miniatura|Timbais miniatura|Paus O timbal sinfónico ou timbal de orquestra, denominado habitualmente en plural, timbais e na normativa reintegracionista tamén timbales é un instrumento musical membranófono de percusión e de altura determinada que se emprega principalmente en orquestras sinfónicas e grandes grupos musicais.

Terminoloxía O termo tamén é aplicado a outros tambores e instrumentos de percusión de orixe iberoamericana e asiática, e ten diferentes orixes etimolóxicas confluentes.

Por unha banda está relacionado co francés timbale e as formas italianas timpano e timpani, que proceden do grego tympanon, a través da palabra latina tympanum ("o que se golpea"), termos empregados para designar un tambor cuberto cunha membrana; Por outra banda a palabra árabe "at-tabal" (que significa "tambor").

Descrición O corpo do timbal é unha carcasa semiesférica de cobre que actúa como caixa de resonancia. Sobre ela colócase unha membrana de coiro ou doutro material elástico, suxeita cun anel e tensada mediante varias varas tensoras. O timbal afínase apertando ou afrouxando estas variñas tensoras. Nos timbais modernos, a afinación contrólase normalmente cun pedal situado na base.

Os timbais tócanse con baquetas. Estas adoitan estar feitas de madeira, como bambú, bidueiro, pradairo ou cerdeira, pero tamén as hai de aluminio e grafito. Teñen unha cabeza feita de feltro, cortiza ou coiro natural ou sintético.

Normalmente nas orquestras emprégase un conxunto de catro timbais, cada un cun diámetro diferente: 81 cm, 74 cm, 66 cm e 58 cm, respectivamente. O instrumento tamén aumentou de tamaño ao longo da súa historia.

Historia Jean-Baptiste Lully foi un dos primeiros compositores en empregar os timbais como instrumentos orquestrais, na súa ópera Thésée, estreada en 1675. No século XVIII, Johann Sebastian Bach deulles protagonismo na cantata Tönet, ihr Pauken! Erschallet, Trompeten!, BWV 214. No século XIX, Ludwig van Beethoven converteunos nunha voz independente no seu Concerto para violín, de 1806, e no scherzo da súa Novena sinfonía.

Na década de 1870, C. Pittrich desenvolveu en Dresde un sistema de afinación mediante pedal. Os denominados timbais de Dresde convertéronse posteriormente nun modelo habitual nas orquestras.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Altura (música) Hornbostel-Sachs Instrumento de percusión Membranófono Orquestra sinfónica Tambor

Ligazóns externas Guía dos timbais, no portal de instrumentos musicais de Yamaha «Timpani», na Vienna Symphonic Library

Categoría:Instrumentos de percusión Categoría:Música clásica