Crioceris asparagi é un escaravello que é unha importante praga dos cultivos de espárragos tanto en Europa coma en América do Norte. O espárrago é a única planta da que se alimenta. O escaravello mide de 6,0 a 9,5 mm de longo e é lixeiramente alongado. É de cor negra azulada metálica con manchas crema ou amarelas nos seus élitros bordeados de vermello. As larvas son gordas e grises con cabeza negra.

Os adultos e as larvas cortan as follas aciculares da planta do espárrago, privando as plantas da capacidade de fotosintetizar e almacenar enerxía para os seguintes anos. Ademais, mastigan os talos e poñen moitos ovos neles, o que arruína a colleita. As larvas aliméntanse da planta durante algunhas semanas, despois baixan ao chan para puparen. Nun ano poden verse dúas ou tres xeracións do escaravello. Os adultos pasan o inverno en estado dormente baixo terra ou nunha camada de follas secas.

A avespa parasita Tetrastichus coeruleus, que vive principalmente nos Estados Unidos e Europa, pode causar ata un 71 % de mortalidade no campo e foi usada con éxito no control biolóxico de pragas. Varios insecticidas (como os carbamatos, piretroides, spinetoram e spinosad) poden ser considerados para controlar a praga.

O escravello similar Crioceris duodecimpunctata é tamén unha praga como adulto, alimentándose dos brotes tenros e follas, pero como as larvas se alimentan soamente das bagas de espárrago non se considera que sexan importantes.

Notas

Categoría:Cucujiformia Categoría:Animais descritos en 1758 Categoría:Taxons descritos por Linné