Paz López Facal, nada en Toba (Cee) o 2 de novembro de 1938 e finada en Vidán (Santiago de Compostela) o 21 de outubro de 2020, foi unha mestra e escritora galega.
Traxectoria
Foi a segunda de nove irmáns, entre elas a tamén mestra Alcázar, o enxeñeiro e economista Xan, o lingüista Javier e o historiador Ramón López Facal. De nova estudou en Lalín, de onde era a súa nai, na escola infantil de Julia Blanco, nai á súa vez de Gonzalo Navaza. Despois de facer o Bacharelato foi vivir cos seus avós maternos a Santiago de Compostela, onde estudou Maxisterio na Escola Normal.
Tras aprobar oposicións acadou destino provisional no curso 1960-61 en Calo (Vimianzo), e posteriormente destino definitivo en Roo (Outes). En 1969 pasou a dar clase no colexio Rosalía de Castro de Vigo, dirixido por Antía Cal.
Durante a Folga xeral de 1972, na que o seu home e o seu irmán Xaquín foron detidos, loitou pola liberdade das persoas presas. Pasou despois a dar clase de Preescolar en Sar (Santiago de Compostela), Raxó (Cacheiras, Teo), Vite, o colexio Pío XII e o colexio de Fontiñas, onde se xubilou. Seguiu as teorías pedagóxicas de Célestin Freinet, Maria Montessori, Cecília Meireles, Paulo Freire, Francesco Tonucci e Gianni Rodari. En 1970 formouse na Escola de Estiu Rosa Sensat de Barcelona, e en 1976 participou nas primeiras Xornadas do Ensino. Tamén participou na formación de asociacións pedagóxicas como Nova Escola Galega ou o Seminario Galego de Educación para a Paz.
Xunto con Berta López Villamel e María Josefa Villar López formou o Equipo Xirimbao, que elaborou textos escolares en galego para Edicións Xerais de Galicia entre 1988 e 1992. No campo creativo, en 1971 publicou na revista Grial o relato breve «Tamén hai lobos tristes». Vida persoal
Casou en 1967 co dirixente político Camilo Nogueira, e foi nai de Alba e Natalia Nogueira López.
Notas
Categoría:Nados en 1938 Categoría:Nados en Cee Categoría:Finados en 2020 Categoría:Profesores de Galicia Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes