O condado de Pallares é un título nobiliario galego creado polo rei Fernando VII por real decreto de 10 de febreiro de 1816, e o subseguinte real despacho do 26 de xullo do mesmo ano, co vizcondado previo de Pallares, a favor de Manuel Xosé de Pallares e Correa, señor da Casa-Torre de Outeiro, rexedor perpetuo de Lugo, deputado a cortes do Reino de Galicia (1793) e cabaleiro da Orde de Carlos III (1795).

Antecedentes O antigo condado de Pallares abranguía os actuais concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo, todos eles na provincia de Lugo. As primeiras referencias escritas sobre esta entidade territorial e xurisdicional, o chamado condado Pallarensis, un dos once nos que estaba organizada a diocese de Lugo, remóntanse a tempos do Concilio de Lugo de 569.

Manuel Xosé Pallares e Correa era fillo de Nicolás Francisco Pallares e Somoza, señor de Goián, Frades e Calleiros e rexedor perpetuo de Lugo, e da súa esposa María Ignacia Correa e Somoza (1722-1793), señora do citado pazo de Ferreiroá, que herdou da súa nai, Beatriz Somoza, sendo o seu pai Manuel Correa e Soutomaior, señor da casa de Tellado. Por parte paterna, o I Conde de Pallares era neto de Froilán Pallares Somoza (1685-1762), señor da Casa da Veiga, en San Tomé de Castelo (Sarria), así mesmo rexedor perpetuo de Lugo, e da súa segunda esposa María Xosefa Gaioso Sanxurxo e Ulloa, filla de Xoán López Gaioso, señor da casa de Fonteboa, en Soñar, e de Ana Gregoria Sanxurxo e Zapata, señora da Casa de Mosteiro, en Santa Magdalena de Coeses, todos estes lugares de Ribas de Miño.

Segundo conta a lenda, en tempos do rei Afonso II o Casto (c.760-842) o conde realizou unha fazaña que salvou a cidade de Lugo, cercada polos mouros que trataban de rendela por fame. O conde aproveitou a escuridade da noite para saír da cidade e recoller un feixe de espigas que nese momento estaban en sazón. Pola mañá e ante a presenza do rei mouro o conde guindou ante os seus pés as espigas recollidas. O rei mouro, crendo que os da cidade recibiran reforzos, desistiu no seu empeño. Por iso no escudo dos Pallares aparece un brazo armado cun feixe de espigas.

Condes de Pallares Titular Período Creación por Fernando VII I Manuel Xosé de Pallares e Correa 1818-1832 II Manuel María de Taboada e Pallares 1843-1855 III Manuel María Vázquez de Parga Somoza e Pallares 1857-1908 IV Manuel Ramón Vázquez de Parga e de la Riva e Somoza 1909-1936Rehabilitación por Xoán Carlos I V Luis Vázquez de Parga y Iglesias 1993-1994 Rehabilitación por Xoán Carlos I VI Luis Vázquez de Parga y Gutiérrez del Arroyo 2004-2025 VII Elena Vázquez de Parga de Juan 2026-presente

Notas

Categoría:Condados de Galicia