Oliver Smithies, nado en Halifax (West Yorkshire) o 23 de xuño de 1925 e finado en Chapel Hill (Carolina do Norte) o 10 de xaneiro de 2017, foi un xenetista e bioquímico físico británico-estadounidense. É coñecido por introducir o uso de amidón como medio para a electroforese en xel en 1955, e polo descubrimento, simultaneamente con Mario Capecchi e Martin Evans, da técnica da recombinación homóloga de ADN transxénico con ADN xenómico, un método moito máis fiable de alteración de xenomas animais que o usado previamente, e a técnica que se utiliza no gene targeting e os ratos knockout. Recibiu o Premio Nobel de Medicina en 2007 polos seus traballos en xenética.

Traxectoria Smithies naceu en Halifax, West Yorkshire, Inglaterra, fillo de William Smithies e da súa esposa Doris, nada Sykes. Seu pai vendía seguros de vida e a súa nai ensinaba inglés no Halifax Technical College. Tivo un irmán xemelgo e unha irmá máis nova. Asistiu á escola primaria na vila próxima de Copley e despois á Heath Grammar School de Halifax. Segundo el dixo, o seu amor pola ciencia orixinouse por unha temperá fascinación polas radios e os telescopios.

Asistiu ao Balliol College, Oxford cunha bolsa de estudos Brackenbury, inicialmente estudando medicina. Estudou anatomía e fisioloxía, gañando un premio en anatomía, e graduouse con honras de primeira clase como licenciado (B.A.) en fisioloxía animal, incluíndo bioquímica, en 1946. Inspirado por tutoriais de Alexander G. Ogston sobre a aplicación da química física a sistemas biolóxicos, Smithies despois apartouse da medicina para obter unha segunda licenciatura en química. Publicou o seu primeiro artigo de investigación, coa coautoría de Ogston, en 1948. En 1951 conseguiu un grao de máster en Artes e outro de doutor (Ph.D.) en bioquímica baixo a supervisión de Ogston; a súa tese titulouse "Propiedades físico-químicas das solucións de proteínas".

Carreira miniatura|Oliver Smithies (o segundo pola esquerda). Smithies obtivo unha bolsa do Commonwealth Fund para ocupar un posto posdoutoral nos Estdos Unidos no laboratorio de J. W. Williams no Departamento de Química da Universidade de Wisconsin-Madison. Un problema para obter a visa nos Estados Unidos, debido á unha condición da bolsa da Commonwealth Fund, forzouno despois a abandonar os Estados Unidos. De 1953 a 1960 traballou como membro da facultade como investigador asociado, baixo a dirección do investigador da insulina David A. Scott, no Laboratorio de Investigación Médica Connaught na Universidade de Toronto no Canadá. Aprendeu xenética médica de Norma Ford Walker no Hospital de Nenos Doentes de Toronto.

En 1960 Smithies tornou á Universidade de Wisconsin-Madison, onde traballou no Departamento de Xenética ata 1988 sucesivamente como axudante, asociado e profesor Leon J. Cole e Hilldale de Xenética e Xenética Médica. Seguidamente, foi Profesor de Excelencia de Patoloxía e Medicina de Laboratorio na Universidade de Carolina do Norte en Chapel Hill. Continuou o seu traballo no seu laboratorio alí diariamente aos seus oitenta e tantos anos. Foi coautor de máis de 350 artigos de investigación e revisións, desde 1948 a 2016.

Investigación Smithies desenvolveu a técnica da electroforese en xel usando unha matriz de amidón, como unha investigación colateral (en principio improdutiva) nunha moléula precursora da insulina, na Univerdsidade de Toronto. Isto mellorou a capacidade de resolver proteínas por electroforese. Otto Hiller axudouno tecnicamente no seu último traballo de elecroforese. Usou a electroforese en amidón para revelar diferenzas entre as proteínas plasmáticas normais humanas, e en colaboración con Norma Ford Walker, demostrou que a variación era conxénita, o cal estimulou o seu interese na xenética.

Mentres estivo na Universidade de Wisconsin na década de 1980, Smithies desenvolveu a técnica do gene targeting en ratos, un método para substituír un determinado xene do rato usando a recombinación homóloga. Mario Capecchi tamén desenvolveu esta técnica inpendentemente. Estas investigacións foron a base de métodos usados en todo o mundo para investigar o papel de xenes determinados nunha ampla variedade de doenzas humanas, incluíndo o cancro, a fibrose quística e a diabetes. En 2002, Smithies traballou coa súa muller, Nobuyo Maeda, estudando a hipertensión arterial usando ratos alterados xeneticamente.

Premios e honras

Smithies recibiu en 2001 o Premio Albert Lasker de Investigación Médica Básica xuntamente con Martin Evans (Universidade de Cardiff) e Mario Capecchi (Universidade de Utah), polos seus traballos sobre a recombinación homóloga. Recibiu o Premio Wolf de Medicina con Capecchi e Ralph L. Brinster en 2002/3. Concedéronlle o Premio Nobel de Medicina e Fisioloxía de 2007 xunto con Capecchi e Evans "polos seus descubrimentos de principios para introducir modificacións en xenes específicos en ratos usando células nais embrionais."

Outros premios seus son o Premio Internacional da Fundación Gairdner que recibiu en dúas ocasións, en 1990 e 1993, o Premio de Carolina do Norte de Ciencia (1993),North Carolina Award for Science, 1993 : NC Award website. Consultado o 23 de xaneiro de 2008. o Premio Alfred P. Sloan, Jr. da Fundación General Motors xunto con Capecchi (1994), o Premio Ciba da Fundación Americana do Corazón (1996), o Premio Bristol Myers Squibb (1997), o Premio da Asociación de Colexios Médicos Americanos de Investigacións Distinguidas compartido con Capecchi (1998), o Premio Internacional Okamoto da Fundación para a Investigación en Doenzas Vasculares do Xapón (2000), o Premio O. Max Gardner, o maior premio académico no sistema da Universidade de Carolina do Nortet (2002), o Premio Massry da Fundación Meira e Shaul G. Massry (2002), compartido con Capecchi, o Premio March of Dimes de Bioloxía do Desenvolvemento xuntamente con Capecchi (2005), e a Medalla de Ouro do Instituto Americano de Químicos (2009).

Smithies foi elixido membro da Academia Nacional de Ciencias dos Estados Unidos (1971), a Academia Americana de Artes e Ciencias (1978), a Asociación Americana para o Avance da Ciencia (1986), o Instituto de Medicina (2003), e como membro estranxeiro da Sociedade Real (ForMemRS; 1998). Recibiu doutorados honoris causa da Universidade de Chicago (1991), a Universidade de São Paulo (2008) e a Universidade de Oxford (2011).

O Halifax Civic Trust colocou unha placa conmemorativa na súa honra.

Vida persoal Smithies casou con Lois Kitze, unha viróloga da Universidade de Wisconsin na década de 1950; da que se separou en 1978. A súa segunda muller, Nobuyo Maeda, é un profesora de patoloxía na Universidade de Carolina do Norte. Smithies naturalizouse cidadán estadounidense, e, malia padecer cegueira para as cores, conseguiu a licenza de piloto aéreo privado, xa que lle encantaba voar en planeadores. Describiuse a si mesmo como ateo.

Finou o 10 de xaneiro de 2017 aos 91 anos de idade.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Smithies' Lab Page

Categoría:Nados en 1925 Categoría:Finados en 2017 Categoría:Premios Nobel dos Estados Unidos de América Categoría:Biólogos do Reino Unido Categoría:Premios Nobel do Reino Unido Categoría:Premio Nobel