O Castillo de Montjuich foi un buque mercante español que desapareceu no océano Atlántico en decembro de 1963. Orixinalmente construído en 1919 polo estaleiro Furnness en Middlesbrough (Reino Unido), durante a guerra civil española sufriu un bombardeo e afundiu no porto de Barcelona en 1939. Posteriormente, foi reflotado, incautado e reparado, entrando en servizo como cargueiro.
En decembro de 1963, partiu do porto de Boston con destino á Coruña, transportando un cargamento de millo. Porén, o barco e os seus 37 tripulantes desapareceron no Atlántico, a unhas 400 millas ao noroeste dos Azores, sen deixar rastro. Non se recibiu ningunha comunicación por radio, nin se atoparon restos do barco ou da súa carga.
Historia Construído en 1919, antes de ser bautizado como Castillo de Montjuich, o barco prestou servizo en numerosas compañías británicas e belgas, recibindo varios nomes. No seu histórico, figuran os nomes (de máis recente a máis antigo): African Mariner, Bois Soleil, Wolhandel, Andalusier e War Vigour. Sufriu graves danos durante a guerra civil española mentres descargaba gran no porto barcelonés, o que provocou o seu afundimento. Tras a contenda foi incautado, reflotado e reparado, entrando en servizo como cargueiro na Empresa Navieira Elcano. En 1947, o barco encallou en El Musel de Xixón e valorouse o seu despezamento, pero tras remolcalo a Bilbao, foi finalmente levado ao estaleiro de Ferrol para a súa reparación e posta en servizo.
Desaparición O 5 de decembro de 1963 partiu dende Boston con 9093 toneladas de millo rumbo á Coruña. Compuñan a tripulación trinta e sete homes, dos que: vinte e sete eran galegos, catro vascos, dous asturianos, dous andaluces, un cartaxeneiro e un navarro. O capitán era o bilbaíno José María Arriandiaga Unda. O 14 de decembro de 1963 foi o derradeiro día en que se tivo novas do Castillo de Montjuich. O barco debía emitir un novo parte de situación o 17 de decembro e, segundo as previsións, atracar na Coruña o 21 de decembro de 1963, pero nunca chegou ao seu destino. A empresa armadora solicitou a intervención da Armada Española o día 23, polo que o día 26 solicitouse a colaboración das forzas aéreas dos exércitos portugués e estadounidense, con base nos Azores, á vez que se ordenou o despacho do cruceiro Canarias e as fragatas Legazpi e Pinzón para recoñecer o itinerario previsto. As naves españolas partiron o día 27 en labor de recoñecemento e, ante a ausencia de rastro do buque, abandonaron a misión de procura o 30 de decembro.
Investigación O Departamento Marítimo de Ferrol procedeu a realizar unha investigación sobre a desaparición do buque. Entre as súas investigacións, figuran as cartas de numerosos tripulantes aos seus familiares, no que relataban o precario estado do barco e as dificultades soportadas por mor dun temporal na travesía precedente, entre Pasaia e Boston. Recolleuse o testemuño do capitán anterior do Castillo de Montjuich, quen comandou a nave entre 1960 e 1962 e relatou numerosos fallos na maquinaria do barco e un incidente no porto de Houston, onde a autoridade portuaria obrigou a asinar un descargo de responsabilidade debido a que o barco (cargado tamén de gran) non alcanzaba o coeficiente de estabilidade mínimo que require o Convenio Internacional para a Seguridade da Vida Humana no Mar. O capitán comunicaría á empresa estes incidentes e a necesidade de acometer reparacións no buque, sen que Elcano os atendese. A investigación concluíu en xaneiro de 1966 cun sobresemento provisional, onde o auditor naval afirmaba que o buque non debeu emprender a travesía.
A desaparición do barco e os seus tripulantes nunca foi aclarada, aínda que se apunta a que o buque sufriu un temporal na súa travesía, o que unido a un posible exceso de carga, provocaron unha vía de auga ou unha fatiga estrutural que o seu estado non puido soportar.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Barcos de 1919 Categoría:Naufraxios Categoría:1963