Santa Ouxea de Eiras é unha parroquia do concello ourensán de San Amaro. Segundo o IGE, en 2023 tiña 90 habitantes (51 homes e 39 mulleres).
Xeografía Situada preto da ribeira do Miño, cunha orografía que Otero Pedrayo denominaba como "de bocarribeira", é dicir, nin de montaña nin de ribeira, con suaves e onduladas caídas cara ao val do Miño, ó xeito dos Chaos de Amoeiro. Este nome -Chaos- aparece tamén na microtoponimia da parroquia, referida ó monte do Chao, de carácter comunal. As aldeas que compoñen a parroquia e o casarío disperso esténdense polas abas do monte de San Trocado, a moi moderada altitude.
Cruzan a parroquia tres regatos, o de Xinzo (Farcixo), o da Lavandeira e o da Reguenga. O primeiro vai dar directamente ó río Miño. Os segundos xuntaranse con outro regato procedente da veciña parroquia de Vilar de Rei (Cenlle) confluíndo na Fareixa, onde hai unha pequena pero fermosa caída de auga, con restos de antigos muíños. Actualmente, a Fareixa está a ser estragada polas extraccións dunha canteira, aínda que este lugar da Fareixa xa pertence administrativamente ó concello de Cenlle.
O clima é oceánico suave, con chuvias abondosas, invernos moderadamente fríos e veráns bastante cálidos, que influíron nos seus modos de vida, xa que a gandería e o policultivo foron tradicionalmente as súas fontes de riqueza, incluída a elaboración do viño, con zonas costeiras moi aptas para as vides, coma as ribeiras da Rega e as caídas do sur de Xinzo. No abandono do viño son directamente responsables as decisións políticas que eliminaron do mapa da Denominación de Orixe Ribeiro o concello do San Amaro, sen ter en conta os microclimas e as peculiaridades orográficas e edáficas favorables ó viño en moitos lugares do concello. En canto á minería, tivo explotacións de estaño e de volframio aínda a mediados do século XX, pero sabemos que xa en época romana eran buscadas as areas de ouro nas inmediacións do monte de San Trocado. Mesmo é posible que o estaño puidera ser aproveitado en épocas prerromanas.
Actualmente ten moi pouca poboación e notablemente envellecida, xa que os novos acostuman marchar cara ás cidades en busca de mellor futuro, pero nas súas mellores épocas tivo unha poboación entre 100 e 150 habitantes.
Historia e patrimonio miniatura|Petróglifos gravados nunha rocha da parroquia de Eiras. En canto ós vestixios da súa prehistoria, é posible atopar restos dende o Paleolítico superior (achados casuais de bifaces), á Idade de Bronce. Desta época poden ser os petróglifos ou gravados de círculos en rochas, aínda que a súa cronoloxía adoita alongarse incluso ata a época castrexa. Os petróglifos de Eiras están no monte da Ermida, na parte superior dunha rocha chaira e alongada, orientada de norte a sur. Trátase dun panel de cinco insculturas circulares con coviña central e liñas concéntricas. Dúas delas están orientadas cara ao solpor do solsticio de verán, outras dúas cara ao outeiro do castro de San Cibrán de Las, e, outras dúas sinalan o Norte. Barállase a posibilidade de que tales insculturas puidesen ter a finalidade de calendario e mapa simultaneamente.
No mesmo monte da Ermida existen restos de mámoas, con lendas de enterramentos de "mouros", lugar cristianizado coa erección dun sinxelo cruceiro. Un pouco cara ao sur da rocha hai labores mineiros, con vetas de estaño e ouro que posiblemente xa foran explotadas en épocas anteriores á Idade de Ferro, pois o lugar non está moi afastado do poboamento mineiro de Laias, que existía na ladeira sur do San Trocado.
Os castros, sometidos posiblemente ó castro de Lambrica (castro de San Cibrao de Las, entre Las e Ourantes), son pequenos e son a posible orixe dalgúns dos pobos da parroquia. Son evidentes restos castrexos en Castro Martiño (Xinzo) e no monte do Castro de Eiras, os dous en lamentable estado de abandono, pese á proximidade de Lambrica, na única onde se realizan actualmente labores de escavación e consolidación.
