Rammstein (alemán: [ˈʁamʃtaɪn]) é un grupo alemán de Neue Deutsche Härte formado en 1994. O seu estilo musical incorpora elementos do metal industrial e a música electrónica. As súas cancións desenvólvense case exclusivamente en alemán, malia ter realizado cancións noutros idiomas incluíndo o inglés, o español, o francés e o ruso.
Tras gañar un concurso que permitiu a gravación do seu primeiro álbum, Herzeleid, en 1995, a banda gañou popularidade polas súas actuacións en vivo, coñecidas polos seus elementos teatrais e espectáculos pirotécnicos. O seu segundo álbum, Sehnsucht (1997), debutou como número 1 en vendas en Alemaña, resultando nunha xira mundial de catro anos de duración e a sinatura dun contrato coa importante discográfica Universal Music. A pesar das súas temáticas e actuacións controvertidas, Rammstein converteuse rapidamente nun éxito, vendendo ao redor de 20 millóns de copias en todo o mundo e sendo nomeada a dous premios Grammy.
Historia
Herzeleid e Sehnsucht (1989-2000) En 1989, o guitarrista de Alemaña do Leste Richard Kruspe escapou a Berlín Occidental, onde fundou a banda Orgasm Death Gimmick, cunha grande influencia da música metal americana. Coa caída do Muro de Berlín mudouse de novo á cidade portuaria de Schwerin, onde compartiría piso con Oliver Riedel, baixista da banda de folk punk The Inchtabokatables, e Christoph Schneider, da banda Die Firma. Nesta cidade entra en contacto coa banda First Arch, onde comeza a tocar a guitarra de xeito esporádico, e traba amizade co batería da banda, Till Lindemann.
En 1993, Kruspe funda un novo proxecto musical xunto con Riedel e Schneider co obxectivo de crear un estilo de metal fidedigno á escena alemá. Ante a dificultade á hora de escribir letras para as súas cancións, Kruspe persuade a Lindemann, fillo dun escritor e cunha afección polo canto, para unirse á banda como vocalista.
A banda coexistiu con membros doutras agrupacións, particularmente da banda de punk Feeling B, quen apoiou economicamente o novo proxecto. As primeiras cancións de Rammstein foron gravadas en 1994 nun edificio okupado por Aljoscha Rompe, frontman de Feeling B. Estas catro demos foron enviadas a un concurso de bandas afeccionadas en Berlín cuxo gañador tería acceso a un estudio de gravación profesional durante unha semana, e resultaron vitoriosas. Tras escoitar as gravacións, o guitarrista Paul Landers e o tecladista Christian “Flake” Lorenz, ambos membros de Feeling B, uníronse ó grupo.
Orixinalmente, a banda recibira o nome de Tempelprayers. O nome “Rammstein” procede dunha pintada feita por Schneider, Lorenz e Landers no interior da súa camioneta Robur Lo cando tocaban en Feeling B, en honor ó desastre de Ramstein de 1988. De acordo con Landers, o “m” extra no nome foi un erro que nunca se corrixiuGalenza, Ronald; Havemeister, Heinz (2002). Feeling B. Mix mir einen Drink. Berlin: Schwarzkopf & Schwarzkopf. p. 262.. Nun artigo de Metal Hammer de 2019, explícase que o nome da banda xurdiu a partir dunha das súas primeiras cancións, “Ramstein”, que narraba a historia do desastre de aviación. A comunidade local comezou a referirse a eles coma “a banda de Ramstein”, polo que aceptaron o nome por antonomasia.
Rammstein asinaría un contrato discográfico con Motor Music, e comezarían a gravar o seu primeiro álbum discográfico, Herzeleid, en 1995, xunto co produtor Jacob Hellner. Publicaron o álbum en setembro dese mesmo ano, e pouco despois acompañaron á banda Clawfinger nunha xira por Varsovia e Praga. O seu primeiro impulso importante á fama tivo lugar en 1997, cando Trent Reznor, vocalista da banda Nine Inch Nails, escolleu as cancións “Heirate mich” e “Rammstein” coma parte da banda sonora da película Lost Highway de David Lynch. Neste mesmo ano, a canción Engel apareceu na banda sonora da película Mortal Kombat 2: Aniquilación.
