Portalén (a Porta do Alén) e o Marco do Vento son dúas formacións xeolóxicas moi próximas situadas no Monte do Seixo, na Serra do Cando, entre os concellos de Forcarei e A Lama, na provincia de Pontevedra.
Características Portalén, Porta do Alén (Porta do Máis Alá), é un posible monumento megalítico formado por unha gran rocha fragmentada. Entre as súas gretas sostén outra rocha, posiblemente colocada artificialmente, formando unha especie de porta ou entrada.
Moi preto dela está outro monumento pétreo onde se cre que se concentran as enerxías do universo: o Marco do Vento. O conxunto destas dúas estruturas de pedra forma un templo antigo único no seu tipo en Europa. Dise que foi un templo celta.
O Monte do Seixo e os seus monumentos de pedra O fenómeno cultural do monte do Seixo-Portalén ten data de inicio, 2002, grazas ás investigacións e divulgacións de Carlos Solla, despois de que a construción do parque eólico (1999-2000) devastase a malfadada paisaxe da serra do Cando e os seus vestixios arqueolóxicos. Nos anos seguintes realizáronse visitas guiadas polo citado Carlos Solla quen engade:
No ano 2016 o monte do Seixo volveu atraer a atención do gran público, a chaira da Santa Mariña converteuse en escenario da XXXIX Romaxe de Irimia. O evento xuntou na montaña uns 2000 romeiros.
O Outeiro do Coto, A Fontefría, O Chan das Mamas, As Lagoas de Xestido, O Outeiro da Cama, A Laxa Mosqueira, As Pedras Abaladoiras, O Almadraque de Pirocha, A Trampa do Lobo, A Cruz do Seixo, A Porta do Alén, O Marco do Vento, O Moreón das Pedras, A Legua do Frade, a Casa da Neve, a Ventá do Areal, O Castro Grande, O Circo Exterior, A Laxamoura, Cavaladrós, A Fonte de Sanabarrigas, A Penadrosa, As Brañas Rubias, O Campo do Boi, A Penarredonda, A Fonte dos Belberichos, A Urceira de Picamillos, A Urceira de Graubuliña, e O Home da Legua son algúns microtopónimos do Monte do Seixo e Serra do Cando.
A Porta do Alén ou Portalén Considérase oráculo do Samaín, correo dos defuntos, acceso ao outro mundo. No mes de Santos, cando empeza o inverno, calquera mortal para falar cos seus finados pode achegarse á Porta do Alén ultrapasando sempre de norte a sur a soleira do portelo. Ofértase unha codia de pan, un copo de viño para os defuntos ou mesmo unha candea. Póusase a ofrenda na peneda e faise unha pregunta que os mortos responden a través do vento. Esa resposta hai que mantela en segredo, se se conta vólvese rouca a fala do mortal. Unha vez escoitada a resposta hai que dar a volta e saír polo portelo por onde se entrou.
Tamén hai nas pedras varias coviñas ou cazoletas que recollen a auga da choiva que ten propiedades curadoras. miniatura|Marco do Vento, en Cerdedo Cotobade
O Marco do Vento O Marco do Vento é a pedra fita do Seixo, moi próxima a Portalén. Ten cinco metros de ancho por seis de alto. É a pedra na que todos os ventos pousan. Foi en tempos deslinde territorial dos concellos de Cerdedo, Forcarei, A Lama e Cotobade. Asociábase a el o control da meteoroloxía, a mellora na fertilidade e a canalización das enerxías telúricas xustificas.
Referencias de Portalén nas artes
Pablo Diego Dios publicou en 2020 a novela Alén, ambientada na contorna. Manel Loureiro publicou en 2020 a novela La Puerta, coa Porta do Alén como protagonista. Treixadura publicou en 2026 o disco Portalén.
Galería de imaxes
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Documental "Monte do Seixo. A Montaña Máxica" (2009).
Bibliografía Solla Varela, Carlos (2002). Cerdedo. Materiais para o estudio da freguesía de san Xoán de Cerdedo. Inventario xeral. Ed. Solla Varela, Carlos (2007). Monte do Seixo. Reivindicación da Montaña Máxica. Ed. Cardeñoso. Solla Varela, Carlos (2008). Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas. Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca. Solla Varela, Carlos (2010). Almanaque de encantos. Mitoloxía da Terra de Cerdedo. Morgante. ISBN: 978-84-15166-03-0.
Categoría:Xeoloxía de Galicia Categoría:Forcarei
Categoría:A Lama