Ousmane Camara, nado en Conakry o 20 de febreiro de 2001, é un futbolista guineano que xoga de dianteiro no Castellón, da Segunda División. É internacional coa selección de Guinea.
Traxectoria Naceu en Conakry, sendo o sexto e último fillo dunha familia sen recursos económicos. Foi criado por un tío a 50 km dos seus pais, e este ensinoulle a xogar ao fútbol. Aos 17 anos decidiu abandonar o país e tras pasar por Malí, chegou a Libia, onde foi encarcerado durante 3 meses. Na prisión libia recibiu golpes dos gardas e viu como mataban a varios compañeiros. Escapou da prisión despois dunha pelexa entre presos e gardas, e chegou a un campo de refuxiados no Mediterráneo, onde conseguía comida grazas a xogar ao fútbol. Dende aí partiu nunha balsa cara a Italia con outros refuxiados, estando a piques de afogar na viaxe. Desembarcou en Italia e escondido nos baños dun tren chegou ata Francia. Ao ano seguinte, o seu talento co balón foi detectado polo Auxerre, que o incorporou ao seu equipo xuvenil en 2018.
En 2019 foi subido ao equipo filial e asinou un contrato profesional ata 2022. Nos seguintes anos consolidouse na titularidade e na tempada 2022/23 foi un dos máximos goleadores do equipo no Championnat National 2. O 28 de decembro de 2022 debutou co primeiro equipo do Auxerre na Ligue 1 contra o Monaco.
Na segunda metade da tempada 2023/24 foi cedido ao Annecy, da Ligue 2. En agosto de 2024 fichou polo Castellón, da Segunda División española.
Selección nacional Tras xogar na sub-23, coa que disputou os Xogos Olímpicos de 2024, en xuño de 2024 foi convocado pola selección absoluta de Guinea. Debutou nun partido de clasificación para a Copa do Mundo de 2026 contra Mozambique no estadio Ben M'Hamed El Abdi de El Jadida, Marrocos.
Notas
Categoría:Nados en 2001 Categoría:Nados en Conakry Categoría:Futbolistas de Guinea Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do AJ Auxerre Categoría:Xogadores do CD Castellón Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Guinea Categoría:Futbolistas nos Xogos Olímpicos de 2024