miniatura|Bandeira da Segunda República Española O segundo bienio da Segunda República española, tamén chamado bienio radical-cedista ou bienio conservador, denominado así mesmo bienio negro ou bienio do terror polas esquerdas, constitúe o período da Segunda República comprendido entre as eleccións xerais de novembro de 1933 e as de febreiro de 1936. Durante este gobernaron os partidos de centrodereita republicana liderados polo Partido Republicano Radical de Alejandro Lerroux, aliados coa CEDA e o Partido Agrario, primeiro desde o Parlamento e logo participando no goberno. Precisamente a entrada da CEDA no Goberno en outubro de 1934 desencadeou o feito máis importante do período. A Revolución de outubro de 1934 foi unha fracasada insurrección socialista que só se consolidou en Asturias durante dúas semanas (o único lugar onde tamén participou a CNT). A Revolución de Asturias finalmente foi sufocada tamén pola intervención do exército.
A diferenza da relativa estabilidade política do primeiro bienio (cos dous gobernos de Manuel Azaña), o segundo foi un período en que os gabinetes presididos polo Partido Republicano Radical tiveron unha media de tres meses de vida. Formáronse oito gobernos en dous anos e turnáronse tres presidentes distintos (Alejandro Lerroux, Ricardo Samper e Joaquín Chapaprieta. Aínda duraron menos os dous últimos gobernos do bienio, presididos polo centrista Manuel Portela. A inestabilidade gobernamental do período débese a que a coalición entre o centrodereita republicano do Partido Republicano Radical e a dereita católica da CEDA nunca foi unha coalición pactada. Isto levou a que lle faltase coherencia e lealdade mutua. Ademais, era continua a intervención do Xefe do Estado, Niceto Alcalá-Zamora. Radicais e cedistas coincidían na necesidade de revisar a lexislación do primeiro bienio nalgúns aspectos, sobre todo nos que chamaban «socializantes» (é dicir, socialdemócratas). Porén, non coincidían en determinar até que grao debían cambiarse certas leis.
Durante moito tempo a visión dominante do segundo bienio foi a dun período regresivo e reaccionario. De aí procede a estendida denominación de «bienio negro» en contraposición aos logros do primeiro, o «bienio reformista» ou «modernizador». Neste sentido o segundo bienio sería a negación e a antítese do primeiro. Esta visión foi posta en cuestión e algunhas fontes, como Nigel Townson, considérana un mito, polo menos respecto á etapa anterior á Revolución de outubro de 1934. Até esa data non se frearon nin destruíron as reformas do primeiro bienio, ao contrario, cultivouse un proxecto propio nun intento de forxar un réxime máis inclusivo e conciliador. Para Townson foi «un período de rectificación non de reacción», aínda que segundo Eduardo González Calleja e outras fontes os radicais «fracasaron en impor os seus criterios en liñas xerais» e non «foron capaces de aprobar leis novas realmente alternativas». En cambio, non existe o mesmo consenso na valoración da etapa posterior a outubro de 1934 cos gobernos de coalición entre os radicais e a CEDA. Debátese se ese tempo constituiría un «bienio negro». Townson considera que, malia a crise de credibilidade do centro e a represión da esquerda, non foi «un período de reacción aberta». Os republicano-radicais e os cedistas estiveron sempre en desacordo sobre dúas cuestións fundamentais: a magnitude da contrarreforma e a escala da represión. Con todo, Townson recoñece que os simpatizantes da esquerda foron perseguidos e demonizados. O historiador Fernando del Rey Reguillo admite que se poida aplicar o concepto de «bienio negro» a esta segunda etapa, tras afirmar que resulta inadecuado aplicalo ao conxunto do bienio. González Calleja e outras fontes considérana a etapa contrarreformista por antonomasia do bienio.
En canto ao balance final do bienio o historiador Luis Palacios Bañuelos considera que constituíu o fracaso do ensaio dunha República de dereitas. Para el, o máis grave foi que provocou unha fractura cada vez maior entre os españois.