Rammstein comezou a gravar Sehnsucht en novembro de 1996 nos Temple Studios en Malta. De novo, o álbum foi producido por Jacob Hellner, e publicouse en agosto de 1997. Sehnsucht acadou o Número 1 en Alemaña tras pasar dúas semanas nas listas, conseguindo que dous álbums dunha mesma banda (Sehnsucht e Herzeleid) estiveran no Top 20 alemán de xeito simultáneo. En decembro de 1997 embarcáronse na súa primeira xira estadounidense coma teloeiros de KMFDM. Durante o ano seguinte, Rammstein tocaría o seu maior show ata o momento no Wuhlheide e uniríase ó Family Values Tour de Korn, Ice Cube e Limp Bizkit. Durante esta xira a banda sería detida pola policía local en metade dun concerto no día de Samaín: xa que eran os únicos que non contaban con disfraces, decidiron tocar medio espidos e foron detidos por indecencia pública.
En abril de 1999, Rammstein actuarían coma abreconcertos para KISS en Suramérica e Centroamérica. Posteriormente embarcaríanse nunha xira norteamericana con Soulfly, Skunk Anansie e Mindless Self Indulgence. Durante esta xira, Till Lindemann e Flake Lorenz foron arrestados durante un concerto en Massachusetts pola súa actuación durante a canción Bück dich, na que Lindemann usaba un dildo cheo de leite para simular sexo anal co tecladista. Tiveron que permanecer unha noite no cárcere e pagar unha multaHannes Rossacher, Marek Weinhold: Documentary: Rammstein in America . 2015, DVD 2. Consecuentemente, a banda apareceu na comedia sexual The Debtors, dirixida por Randy e Evi Quaid, recreando a actuación que causara o seu arresto. Segundo Evi Quaid, o millonario Charles Simonyi, un dos financiadores do filme, sentiuse ofendido pola escena, causando que a película permaneza sen unha estrea oficial a día de hoxe.
En 1999 recibiron un nomeamento á Mellor Performance de Metal nos Premios Grammy. En agosto do mesmo ano publícase o álbum en vivo Live aus Berlin, que acadou o Número 2 nas listas de Alemaña. Pouco despois, a canción Du hast foi incluída en The Matrix: Music from the Motion Picture.
Mutter, Reise, Reise e Rosenrot (2000-2006) O terceiro álbum da banda, Mutter, foi gravado no sur de Francia entre maio e xuño do 2000, e mesturado en Estocolmo nese mesmo ano. O Tour de Sehnsucht rematou a inicios de 2001. A banda tiña previsto tocar no Pledge of Allegiance Tour xunto con Slipknot e System of a Down en setembro do mesmo ano. Porén, o guitarrista Landers tivo que ausentarse por mor dunha emerxencia familiar, e foi substituído por Daron Malakian nun dos concertos. Eventualmente a xira foi cancelada. No documental Rammstein in Amerika, Lorenz admitiu que a cancelación da xira foi causada polo cansazo da banda tras anos de concertos ininterrompidos, discusións entre Landers e Kruspe e a atmosfera de histeria tralo recente ataque terrorista do 11-SRammstein: Rammstein in Amerika , DVD 2, Documentary, original sounds from 1:24 hrs., Rammstein GbR/Universal, 2015.. En múltiples entrevistas, Schneider afirmou que a banda estivo a punto de disolverse en 2001 debido a "diferenzas persoais masivas".
Inmediatamente despois, a banda participou no festival Big Day Out en Oceanía e gravou o seu videoclip para o sinxelo Sonne. O lanzamento de Mutter en abril desde mesmo ano iniciou unha nova xira por Europa e Norteamérica que rematou en agosto. En xaneiro de 2002, Rammstein viaxou a Praga para participar na primeira escena da película XXX tocando a súa canción Feuer frei!, que sería lanzada como sinxelo pouco despois.
En decembro de 2003, Rammstein gravou o seu álbum Reise, Reise no estudio El Cortijo en Málaga. De novo, foi mesturado en Estocolmo a mediados de 2004. Xunto cos directores Zoran Bihac e Jörn Heitmann gravaron os videoclips para Mein Teil e Amerika, respectivamente. Para recrear o escenario lunar deste último vídeo precisáronse 240 toneladas de cinza.
