Podiceps occipitalis é unha especie de mergullón da familia Podicipedidae. Vive no oeste e sur de América do Sur, onde habita en lagos e outros tipos de zonas húmidas abertas. Ten dúas subespecies, que para algunhas autoridades recentes son consideradas especies separadas.

Taxonomía e subespecies Comprende dúas subespecies, aínda que algunhas autoridades como a IUCN recoñécenas como especies separadas:

P. o. juninensis(von Berlepsch & Stolzmann, 1894) – A subespecie do norte que vive nos planaltos dos Andes a altitudes de 3000-5000 m desde Colombia ao noroeste da Arxentina e norte de Chile. P. o. occipitalis, (Garnot, 1826) – A subespecie do sur, que vive a altitudes de ata 1500 m na parte central e sur de Chile e a Arxentina, e nas illas Malvinas. É parcialmente migratoria, cunha área de invernada desde o sur do Brasil, ao sur de Bolivia e Paraguai.

Descrición É un mergullón duns 28 cm de lonxitude. Hai dúas subespecies que difiren na coloración da cabeza e plumas da face. Na forma do sur, as plumas da zona do oído son amareladas e a parte lateral da cabeza e a gorxa son grises. Na forma do norte, as plumas da zona do oído son grises e o lateral da cabeza e gorxa son brancos. Ambas as dúas teñen un píleo negro e o pescozo, peito e ventre brancos, un dorso gris escuro e as partes laterais e flancos anegrados e ollos vermellos. A forma do norte ten unha aparencia similar ao raro e moi localizado Podiceps taczanowskii, e as súas distribucións xeográficas solápanse.

Distribución e hábitat Nidifica na Arxentina, illas Malvinas, Chile e oeste de Bolivia, Perú, Ecuador e Colombia. A subespecie do sur é migratoria, e en inverno chega polo norte a Paraguai, sur de Bolivia e sur do Brasil e posiblemente tamén a Uruguai. O seu hábitat son lagos de auga doce, lagoas costeiras, encoros e lagoas. Nos Andes adoita ter preferencia por lagos debilmente alcalinos e por veces pode atoparse buscando comida en lagos hipersalinos. Na Patagonia ás veces habita en lagos salinos, onde se pode encontrar en compañía de flamengos.

Bioloxía Encóntrase en pequenos grupos e aliméntase de invertebrados acuáticos que captura mentres se mergulla baixo a auga. A súa dieta comprende adultos e larvas de tricópteros, escaravellos acuáticos, mosquitos quironómidos e hemípteros Corixidae.

Adoita reproducirse en colonias en lagos. O niño xeralmente esá composto de tapices flotantes de vexetación. A nidificación rexistrouse en febreiro en Colombia e entre setembro e marzo no Perú e poñen a maioría dos ovos entre novembro e xaneiro.

Conservación A IUCN recoñece as subespecies do sur e do norte como especies separadas. A do sur considérase que está nun estado de conservación pouco preocupante e a do norte está case ameazada. Ambas teñen amplas áreas de distribución, pero as súas pobaocións están diminuíndo. Isto débese principalmente á perda de hábitat, mais tamén á caza e por causa das especies introducidas.

Notas

Categoría:Podicipédidos Categoría:Aves de América do Sur Categoría:Animais descritos en 1826