Eleccións de novembro de 1933 A principios de setembro de 1933 o presidente da República Niceto Alcalá-Zamora retiroulle a súa confianza ao presidente do goberno Manuel Azaña. Este viuse obrigado a dimitir, aínda que acababa de gañar unha cuestión de confianza nas Cortes. Dende outubro de 1931 Azaña presidía un gabinete republicano-socialista que emprendera un amplo programa de reformas durante os dous anos que levaba no poder. Porén, dende principios de ano, tras os sucesos de Casas Viejas, sufrira un enorme desgaste que puxera en cuestión a continuidade da coalición dos republicanos de esquerda co PSOE. Alcalá-Zamora encargoulle a formación dun goberno exclusivamente republicano a Alejandro Lerroux, líder do Partido Republicano Radical, de centrodereita e principal opositor ao goberno social-azañista. Só durou tres semanas porque foi derrotado nas Cortes ao aprobarse unha «moción de desconfianza» presentada polo PSOE por 187 votos a favor (PSOE e republicanos de esquerda) e 91 en contra. Tras unha rolda de consultas o 7 de outubro Alcalá-Zamora nomeou novo presidente do goberno a Diego Martínez Barrio (tamén do PRR), ao tempo que disolveu as Cortes e convocou eleccións. O presidente da República estaba convencido de que as Cortes elixidas en xuño de 1931 xa non representaban a opinión pública dominante nese momento tras as fortes reaccións e tensións que se viviron en España como consecuencia da política reformista do goberno de Azaña. Por esta razón buscou «orientación e harmonía definitiva, acudindo á consulta directa da vontade xeral», tal como dicía o preámbulo do decreto de convocatoria das eleccións.
A nova lei electoral aprobada o 27 de xullo de 1933 introduciu algúns cambios respecto da que se aplicou nas eleccións constituíntes de xuño de 1931. Elevouse ao 40 % a cantidade de votos requirida por unha candidatura para triunfar na primeira volta, mentres que na segunda (que se celebraría se ningún candidato chegaba a esa cifra) só podían participar as que alcanzasen o 8 % dos votos. Ademais posibilitouse o cambio na composición das candidaturas entre a primeira e a segunda volta. Con todo, mantívose o esencial; era un sistema electoral maioritario de listas abertas que premiaba as candidaturas que obtivesen máis votos. Así, os partidos que conseguisen presentarse en coalición conseguían un maior número de deputados que se se presentaban en solitario.
Con todo, a principal novidade destas eleccións foi que por primeira vez as mulleres puideron exercer o seu dereito ao voto, recoñecido na Constitución de 1931, nunhas eleccións xerais. Preto de 7 millóns foron convocadas ás urnas. Por iso, durante a campaña electoral todos os partidos dirixíronse especialmente a elas. Unha proclama da candidatura das dereitas por Córdoba dicía: «Non esquezas que vas defender os teus dereitos de nai, de esposa [...] co teu voto vas servir o teu Deus e a túa patria».
Partidos miniatura|Logo da Confederación Española de Dereitas Autónomas (CEDA) A diferenza das eleccións constituíntes de xuño de 1931, as dereitas non republicanas formaron unha coalición electoral que se formalizou o 12 de outubro de 1933 como Unión de las Derechas y de los Agrarios. Nela integráronse a CEDA como partido hexemónico, o Partido Agrario (comprometido na defensa da «relixión, o ensino, os intereses do campo» e en «evitar a cruel desmembración de Cataluña», aínda que formalmente non se constituíu até xaneiro de 1934, xa que se viu obrigado a acatar a República para ser legalizado), os monárquicos afonsinos de Renovación Española e a Comunión Tradicionalista (que polo seu antiparlamentarismo pódense situar na extrema dereita), ademais dalgúns independentes agrarios e católicos. Malia as súas diferenzas ideolóxicas e tácticas lograron elaborar un programa mínimo de tres puntos que plasmaba os tres eixos da súa política de oposición aos gobernos de Manuel Azaña durante o primeiro bienio en defensa da orde e da relixión:
Revisión da Constitución de 1931 e da lexislación reformista, especialmente a social e a relixiosa. Abolir a Lei de Reforma Agraria de 1932. Amnistía por «delitos políticos», o que supuña sacar do cárcere todos os condenados polo intento de golpe de estado de agosto de 1932 liderado polo xeneral Sanjurjo.
