Carlos González de Ancos, nado na Coruña en 1891 e finado o 12 de xuño de 1975, foi un futbolista e xornalista deportivo galego, que xogaba como defensa. Desenvolveu toda a súa carreira no Deportivo da Coruña, do que chegou a ser presidente. Na década de 1920 emigrou a Cuba, onde foi cronista deportivo, presidente do Colexio de Árbitros e presidente da Asociación de Fútbol de Cuba.
Traxectoria Nacido na Coruña, ingresou no Deportivo da Coruña en 1908, constando por primeira vez nas aliñacións do equipo o 13 de agosto, nun partido do Campionato de Galicia e Asturias fronte ao Fortuna de Vigo no Corralón da Gaiteira. Nos seguintes anos foi un habitual na defensa titular do Deportivo, acompañado na zaga por xogadores como Long, Rodilla ou Manolito Fernández.
En 1914 liderou a escisión dos xogadores do club, descontentos pola prohibición por parte da directiva dos enfrontamentos contra o Real Club Coruña. Así, presidiu o novo Deportivo Auténtico, no que xogou tamén como defensa. En 1918 reincorporouse xunto aos seus compañeiros ao Deportivo orixinal, no que xogou ata 1919, disputando o Campionato de Galicia.
En abril de 1922 foi elixido presidente do Deportivo da Coruña, posto que ocupou durante algo máis dun ano, ata que foi substituído por Guzmán Rodríguez Rincón. A continuación emigrou a Cuba, onde continuou moi vencellado ao fútbol. Foi secretario da Federación Nacional cubana entre 1922 e 1924, cando renunciou ao cargo, ao que regresou en 1929. Traballou tamén como cronista deportivo en varios medios cubanos, como a revista Deportes ou o xornal El Mundo, onde asinaba como "Júnior". Dende 1927 organizou un campionato de fútbol no país insular, co nome de Concurso “González Byss”. Tamén formou parte do Colexio de Árbitros, chegando a ocupar a presidencia.
En 1932 foi nomeado presidente da Asociación de Fútbol de Cuba. Ese mesmo ano iniciou unha longa viaxe que o levou por numerosas cidades e países: Nova York, A Coruña, Madrid, Barcelona, Marsella, París, Bruxelas, Anveres, Rotterdam, A Haia, Bremen, Austria, Checoslovaquia, Iugoslavia, Trieste, Atenas e Exipto. En 1939 fundou xunto a catro socios unha empresa de comisións e representación.
Vida persoal Casou con Teresa Edreira Mosquera, falecida na Habana en 1929, coa que tivo dúas fillas: María Teresa e María de la Ascensión. Máis tarde volveu casar, con Pilar Pena Castro, coa que tivo cinco fillos máis: Gerardo, Julia, María Luisa, María del Pilar e Isabel.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 1891 Categoría:Finados no século XX Categoría:Finados en ano descoñecido Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Presidentes do Deportivo da Coruña Categoría:Xornalistas da Coruña Categoría:Galegos de Cuba Categoría:Finados en 1975