O neutrino tau ou neutrino tauónico é unha partícula elemental que ten o símbolo e carga eléctrica nula. Xunto co tau (), forma a terceira xeración de leptóns, de aí o nome de neutrino tau. A súa existencia quedou implicitamente establecida inmediatamente despois da detección da partícula tau nunha serie de experimentos realizados entre 1974 e 1977 por Martin Lewis Perl e os seus colaboradores do grupo SLAC–LBL. O descubrimento do neutrino tau foi anunciado en xullo de 2000 pola colaboración DONUT (Direct Observation of the Nu Tau). En 2024, o Observatorio de Neutrinos IceCube publicou os resultados da identificación de sete candidatos a neutrinos tau astrofísicos.

En 2022 describíase como a «partícula menos estudada do modelo estándar» debido á súa baixa sección eficaz, á dificultade da súa produción e á dificultade para distinguila doutros sabores de neutrinos. Unha revisión argumenta que merece unha maior atención para medir completamente as súas propiedades, comprobar o noso coñecemento da mestura de neutrinos, investigar posibles anomalías e aproveitar plenamente os experimentos que, en calquera caso, son sensibles aos neutrinos tau.

Descubrimento

O experimento DONUT de Fermilab foi construído durante a década de 1990 especificamente para detectar o neutrino tau. Estes esforzos culminaron en xullo de 2000, cando a colaboración DONUT informou da súa detección. O neutrino tau foi o último dos leptóns en ser descuberto e a penúltima partícula do Modelo estándar identificada experimentalmente (foi observada 12 anos antes do descubrimento do bosón de Higgs en 2012).

Detección Varios neutrinos tau naturais de alta enerxía foron identificados con éxito polo Observatorio de Neutrinos IceCube. Os neutrinos tau son difíciles de distinguir dos neutrinos electrónicos nos detectores de neutrinos baseados en xeo porque producen patróns de fotóns semellantes. Tanto os neutrinos electrónicos como os neutrinos tau, a diferenza dos neutrinos muónicos, producen patróns esféricos de detección de fotóns no xeo.

Cando un neutrino electrónico interactúa cun detector baseado en xeo, produce un electrón que non percorre unha gran distancia antes de impactar cun átomo e emitir un patrón esférico de fotóns. Os neutrinos tau producen unha partícula tau, que emite unha esfera de fotóns dúas veces: cando se produce e cando se desintegra.Porén, estes patróns dunha e dúas esferas son moi difíciles de distinguir, agás no caso de neutrinos tau de moi alta enerxía, que fan que a partícula tau percorra unha distancia maior entre a produción e a desintegración, facendo o patrón máis distinguible dunha esfera simple. Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Neutrino electrónico Neutrino muónico Matriz PMNS

Categoría:Neutrinos Categoría:Leptóns Categoría:Partículas elementais