Nas paredes da igrexa, próxima ó castro de Eiras, pódense descubrir algúns perpiaños con basta decoración reticulada, de utilización posiblemente romana. Nas súas inmediacións, Rodríguez Colmenero informou sobre a aparición dun mosaico romano, de tégulas e de cerámica, o que pode considerarse como os indicios dunha vila romana antecedente dos pazos e casas fidalgas que aínda hoxe podemos ver ó lado da igrexa de Eiras.
miniatura|esquerda|300px|Ara de Eiras. Á dereita, foto manipulada para facilitar a súa lectura. Xa da época romana, o resto antigo máis salientable é unha ara dedicada a Bandua R? Lambricae, que é posiblemente a primeira testemuña escrita do nome do citado castro de Lambrica. Aínda que hai algunhas discrepancias entre os especialistas, o texto da ara podemos interpretalo de xeito prudente: "A Bandua ... Cidade de Lambrica Emilio Reburrino (cumpriu o seu voto)". A súa transcrición literal é "BANDV R? LAMBRICAE AEMILIVS REBURRINVS". Existe ampla bibliografía con interpretacións bastante contraditorias. O único que está claro é que fala de Bandua, de Emilio Reburrino -seguramente un xefe ou potentado local na época romana- e de Lámbrica.
Cómpre subliñar que non existe acordo entre os investigadores sobre o sexo e a identidade de Bandua, un nome que se repite por gran parte da Hispania prerromana occidental, nin tampouco hai acordo acerca da súa función ou dos seus atributos. Algúns relaciónano coa guerra, outros cos límites e cos vínculos... Sábese que se trata dun deus indíxena prerromano que segue a recibir culto tras a romanización na antigas Gallaecia e Lusitania, onde se conservan máis de dúas ducias de aras. En canto á procedencia da ara de Eiras, existen fontes que afirman que procede do castro de San Cibrao das Las e Ourantes (a posible Lambrica), pero non hai probas desa circunstancia. Debemos ter en conta que en Eiras existiu un poboamento prerromano e romano e que a peza ben puido ter a súa orixe na propia parroquia, cuxo territorio -por pura lóxica- sería dependente da citania de Las (Lámbrica), só a 1,5 quilómetros de distancia e que tivo unha poboación intramuros duns 2 000 habitantes. A excesiva poboación que albergaba a citania, na cima dun monte a 470 metros e sen terras aptas para agricultura, non podería alimentarse suficientemente se non se cultivasen as veigas de Las e de Eiras, onde existirían centros agrarios que abastecerían a cidade. Estes centros agrarios serán as villae romanas e moitos deles acabarán transformándose en reitorais e pazos.
Cuevillas, en Prosas Galegas, relaciona a Bandua coa deidade prerromana á que se lle deu culto no cume do Santrocado, pero tampouco hai probas que demostren que a ara procede dese lugar. Esta afirmación de Cuevillas, do que chegou a dicirse que regalara a ara ós propietarios do pazo onde estivo hospedado, non deixa de ser mostra evidente das dúbidas que existen acerca da orixe da ara. En resumo, podemos afirmar que non hai constancia das orixes da ara de Bandua. O único que sabemos é que está en Eiras dende tempo inmemorial e que, nas épocas castrexa e romana, a aldea de Eiras ben puido pertencer ó castro de Lambrica, vista a súa proximidade e as grandes dimensións do mesmo, podendo este último ter certo predominio entre as pequenas aldeas circundantes.
En época medieval a parroquia estaba dentro do territorio de Castela, denominado así pola alta densidade de castelos ou casas fortes. Pertencía á xurisdición de Roucos (actual aldea do concello de Cenlle) onde había un castelo (que derrubaron os Irmandiños, situado no lugar do Pereiro, en Cenlle) e unha casa forte, da que aínda se conserva parte na citada aldea de Roucos. Esta xurisdición era do Conde de Ribadavia. Aínda así, dentro da propia parroquia existiu outra pequena xurisdición, chamada "Coto de Pazo" no Catastro de Ensenada, e que ostentaban dous fidalgos da parroquia xa no século XVIII, en 1789: Isabel Eraso e Xoán Tizón.
