Heine, 1983, p. 40.
Polos anarquistas, o primeiro comité do interior formouno Esteban Pallarols, que conseguira escapar do campo de Albatera. El ocupouse de crear unha rede clandestina para pasar a Francia os presos que conseguía sacar dos campos de concentración mediante documentos falsos.Heine, 1983, pp. 53-55 Pallarols foi detido pola policía, condenado á morte e fusilado o 18 de xullo de 1943.Heine, 1983, p. 58 Ocupou o seu posto Manuel López López, pero este dimitiu ao pouco tempo por mor da tuberculose que contraera no campo de Albatera e foi substituído por Celedonio Pérez Bernardo,Heine, 1983, p. 59 quen tamén foi detido ao pouco tempo, xulgado en setembro de 1942 e condenado a 30 anos de cárcere. Substituíuno Manuel Amil Barcia, pero este, axexado pola policía, tivo que abandonar Madrid e refuxiarse en Andalucía. As funcións do comité nacional foron asumidas pola organización de Madrid encabezada por Eusebio Azañedo. Este entrou en contacto coa CNT de Valencia, que se reorganizou, e coa de CNT de Cataluña, cuxa situación era bastante confusa debido á existencia de dous comités rexionais. Por mor da delación dun confidente, Azañedo foi detido en Madrid no verán de 1943, polo que Amil retornou á capital para se facer cargo de novo da secretaría xeral do comité nacional.Heine, 1983, pp. 237-242 miniatura|250x250px|Monumento ás Trece Rosas no cemiterio da Almudena de Madrid En canto aos comunistas, a primeira organización do partido que se constituíu na clandestinidade foi en Madrid. Nada máis acabar a guerra formouse alí un comité provincial encabezado por Matilde Landa e integrado por varias militantes, entre elas mozas pertencentes ás JSU. Algúns dos seus membros foron detidos pola policía, que conseguira os ficheiros da organización xuvenil comunista. Foron acusados sen ningunha proba de estaren preparando un atentado contra Franco para o Desfile da Vitoria que se ía celebrar o 19 de maio. Un tribunal militar sentenciounos a morte e foron fusilados.Heine, 1983, pp. 63-65. Outros foron acusados de estaren implicados no atentado contra o comandante Isaac Gabaldón cando viaxaba no seu coche preto de Talavera de la Reina. O 4 de agosto celebrouse en Madrid un primeiro consello de guerra sumarísimo no que foron condenados á morte 65 dos 67 acusados. O día seguinte foron fusilados 63, entre eles 13 mulleres novas, algunhas menores de idade, que serían coñecidas como As Trece Rosas.Heine, 1983, pp. 65-66. Matilde Landa tamén foi detida, así como Enrique Sánchez e José Cazorla, dirixentes das JSU, que constituíran a primeira «delegación do comité central», o termo empregado para referirse á dirección comunista clandestina do interior de España. Sánchez e Cazorla foron fusilados o 8 de abril de 1940, mentres que Landa viu conmutada a súa pena por 30 anos de cárcere. Porén, a mediados de 1942 non puido soportar máis a presión psicolóxica a que a sometían as gardiás e a dirección da prisión de Palma e suicidouse.Heine, 1983, p. 67
A seguinte tentativa do PCE de dotarse dunha dirección na clandestinidade foi obra de Heriberto Quiñones, escapado do campo de Albatera. Quiñones formou o comité do interior en maio de 1941, do que tamén formaban parte Luis Sendín e Julio Vázquez. Este último foi detido pola policía o 16 de xullo e foi substituído por Realino Fernández López, Realinos, do Partido Comunista de Euskadi.Heine, 1983, pp. 70-71; 74. Nesas datas chegaron a Lisboa varios cadros comunistas enviados pola dirección do PCE en México para facerse cargo da organización do interior. Heine, 1983, pp. 76-77. Porén, catro meses despois a policía portuguesa detivo o «grupo de Lisboa». A española arrestou o comité de Quiñones xunto con 200 militantes comunistas máis. O propio Quiñones foi detido o 30 de decembro de 1941 na madrileña rúa de Alcalá xunto con Ángel Garvín, que ocupara o posto de Realinos (detido con anterioridade) na dirección do interior. Todos os dirixentes do interior capturados foron condenados á morte e fusilados, así como os membros do «grupo de Lisboa», que foran extraditados a España, agás un deles que morreu no cárcere en 1947.Heine, 1983, pp. 78-80 A reacción da dirección do PCE no exilio ante este desastre foi acusar a Quiñones de ser un traidor que delatara á policía os compañeiros do «grupo de Lisboa». A esta gravísima acusación sumouse a de «trotskista», o peor cualificativo que podía recibir un comunista nos tempos da ortodoxia estalinista.Heine, 1983, pp. 81; 83-84