Durante a campaña a CEDA, que expuxo as eleccións como un plebiscito sobre a natureza do réxime republicano, fixo un gran despregamento de propaganda grazas ao financiamento que obtivo, moi por riba do resto dos partidos que concorrían ás eleccións. O manifesto da Coalición Antimarxista (o nome que adoptou a candidatura das dereitas non republicanas pola circunscrición por Madrid), publicado polo diario católico El Debate o 1 de novembro, definía a política aplicada polos gobernos republicano-socialistas do primeiro bienio como «marxista», «coa súa concepción materialista e anticatólica da vida e da sociedade» e o seu «antiespañolismo». Polo tanto,
Canto ao líder da CEDA, José María Gil Robles, destacou o discurso que pronunciou o 15 de outubro no Monumental Cinema de Madrid, tras a visita que fixera á Alemaña nazi o mes anterior. Durante ela presenciara o primeiro Congreso de Nürnberg do Partido Nazi no poder. No discurso defendeu que había que dar a España un «política totalitaria»:
Pola súa banda o Partido Republicano Radical de Alejandro Lerroux, que liderara a oposición aos gobernos de Manuel Azaña durante 1933, esperaba recoller os froitos da mesma e presentouse como unha opción de centro, resumida no lema «República, orde, liberdade, xustiza social, amnistía». Para iso pactou con outros grupos republicanos de centrodereita (o Partido Republicano Liberal Demócrata de Melquíades Álvarez e o Partido Republicano Progresista, o partido do presidente da República, Niceto Alcalá-Zamora) e coa CEDA e o Partido Agrario nas circunscricións onde foi necesario celebrar segunda volta. miniatura|Logo do PSOE En cambio, os republicanos de esquerda e o PSOE, que se presentaron en coalición nas eleccións constituíntes de 1931, agora fixérono por separado. No PSOE impúxose a postura de romper completamente as relacións cos republicanos. Durante a campaña electoral Largo Caballero, convertido no líder que mellor encarnaba a nova orientación do PSOE, reiterou que «o Partido Socialista vai á conquista do poder»:
Así pois, o panorama electoral é xusto o contrario ao das eleccións de 1931. As dereitas son agora as que aparecen unidas fronte a desunión das esquerdas e dos republicanos. Pola súa banda, a CNT despregou unha campaña sen precedentes a favor da abstención, con insultos e descualificacións a dereita e esquerda. A súa alternativa era a insurrección se gañaban «as tendencias fascistas» e instaurar o comunismo libertario.
Resultados miniatura|Mapa dos resultados das eleccións xerais de España de 1933 por circunscricións electorais (provincias e grandes cidades). A dereita en azul escuro, o centro dereita en azul claro, o centro en verde e a esquerda en vermello O resultado das eleccións de novembro de 1933 —«as primeiras eleccións aceptabelmente limpas da historia de España», segundo o historiador William Irwin— foi a derrota dos republicanos de esquerda e do PSOE e o triunfo da dereita e da centrodereita. Isto debeuse fundamentalmente a que os partidos desa tendencia presentáronse unidos formando coalicións, mentres que a esquerda se presentou dividida. A coalición da dereita non republicana obtivo ao redor dos 200 deputados, dos cales 115 eran da CEDA, 30 do Partido Agrario, 20 de Comunión Tradicionalista, 14 da afonsina Renovación Española e 18 independentes de dereita, máis dous fascistas (un de Falanxe Española e outro do Partido Nacionalista Español). O centrodereita e o centro obtiveron uns 170 deputados (102 do PRR, 9 dos liberal-demócratas e 3 dos progresistas; 11 do PNV, 24 da Lliga Rexionalista, 6 do Partido Republicano Gallego e 17 do Partido Republicano Conservador).