Tampouco é allea a relación das terras da parroquia coa preeminencia dos grandes mosteiros, os verdadeiros colonizadores do agro na época medieval. Un destes mosteiros que posúe terras na parroquia de Eiras e as arrenda ós fidalgos é o de San Clodio. Como exemplo destas relacións podemos citar un documento de 1259 onde un xuíz chamado García Fernández e a súa muller Urraca venden ó abade de San Clodio a metade do casal de Savariz (sic). Pero os de San Clodio xa debían ter propiedades en Sabariz, pois no 1257 o abade do dito mosteiro xa aforara a dona Marina Arias de Laucía a cuarta parte de Savariz a cambio de dous capóns.
O desenvolvemento de aforamentos e subaforamentos levará ó enriquecemento dos intermediarios, sendo unha das causas da eclosión e auxe da fidalguía rural nos séculos XVII e XVIII, posteriores ó medievo. Algúns dos foreiros destes mosteiros serán, pasadas as xeracións, os futuros posuidores das casas fidalgas, grazas ás ganancias obtidas como intermediarios entre os campesiños e os mosteiros ou grandes señores.
No ámbito eclesiástico, é tamén na Idade Media cando o dominio da Igrexa se consolida na parroquia, coa erección dunha primeira parroquial que contribuirá a aglutinar os fregueses ó seu arredor. Ademais, existiron outros templos na parroquia, coma as capelas dos pazos de Eiras e de Sabariz.
Da época barroca, dominada a terra e a economía polos señores dos pazos, podemos aínda admirar hoxe algunhas das casas señoriais xurdidas dese proceso (O pazo de Sabariz e o pazo de Eiras, entre outras). Do pazo de Eiras, a carón dunha antiga carballa, consta documentalmente a súa fundación no ano 1600 por Xoán Vázquez de Sabariz, aínda que é posible que xa existise algún tipo de hábitat antigo no mesmo terreo, como pode comprobarse pola aparición nas súas inmediacións da ara romana de Bandua. Ademais dos Vázquez, habitaron a casa fidalga de Eiras familias tan coñecidas coma os Varela, os Temes, os Salgado, os Toubes, os Gayoso ou os Tizón, entre outros. Todos eles recordados polos escudos que aínda ornan as fachadas e emparentados con moitas casas fidalgas da comarca e da provincia.
O pazo de Sabariz, afastado das aldeas, e ó que xa nos referimos ó falar dos mosteiros, constitúe un exemplo típico de pazo rural galego vinculado a pequena fidalguía rural. O seu nome significa etimoloxicamente "o suevo rico". Pertenceu ós Vázques, os Temes, os Cárdenas e os Tizón. Entre os elementos típicos que ostentaba están os brasóns, a grande solaina con escalinata, as balconadas cara ao sol do mediodía, a torre, o pombal, a eira, o lagar, a capela, os hórreos... Moitos destes elementos xa están desaparecidos, situación que se repite nos pazos e casas fidalgas espalladas polo rural galego. Na portada do pazo, ademais do escudo acuartelado, existe unha curiosa imaxe barroca, difícil de identificar.
A igrexa parroquial acolle no seu interior un monumental retablo (o retablo maior) realizado polo entallador Francisco Castro Canseco no ano 1704. miniatura|esquerda|Retablo maior de Eiras, Santa Uxía na parte superior.Castro Canseco traballou en diversos lugares de Galiza a principios do século XVIII, sendo unha das súas obras máis famosas a fermosa capela do Santo Cristo de Ourense, na que debeu traballar na mesma época en que se fixo o retablo de Eiras. Desta igrexa tamén debemos destacar a "fonte" de pedra existente na sancristía, con desaugadoiro ó exterior. Na sancristía existe unha caixoneira barroca. Tamén pertence á parroquial unha fermosa cruz procesional de prata fabricada a principios do século XIX polo prateiro ourensán Rañoi, con cristo no anverso, acompañado do Sol e da Lúa, e a imaxe da patroa da parroquia (Santa Uxía) no reverso. Ademais, ten imaxes dos evanxelistas e de diversos apóstolos, todas elas en prata sobredourada.
miniatura|San Xoán e San Xosé, no retablo de Eiras