Reise, Reise lanzouse en setembro de 2004, convertendo a Rammstein na banda de fala alemá máis exitosa de tódolos tempos segundo as listas de Billboard. A partir de febreiro de 2005 a banda comezou unha xira por Europa, no que se viron envoltos en numerosas denuncias por accidentes pirotécnicos con membros da audiencia. Entre maio e xullo do mesmo ano Rammstein tocou en varios festivais de música europeos. As gravacións destes concertos están recollidas no DVD en vivo Völkerball, lanzado en novembro de 2006.
En agosto de 2005, Rammstein revelou que lanzarían un novo álbum, sucesor directo de Reise, Reise. Rosenrot foi lanzado o 28 de outubro do mesmo ano, continuando co éxito do seu predecesor. O 19 de febreiro de 2006, o asteroide 110393 Rammstein foi nomeado en honor á banda.
Liebe ist für alle da e hiato (2006-2017) A banda comezou a traballar nun novo álbum en 2007. O proceso de gravación levou un dous anos. En xullo de 2009, a canción Liebe ist für alle da foi filtrada en Internet xunto con certos contidos promocionais, o que levou a Universal Music a tomar accións legais contra certas webs de fans. O videoclip para o primeiro sinxelo do álbum, Pussy, foi publicado en setembro de 2009 na páxina para adultos Visit-x. O vídeo contiña escenas sexuais gráficas de mulleres tendo relacións sexuais cos membros da banda, malia que foran gravadas por profesionais e editadas despois mediante deepfakes.
O álbum Liebe ist für alle da foi censurado o 11 de novembro de 2009 por petición do Ministerio de Asuntos Familiares alemán, debido ás temáticas sadomasoquistas da canción homónima e dunha foto incluída no CD. En xuño de 2010 esta censura foi retirada en favor da "liberdade artística da banda". Con todo, en abril de 2016 a banda demandou á República Federal Alemá, xa que 85 000 copias do álbum tiveron que ser destruídas ou arquivadas debido á censura, cun custo estimado de 66 000 euros. En outubro do mesmo ano, os avogados do grupo anunciaron que chegaran a un acordo coa administración correspondente e retiraran a demanda.
O 8 de novembro de 2009, Rammstein comezou a xira de Liebe ist für alle da en Lisboa. En verán do ano seguinte participarían no Rock AM Ring Festival, o Sonisphere Festival e o Festival d’été de Québec. A finais de ano realizaron múltiples concertos en Suramérica e unha data exclusiva en EEUU. As entradas esgotáronse en menos de 20 minutos. A inicios de 2011, tocaron dous concertos en Suráfrica con cheo completo. Tras o éxito dos seus concertos norteamericanos, realizaron unha xira en EEUU en 2011. Neste mesmo ano recibiron o Revolver Golden God Award por Mellor Banda en Directo.
En decembro de 2011, Rammstein lanzou un álbum de grandes éxitos titulado Made in Germany 1995-2011. En 2011 comezaron unha xira europea coa banda sueca de metal industrial Deathstars coma abreconcertos. En 2012 estiveron de xira por Norteamérica, co DJ Joe Letz das bandas Combichrist e Emigrate como abreconcertos.
Os membros de Rammstein, a excepción de Till Lindemann, tocaron The Beautiful People con Marilyn Manson nos Echo Awards o 22 de marzo de 2012. En 2013, Rammstein participou nos festivais Download Festival, Wacken Open Air e Rock Werchter. Ademais, lanzaron unha colección de tódolos seus videoclips titulada Videos 1995-2012, xunto con dous videoclips inéditos da canción Mein Herz Brennt, do álbum Mutter.
En xullo de 2013, o guitarrista Paul Landers revelou nunha entrevista a posibilidade de lanzar un documental de Rammstein e un DVD en directo, ademais da posibilidade de comezar a traballar nun novo álbum en 2014. En setembro dese ano, porén, Richard Kruspe anunciou que a banda pensaba tomarse un descanso da produción de álbums. Durante este hiato, Richard Kruspe centrouse en traballar coa súa banda Emigrate, mentres que Till Lindemann fundou o superdúo Lindemann co sueco Peter Tägtgren, guitarrista da banda Pain. En 2015 Flake Lorenz publicou a súa autobiografía, Der Tastenficker – An was ich sich so erinnern kann, onde narra varias experiencias vividas pola banda.
En maio de 2015, Till confirmou nunha entrevista con MusikUniverse que Rammstein comezaría a pre-produción dun posible álbum en setembro dese ano, e que o proceso seguramente levaría dous anos, ata 2017.