A Alternativa Canguesa de Esquerdas (ACE) é unha coalición política de Cangas de Morrazo que se presentou ás eleccións municipais de 2007, 2011 e 2015.

Historia A ACE é un reagrupamento de xentes de esquerda de Cangas, conformada pola FPG, Esquerda Unida, PCPG e persoas independentes. Mariano Abalo Costa, funcionario do Servizo de Correos, encabezou inicialmente a lista da ACE. Con anterioridade fora presidente da Xestora Municipal, deputado provincial e concelleiro en Cangas pola FPG dende 1999. O número dous na lista foi Xosé Manuel Pazos Varela, profesor, exparlamentario e anteriormente cabeza de lista de INMO (Iniciativa Polo Morrazo). Nas eleccións municipais do 27 de maio de 2007 acadaron en Cangas de Morrazo 1.890 votos, o 13,1% dos votos, e 2 concelleiros e 1 concelleira sobre un total de 21. No ano 2011 acadarían 1.744 votos, o 12,77% dos sufraxios, mantendo 2 concelleiros e unha concelleira. No ano 2015 acadou 2.268 votos, o 17,14 % dos sufraxios e 4 concelleiros.

Goberno Nas eleccións de 2007, por decisión da asemblea aberta de veciñas e veciños, a Alternativa Canguesa de Esquerdas negociou co BNG e co PSOE (que acadaran 6 e 4 edís, respectivamente) o goberno do municipio.

Mariano Abalo Costa ocuparía o posto de Concelleiro de Urbanismo, o número dous da Alternativa, Xosé Manuel Pazos Varela sería o encargado da Concellería de Cultura e Educación, mentres que a número tres da coalición, Maruchi Álvarez Barreiro tomaría a delegación da Concellería de Persoal.

O 28 de xaneiro de 2010 rompeuse dito pacto (a decisión da mesma asemblea aberta) polos supostos ataques do BNG contra as competencias dos edís de ACE e polo coloboracionismo dos nacionalistas cos promotores do porto deportivo de Massó. Ficaba, entón o bipartito nun goberno de minoría, non reclamado polo PP.

A Alternativa Canguesa de Esquerdas continua na oposición dende a ruptura do pacto de gobernoas até a actualidade, xa que nas eleccións de 2011, por mor da perda de votos do Bloque Nacionalista Galego e do PSOE, que repercutirían sobre o PP e UPAC, facilitouse o acceso ao goberno destas dúas forzas conservadoras.

No ano 2015 tras quedar 2º nas eleccións, ACE fíxose coa alcaldía grazas ó apoio dos 4 concelleiros do BNG e os 3 de ASpuN. Deste xeito Xosé Manuel Pazos Varela acolleu o título de alcalde. ACE fíxose coas concellerías de urbanismo, mocidade e voluntariado e medioambiente e turismo.

Ao longo de 2021 ACE comezou a desfacerse trala morte do alcalde e a súa substitución por Victoria Portas, así como a posterior ruptura do pacto cos socialistas e a marcha da edil de Esquerda Unida da coalición.

En 2023 o grupo presentouse por Alternativa dos Veciños, a formación do alcalde de Oleiros Ángel García Seoane, encabezada pola alcaldesa Victoria Portas. A formación logrou tan só 1 concelleiro, que apoiou a elección da nacionalista Araceli Gestido como nova alcaldesa pero mantívose na oposición.

Notas

Véxase tamén Outros artigos FPG Esquerda Unida PCPG

Ligazóns externas Alternativa Canguesa de Esquerdas Alternativa Canguesa de Esquerdas Cangas non se vende Foro Social pola Defensa do Pobo

Categoría:Forzas políticas de Galicia Categoría:Cangas de Morrazo