Trala caída de Quiñones, un antigo colaborador deste, Jesús Bayón, asumiu a dirección comunista no interior. Tamén formaron parte desta outros antigos «quiñonistas» que conseguiran eludir as detencións, como Calixto Pérez Doñoro. En xuño de 1942 Bayón foi substituído por Jesús Carreras, enviado pola dirección do PCE en Francia. A súa influencia fíxose notar cada vez máis na organización do interior grazas ao labor de Jesús Monzón e do seu adxunto Gabriel León Trilla. Estes reconstruíran o PCE no Midi francés, daquela baixo o réxime colaboracionista de Vichy, e o seu órgano de prensa, editado a partir de agosto de 1941 de forma clandestina, levaba o significativo título de La Reconquista de España.Heine, 1983, pp. 189-193 En febreiro de 1943 Carreras, delatado por un confidente da policía, foi detido en Madrid e torturado. Tras el caeron o resto da dirección nacional en Madrid, incluídos Bayón e Pérez Doñoro, e un número importante de militantes comunistas en activo, así como a plana maior das JSU. Por segunda vez en menos de dous anos, o PCE viu desmantelada a súa organización no interior.Heine, 1983, pp. 199-201
Os socialistas tardaron moito máis en se reorganizaren cós anarquistas e comunistas. O primeiro núcleo que se reconstituíu foi o do País Vasco grazas ao traballo clandestino de Nicolás Redondo Blanco e Ramón Rubial. En Asturias, onde a represión foi máis forte debido á maior presenza da Garda Civil e do Exército que combatían o maquis, non se constituíu o primeiro comité provincial até 1944. En Madrid formouse un terceiro núcleo socialista grazas ao impulso de Sócrates Gómez.Heine, 1983, pp. 242-244
A oposición republicana do exilio Diego Martínez Barrio conseguiu aglutinar boa parte das forzas republicanas de esquerda do exilio (Unión Republicana, Izquierda Republicana, e Partido Republicano Federal) coa creación en México da Acción Republicana Española. O seu primeiro manifesto fíxose público o 14 de abril de 1941, décimo aniversario da proclamación da Segunda República Española. Remataba facendo un chamamento ás democracias occidentais para axudaren a derrubar a Franco, pois «sen unha España libre non será posíbel unha Europa libre». O punto fundamental en que diverxía a proposta da ARE da do socialista Indalecio Prieto, (quen desprazara da dirección do PSOE e da UXT o sector «negrinista») era que propugnaba a reconstrución dun goberno republicano que se presentase aos aliados como alternativa a Franco. Pola súa banda, Prieto defendía a celebración dun referendo sobre a forma de goberno para atraer o apoio dos monárquicos.Heine, 1983, pp. 138-140. miniatura|250x250px|Joan García Oliver, líder do sector «colaboracionista» do Movemento Libertario, cando foi ministro de Xustiza do goberno de Largo Caballero durante a guerra civil española Os anarquistas, tamén levaron a cabo o seu propio proceso de unificación iniciado antes de rematar a guerra coa creación en Francia o 26 de febreiro de 1939 do Movemento Libertario, integrado pola CNT, a FAI e a FIJL.Heine, 1983, p. 52 Na primavera de 1942 o Movemento Libertario do exilio viviu unha grave crise ao estalaren as tensións latentes desde o final da guerra entre o bando «colaboracionista» (encabezados por Joan García Oliver e Aurelio Fernández) e o «apolítico». Este último apoiaba o consello nacional con sede en París que presidían Germinal Esgleas e Federica Montseny. Nunha reunión que mantiveron en México o primeiro presentou un documento para a súa discusión titulado Ponencia, pero saíu derrotado. Polo tanto, decidiu formar a súa propia organización co periódico CNT como órgano de prensa. O portavoz do bando «apolítico» foi Solidaridad Obrera.Heine, 1983, pp. 123-124